A universidade pública española é das máis caras da UE

Manifestación de estudantes en Ferrol CC-BY-SA Suso

A universidade pública española é das máis caras da Unión Europea, mentres que o sistema estatal de bolsas e axudas aos estudantes universitarios é un dos máis febles de todos os países membros da UE-21. Así se conclúe dun informe elaborado polo Observatori del Sistema Universitari (OSU) e presentado pola Universitat de Barcelona (UB).

Ademais, e tal e como se advertiu na presentación do informe Quant paga l’estudiant? Preus i taxes de la matrícula a Catalunya, a Espanya i al món, o vindeiro curso producirase no Estado “un cambio substancial nos prezos das matriculacións logo da aprobación sen debate do Real Decreto Lei 14/2012” que establece un incremento das taxas universitarias segundo dos custos. “Os prezos poden incrementarse un 66% e o problema radica en que a medida é ambigua e difícil de aplicar sobre un modelo de custos non definido”, lembrou Dídac Ramírez, reitor da UB.

Só en Portugal, Holanda, Italia, Irlanda e o Reino Unido os prezos da universidade pública son maiores

Segundo o informe, tan só en Portugal, Holanda, Italia, Irlanda e o Reino Unido os prezos da universidade pública son maiores. Polo tanto, España é o sexto país da UE-21 onde os prezos para estudar son máis altos, ademais de ser un país no que se ofrecen moi poucas bolsas. Ademais, compróbase tamén como os estudantes universitarios de España pagan, de media, entre o 19% e o 20% do custo dos seus estudos, un nivel de contribución bastante alto se o comparamos con outros países da mesma área cultural. Máis se se ten en conta a inexistencia de bolsas salario, así como a limitada cantidade de bolsas de estudo que hai no Estado.

Se nos fixamos por comunidades autónomas, o estudante universitario en Galicia paga de media un 18,9% dos custos dos estudos, unha cantidade lixeiramente inferior á media estatal (19,88%), pero maior tamén á de territorios como Catalunya, Euskadi ou Cantabria. O informe advirte tamén que o prezo dun mesmo estudo duplícase (no caso dos graos) ou triplícase (nos másters) segundo a autonomía onde se curse. 

O documento insiste moito no cambio en profundidade que provocará no sistema actual de fixación de prezos a normativa aprobada polo Goberno e recorda que “por primeira vez” remítense os prezos aos “custos de prestación do servizo”, uns custos que non están determinados con precisión nin son homoxéneos, tal e como denunciaron os reitores españoles.

Por iso, non se coñece aínda cal será o impacto do Real Decreto sobre as matrículas do vindeiro curso. No entanto, o OSU lembran que de acordo cos seus datos, a aplicación do decreto permitíra unha redución de prozos, xa que aproporción dos custos que cobre o estudante son dun 20% e o decreto lei admite calquera valor no intervalo entre o 15% e o 25%.

O informe Quant paga l’estudiant? Preus i taxes de la matrícula a Catalunya, a Espanya i al món é o primeiro estudo do Observatori del Sistema Universitari (OSU), unha plataforma independente de investigación, análise e debate, que ten como obxectivo ofrecer documentación, estudos e opinión constrastad, ademais de elaborar propostas e intervir nos debates públicos sobre a universidade.

HABERÁ AMPLIACIÓN

Presentación do informe na Universitat de Barcelona © UB

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.