A universidade pasa á ofensiva contra as pseudociencias

Imaxe do curso impartido na Universidade de Zaragoza contra as pseudociencias Dominio Público Materia

“Unha institución que, por definición, é a casa do coñecemento e a ciencia, non pode xamais apoiar iniciativas deste tipo que van en contra da súa natureza”. Esta frase forma parte dunha carta que se enviou á comunidade da Universidade de Córdoba. É unha das moitas que se escribiron e asinaron nos últimos anos contra o avance de pseudociencias e terapias naturais coma a risoterapia, homeopatía, biodinámica, e reiki nas aulas do ensino superior. Con todo, esta ten unha particularidade: non a asinan catro profesores batalladores ou unha asociación escéptica, senón o Consello de Estudantes da Facultade de Ciencias.

A pelexa solitaria de moitos docentes universitarios comeza a gañar batallas, esencialmente porque xa non están tan sós como antes

A pelexa solitaria de moitos docentes universitarios comeza a gañar batallas, esencialmente porque xa non están tan sós como antes. Este ano a mobilización do profesorado e os alumnos da Universidade de Zaragoza, que viña soportando numerosos cursos, másteres e conferencias sobre pseudociencias, logrou tombar un curso que xa se consolidara en anos anteriores sobre homeopatía, a pseudomedicina máis estendida. Na Universidade de Alacante, onde antes sufrían xornadas astrolóxicas, agora gozarán dun curso sobre Os problemas sociais das pseudociencias. E en Córdoba, protestas formais e cartas coma a mencionada conseguiron que o reitorado se comprometa a pechar a manga ante as paraciencias.

“Hai un descoñecemento e ignorancia maiores do que pensamos, mesmo dentro da universidade”

“En 2011, cando se anunciou o curso de homeopatía veterinaria, mandei unha petición de información ao reitorado e ignoráronme. Este ano, ante o ruído que armamos coas mobilizacións, tiven unha reunión co equipo reitoral, que se comprometeu a aumentar o control ante este tipo de pseudociencias”, resume Jesús Torres, profesor de Física Aplicada en Córdoba. Segundo conta, na súa reunión cos vicerreitores tivo que explicarlles que a homeopatía non era “unha ciencia controvertida” senón unha terapia inútil: “Hai un descoñecemento e ignorancia maiores do que pensamos, mesmo dentro da universidade”, di.


Cambio de tendencia

Torres cre que se lle está dando a volta á tortilla, recuperando o terreo perdido, pero con reservas: ”Botámolos dunha universidade e, como buscan o seu prestixio e o seu aval, deseguido póñense a buscar outra onde engancharse”, lamenta. Como contrapeso á homeopatía veterinaria, Torres realizou este ano un curso de extensión universitaria chamado A Ciencia das Pseudociencias para o que contou con recoñecidos divulgadores como Luís Alfonso Gámez.

Tamén participou no curso Fernando Frías, un dos pioneiros: sen o seu tesón, probablemente as universidades españolas estarían infestadas de falabaratos. En 2010 comezou a denunciar todas e cada unha das iniciativas pseudocientíficas que aniñaban entre os muros das institucións españolas no blog A lista da vergoña. Desde alí sinálase as autoridades académicas que colaboran coas paraciencias, para avergoñalas e darlle difusión á ignominia. Nalgúns momentos, non daba abasto. ”Había días en que recibía dous ou tres emails con novos casos”, lembra Frías.

Aos poucos, teceuse unha rede de escépticos indignados que denunciaban en blogs e redes sociais cada novo territorio que gañaban astrólogos, homeópatas ou reflexólogos podais

“Cando empecei, pensaba que era algo moi localizado, pero deime conta de que había cursos de todo tipo e en case todas partes”, asegura. Aos poucos, teceuse unha rede de escépticos indignados que denunciaban en blogs e redes sociais cada novo territorio que gañaban astrólogos, homeópatas ou reflexólogos podais. Até tal punto que nalgúns casos os responsables das universidades comprometíanse a retirar o curso a cambio de non aparecer na Lista.


