A Unión de Consumidores esixe que a conexión a Internet se axuste á velocidade contratada

As conexións de 20 Mbps son as que ofrecen peores datos de velocidade de descarga Dominio Público Praza Pública

Un exhaustivo estudo da Asociación de Internautas, difundido a través da Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), pon de novo sobre a mesa a diferenza existente entre a calidade e a velocidade de conexión a Internet contratadas e o servizo e velocidades reais das que dispoñen os usuarios. O traballo foi realizado entre xullo de 2012 e maio de 2013 a través de 12,3 millóns de tests que comprobaron as velocidades reais de subida e baixada e as compararon coas ofertas realizadas polas distintas empresas que operan en España.

A Unión de Consumidores de Galicia salienta que "non é admisible que sigan permitíndose comercializacións de produtos que como no ADSL entregan de media o 67% da velocidade contratada", como evidencia tamén un recente estudo da Comisión Europea. A xuízo da UCGAL, é necesario que a Comisión do Mercado das Telecomunicacións e a Secretaría de Estado de Telecomunicacións traballen para mellorar a calidade do servizo que prestan os operadores e a mellora real da competencia entre eles.

O estudo da Asociación de Internautas estrutúrase en catro grandes apartados, velocidade de baixada, velocidade de subida, fiabilidade e estabilidade da conexión e por último avarías e reclamacións. Ono, R e Movistar son líderes en porcentaxes medias de descarga, superando o 90%, mentres que as porcentaxes medias de descarga de Orange, Jazztel e Telecable están por baixo do 80% e Vodafone só acada o 82%. Os peores datos danse nas conexións de 20 Mbps, as máis habituais, nas que os operadores de ADSL ofrecen porcentaxes de descarga que oscilan entre o 59% e o 68%. En velocidades entre 50 e 100 Mbps Movistar e Ono seguen ofrecendo valores moi altos, co 98,7% e o 98,4% mentres que R descende o seu cociente ao 85%.

Os peores datos danse nas conexións de 20 Mbps, as máis habituais, nas que os operadores de ADSL ofrecen porcentaxes de descarga que oscilan entre o 59% e o 68%

O informe sinala que nos capítulos de fiabilidade técnica e resposta ás reclamacións, UCGAL sinala que a empresa con peor valoración é R, que tarda máis de 33 días, "superando o prazo que marca a vixente lei galega de protección dos consumidores". R é tamén a empresa que rexistra máis avarías e, xunto con Vodafone, o que tarda máis tempo en subministrar o servizo, uns 24 días, fronte aos dez de media doutras compañías. 

Rolda de prensa da Unión de Consumidores de Galicia © Ucgal
As conexións de 20 Mbps son as que ofrecen peores datos de velocidade de descarga Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.