A efectividade dos medicamentos antituberculosos é cada vez menor. Un estudo publicado pola revista británica The Lancet amosa que a resistencia contra estes tratamentos é cada vez maior, e que as variedades máis difíciles de combater están máis estendida do calculado anteriormente.
A tuberculose é unha doenza infecciosa transmitida por unha bacteria, o bacilo de Koch, e adoita afectar os pulmóns. Só o 10% das persoas infectadas polo bacilo chegan a desenvolver a enfermidade, afirma a Organización Mundial da Saúde (OMS).
O estudo analizou máis 1200 pacientes de Letonia, Estonia, Rusia, Tailanda, Corea do Sur, Filipinas, Perú e Sudáfrica. Todos tiñan en común padecer a tuberculose multirresistente, aquela que non se pode tratar cos medicamentos máis habituais ou de "primeira liña", a rifampicina e a isoniazida. Isto obriga a empregar os medicamentos de "segunda liña", que son máis caros e producen máis efectos secundarios.
Todos os pacientes estudados padecían tuberculose multirresistente.
Porén, o 43,7% dos doentes estudados amosaron resistencia polo menos a a un dos medicamentos da "segunda liña". O grao de resistencia varia segundo os países estudados, en parte tamén polos diferentes métodos de investigación empregados, ao que cómpre sumar factores de risco como o desemprego, o alcoholismo ou adicción ao tabaco, que tamén se tiveron en conta.
O estudo sinala como un factor determinante para desenvolver a tuberculose multirresistente ter pasado por un tratamento previo. Unha mala administración da medicación é unha das razóns que a OMS sinala como causantes da aparición destas variedades resistentes. Outras razóns son a falla de subministros de medicamentos nalgúns países, a súa mala calidade ou a falla de apoio aos pacientes para que rematen o tratamento.
Nesta liña, os investigadores atoparon que a resistencia aos medicamentos medraba de forma paralela ao aumento da dispoñibilidade dos medicamentos de "segunda liña" en cada país como resultados dos programas da OMS. Este organismo internacional cifraba en 400.000 os afectados pola tuberculose multirresistente, entre o 3 e o 5% dos casos a nivel mundial.
A resistencia aumenta en paralelo á maior dispoñibilidade de medicamentos.
Amais, un 6,7% dos pacientes estudados resultaron ter a tuberculose extremadamente resistente, unha variedade moito menos común e para a que non hai tratamento específico. Até o 30% dos infectados con esta variedade poden chegar a se curar aplicando seis clases de medicamentos da "segunda liña" administrados por médicos formados para este este tipo de situacións, asegura a OMS. Porén, os autores do estudo consideran a tuberculose extremadamente resistente como "o anuncio da chegada dunha tuberculose xeneralizada e practicamente intratábel".
Os investigadores consideran os resultados da investigación como "preocupantes" e "un gran risco para a saúde pública", polo que piden continuar as investigacións sobre a resistencias aos medicamentos antituberculosos e mellorar os sistemas de detección dos casos das variedades máis difíciles de combater para controlar a situación.
Tuberculose en Galiza
Galiza é un dos territorios do Estado Español cunha taxa máis elevada de casos de tuberculose, 28 por cada 100.000 habitantes no ano 2010. Porén, desde os anos noventa experimentouse un descenso de máis do 60% no número de casos, segundo datos achegado pola Consellería de Sanidade.
A presenza das variedades resistentes en Galiza é baixa
Desde o ano 2004 o Sergas realiza test de resistencia aos medicamentos, e entre o ano 2007 e 2010 só o 0,4% dos pacientes infectados con tuberculose padecían a variante multirresistente, mentres que non se detectou ningún caso da extremadamente resistente.