Mobilización do alumnado

“O máis saudable é a mobilización de profesores e alumnos, xa non son catro gatos"

E aos poucos, a mensaxe foi callando. “O máis saudable é a mobilización de profesores e alumnos, xa non son catro gatos”, destaca Frías, que admite que a tendencia cambiou. “Agora só xorden cousiñas de menos importancia. Non sei se é unicamente pola mobilización ou pola crise económica. É certo que antes, cando programaban estas cousas, non pasaba nada na propia universidade. Agora non é tan fácil”, explica Fritan en referencia ao sucedido nos últimos meses na Universidade de Murcia.

Alí xa tiveron varios cursos de homeopatía presentados como tales, sen andrómenas. Con todo, este ano, algo parece cambiar. Lanzouse unha cátedra de medicina de familia patrocinada por un laboratorio homeopático, pero tratando de evitar que a palabra homeopatía tivese ningún protagonismo. Aínda así, a xogada provocoulle varios desgustos ao decano da Facultade de Medicina, Joaquín García-Estañ. Ás protestas de alumnos e profesores, seguiulle unha queixa da plataforma cidadá Non Grazas; a repercusión en prensa obrigou ao decano a negar a existencia dunha cátedra homeopática por vía interna. “Até institucións como a Academia de Ciencias de Murcia, que tenden a saír pouco da súa burbulla de cristal, escribiron un duro comunicado”, ironiza Frías.

Todas as fontes consultadas para esta reportaxe coinciden en que a crise e os novos modos da universidade propician a creación de espazos coma o denunciado en Murcia, as cátedras de empresa

Todas as fontes consultadas para esta reportaxe coinciden en que a crise e os novos modos da universidade propician a creación de espazos coma o denunciado en Murcia, as cátedras de empresa: un modelo pensado para propiciar sinerxías entre o mundo académico e o profesional que laboratorios homeopáticos como Boiron e Heel aproveitaban até agora sen apenas oposición. ”Agora hai máis controis”, asegura Frías. “Buscan o prestixio da universidade para poder venderse mellor”, critica Eustoquio Molina, catedrático de Paleontología na máis parasitada das universidades españolas, a Universidade de Zaragoza.


O perigo das cátedras de empresa

“A andrómena que teñen montada aquí é impresionante: cátedra de empresa con Boiron, máster de acupuntura, cursos de posgrao, materias no grao... Ao principio usaban eufemismos, logo deixaron de facelo e xa aparecen materias co nome de homeopatía ou acupuntura”, lamenta Molina. No entanto, tras lanzar este ano “unha ofensiva académica e mediática”, apuntáronse a primeira batalla para a ciencia fronte á pseudociencia nesa maltratada institución aragonesa: a Universidade de Zaragoza anunciaba o pasado 23 de maio a retirada de dous títulos de homeopatía.

Molina critica a falta de transparencia dos responsables universitarios á hora de darlle cancha a estas pseudociencias coa conivencia de profesores interesados. “Non son un complemento, son parasitos do medicamento científico"

“Retíranos para evitar máis polémicas”, resume Eustoquio Molina, que leva xa moitos anos pelexando contra as pseudociencias na súa universidade, como cando logrou que se deixase de ensinar astroloxía nunha materia de Filosofía. Este ano, desde a asociación cultural ARP-Sociedade para o Avance do Pensamento Crítico (ARP-SAPC) á que pertence, impugnaron as materias contra as que lles permitiron alegar. “En 2009, alegamos un farmacólogo, un químico e eu, pero cada un pola súa conta. Este ano organizámonos para facer ruído”, resume.

Molina critica a falta de transparencia dos responsables universitarios á hora de darlle cancha a estas pseudociencias coa conivencia de profesores interesados. “Non son un complemento, son parasitos do medicamento científico”, di. Por iso móstrase optimista: “A batalla está gañada se insistimos, porque a razón está da nosa parte”. En moitos casos, o papel que desempeñan os medios proporciona desánimo, como cando unha axencia como EFE promociona sen crítica algunha o lanzamento do Libro Branco da Homeopatía, financiado por Boiron para a súa cátedra da Universidade de Zaragoza.


