A retirada de ligazóns: un pau na roda da Lei Sinde

Protesta contra a lei Sinde © Vadim Trochinsky

En xaneiro de 2011 un estoupido de indignación percorría as redes contra unha lei que pretendía protexer a Propiedade Intelectual dos autores pero que, para moitos, atentaba contra a liberdade de expresión nun medio até agora libre como internet. As protestas fixéronse físicas pero non lograron impedir que a polémica Lei Sinde se aprobase no Congreso e que un ano máis tarde -con Wert como ministro de Cultura- entrase en vigor.

“Estes inicios de loita apenas saían de internet. O movemento cidadán que estaba a ser moi activo en redes sociais non tiña os mecanismos suficientes nin era un momento no que se tivese a forza necesaria”, conta a eldiario.es Mario Tascón, presidente da Rede de Empresas de Internet (REI). Pero o momento chegou.

Segundo o devandito artigo, retirar un contido dun sitio web tras recibir a petición de Cultura podía implicar que o responsable dese sitio web recoñecía que vulneraba un dereito de propiedade intelectual

Tascón leva desde o principio en loita contra a Lei Sinde e agora, despois de case dous anos, o Supremo estima parte do recurso presentado pola REI e tomba un dos aspectos máis criticados da Comisión Reguladora. O artigo en cuestión referíase a que a acción de retirar un contido -de forma voluntaria- supostamente vulnerador, se lle daba unha valoración automática de "un recoñecemento implícito da referida vulneración". É dicir, segundo o devandito artigo, retirar un contido (unha ligazón a unha descarga) dun sitio web tras recibir a petición de Cultura podía implicar que o responsable dese sitio web recoñecía que vulneraba un dereito de propiedade intelectual. “Era un razoamento maquiavélico”, afirma Mario Tascón. “Se me chega un aviso e eu retíroo por medo á lei, ou por precaución, non por iso estou a admitir que sexa roubado. Son cousas distintas”.


Medio pulso gañado

“É unha vitoria agridoce”, laméntase Tascón. “Esta Lei segue atentando contra a liberdade de expresión e crea unha internet distorsionante en España"

Até agora, a resposta da Comisión Sinde ante eses casos era arquivar as actuacións considerando que o administrador da web acababa de recoñecer implicitamente a infracción ao retirar os contidos. “Arquivábao pero incluía a coda do que iso implicaba”, di Javier Maestre, avogado do Bufet Almeida que levou o caso. Unha espada de Damocles que pendía sobre calquera suposto infractor. “Se se procedeu á retirada da ligazón non ten sentido seguir adiante co procedemento. Non se lle pode atribuír ningún tipo de responsabilidade”.

Coa sentenza, que se daba a coñecer o pasado xoves, despéxase este terreo e disípase a situación de incerteza para os usuarios ou webmasters. Con todo, o Supremo continúa considerando legal o precepto polo que a Lei Sinde lle atribúe a un órgano administrativo a facultade de retirar contidos e suspender servizos de páxinas web. Aínda que lembraba tamén que “os xuíces deberán ser os que revisen a execución destas medidas”. “É unha vitoria agridoce”, laméntase Tascón. “Esta Lei segue atentando contra a liberdade de expresión e crea unha internet distorsionante en España. Se están a intervir sitios, un internauta español pode ver unha internet diferente que o doutro país”.

A Asociación de Internautas, pola súa banda, tamén recorreu ante o Supremo, aínda que sen éxito, esixindo que se anule a potestade da Comisión de pechar webs porque considera que “a Constitución atribúelle unicamente aos xuíces esa capacidade”.


Comisión segreda

É ese órgano administrativo, denominado Comisión Sinde, o que máis bochas levanta na pouco apreciada lei

É ese órgano administrativo, denominado Comisión Sinde, o que máis bochas levanta na pouco apreciada lei. En máis dun ano que leva vixente esa Comisión, as acusacións de opacidade e segredo non cesaron. Lonxe de facilitar información sobre os seus membros, chegou a prohibir revelar os nomes baixo pena de multa como lle ocorreu a David Bravo, avogado especialista en propiedade intelectual. Aínda que finalmente, en febreiro deste ano deron a coñecer os nomes, o poder que ostentan é obvio. “No seu propio regulamento, nos artigos 22 e 23, di que é a Comisión quen decide que é unha infracción e quen ordena a retirada dos contidos”, explica Bravo.

Pero baixo que criterios? “Se, por exemplo, aparece un vídeo de Siria denunciando o que está a pasar alí e eles [ a Comisión] sen xuíces polo medio, deciden que é ilegal e o retiran, aí xa estamos a falar de censura, ao máis puro estilo franquista”, asevera Mario Tascón.

“Se, por exemplo, aparece un vídeo de Siria denunciando o que está a pasar alí e eles [ a Comisión] sen xuíces polo medio, deciden que é ilegal e o retiran, aí xa estamos a falar de censura, ao máis puro estilo franquista”, asevera Mario Tascón

Para o Tribunal Supremo, con todo, a teor da sentenza publicada, isto non coarta a liberdade de expresión. “A Lei Hadopi en Francia -contra as descargas- foi derrogada. Como a Lei Sinde non hai ningún país que a teña, a non ser que sexan países con menos tradición democrática como China e Irán”, explica o avogado. “Desde logo existen poucos países que recorran á administración para adoptar o papel que ten en España”.


En pé de guerra

A sentenza abre unha brecha na até agora intocable lei. “Conseguimos unha parte importante”, di Javier Maestre. “En Internet están a suceder moitas agresións a dereitos que estaban consagrados e hai que defendelos, e no marco desa defensa a resolución desta sentenza é un paso adiante”.

“En Internet están a suceder moitas agresións a dereitos que estaban consagrados e hai que defendelos, e no marco desa defensa a resolución desta sentenza é un paso adiante”

Para o avogado e para o presidente da REI, a Lei Sinde ten uns criterios que non son aqueles para o que inicialmente foi concibida que é para protexer os autores e favorecer que os cidadáns teñamos acceso á cultura. “Eses obxectivos déixanse de lado para favorecer uns modelos de negocio caducos de todos os intermediarios da industria cultural”, critica Maestre.

“A Lei Sinde é só un gran dentro doutro mar moito máis complexo, e de moito máis calado”, advirte Tascón. “Temos que reservarnos para unha loita que vai vir en breve que é contra a reforma da Propiedade Intelectual, porque visto o visto hai que prepararse pero ben preparados. Aínda que isto, como mínimo, foi un pau na roda”.

Protesta contra a lei Sinde © Vadim Trochinsky

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.