O prezo da loita

Estes profesores que se enfrontaban aos aliens nas súas facultades atopáronse coa soidade da súa loita, coa hostilidade de compañeiros e máis dunha ocasión con problemas legais e coas autoridades universitarias

Con todo, non hai que esquecer que dar guerra non sae gratis. Estes profesores que se enfrontaban aos aliens nas súas facultades atopáronse coa soidade da súa loita, coa hostilidade de compañeiros e máis dunha ocasión con problemas legais e coas autoridades universitarias. O caso do profesor Fernando Cuartero serviu para cambiar silencios cómplices por iniciativas indignadas, despois de que fose condenado a pagar 204 euros de multa por chamar “estafadores” a uns espiritistas (máis adiante absolvérono por prescrición).

O Círculo Escéptico lanzou un fondo solidario para dar apoio a futuribles profesores en apertos e creouse un grupo de apoio en Facebook que aínda bole hoxe coa actualidade da pelexa constante contra as pseudociencias. “Vía estes problemas como algo alleo ao meu. Parecíame mal que se fixesen, pero ata que non chegaron á miña universidade non me indignei”, lembra agora Cuartero, profesor da Universidade de Castela- A Mancha, onde impartirá este verán un curso de Escepticismo e pensamento crítico: xa no propio título do curso volve aparecer a palabra “estafa”.

Cuartero recoñece que “a ninguén lle apetece enfrontarse cos colegas” e que “o que máis doe é esa quinta columna interesada que venda o seu prestixio”. “É prostitución, non ten outro nome”, asegura o director do departamento de Informática da universidade manchega. “Cando ocorre, só hai unha posibilidade: denuncialo e que saiban que van ter máis problemas se o aproban que se non o fan”, engade convencido de que xa non é tan sinxelo colonizar paraninfos para empresas alleas á ciencia.


Divulgación e máis divulgación

Outros pioneiros desta contenda perpetua son os profesores da aula Cultural de Divulgación Científica da Universidade de La Laguna. Conseguiran manter inmaculadas as súas aulas desde que en 2000 decidiron lanzar o curso Ciencia e Pseudociencias, convertido xa nun referente. Ata que se toparon cun curso de homeopatía, un susto común en case todas as universidades españolas: ”Sacamos un comunicado durísimo de inmediato”, lembra José María Riol, profesor de bioquímica e director da aula, que leva unha ducia de anos organizando cursos e eventos para levar a ciencia á sociedade.

“Pode custar caro, decátaste de que esta xente tamén sabe xogar as súas cartas. Pero hai que enfrontarse, dar a cara, estamos aquí para iso”

Como noutras ocasións, o comunicado supuxo moitos problemas dentro da universidade a Riol, que viviu nas súas propias carnes que este activismo pode ter consecuencias mesmo para a súa carreira docente. “Pode custar caro, decátaste de que esta xente tamén sabe xogar as súas cartas. Pero hai que enfrontarse, dar a cara, estamos aquí para iso”, desafía Riol. Tanto el como Jesús Torres reclaman que se actúe a outro nivel contra estes fenómenos que asedian a universidade: “Sería necesario que os reitores tomasen conciencia e traballasen xuntos para evitar que estes cursos vaian saltando dunha facultade a outra”, di Torres.

En apenas uns anos, o traballo de “guerrilleiros”, como os chama Riol, vai camiño de converterse case nun exército regular que defende con paixón que na universidade non hai sitio para estafadores con protestas, comunicados, e calquera evento que sirva para facer dano ao seu inimigo onde máis lle doe: a falta de credibilidade. Que en moitos centros sexan xa os alumnos quen se mobilizan proba que a mensaxe está a chegar. Confiado, Eustoquio Molina sentencia: “É unha árbore que custa mover, pero entre todos é fácil e a froita caia, porque está madura”.

Imaxe do curso impartido na Universidade de Zaragoza contra as pseudociencias Dominio Público Materia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.