A Xunta nega a falta de coordinación na extinción de incendios da que se queixan varios colectivos

O lume, ao carón das casas na Veiga de Cascallar CC-BY-NC Concha Fernández

A Xunta presume dunha "moi exquisita" coordinación do dispositivo de loita contra os incendios, o que, segundo a conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, permitiu que se controlase "tan rápido" o lume que afectou a 1.600 hectáreas na comarca de Valdeorras. "Se houbese unha mala coordinación, está claro que o incendio a día de hoxe non estaría nin controlado nin como está a situación", asegurou Quintana, que respondeu así ás críticas dos sindicatos, que aseguraban que fallara precisamente esa coordinación, unhas críticas ás que se uniron algúns veciños da zona.

Así, UGT, CCOO e CIG advierten do "risco" que supón tanto para o persoal como para os cidadáns manter un operativo contra incendios "atomizado", ao mesmo tempo que acusan a Xunta de "impoñer cambios temerarios" nos cadrantes de traballo. Ademais, a central nacionalista xa anunciou que presentará este martes unha denuncia ante a Fiscalía por un suposto delito de prevaricación na contratación de brigadas helitransportadas.

A Alianza Por un Medio Rural Galego Vivo "rexeita" a política de prevención e extinción de incendios

De feito, a Alianza Por un Medio Rural Galego Vivo, conformada pola CIG, Adega, a Organización Galega de Comunidades Veciñais de Montes en Man Común e a Fruga, convocou para este mércores unha concentración "en repulsa" contra o incendio forestal que comezou no Barco de Valdeorras. Este colectivo amosa o seu "rexeitamento e condena" á actual política de prevención e extinción de incendios da Xunta, que "desmantelou boa parte das brigadas de extinción", xunto á súa "nula política preventiva" e na que "varreu" ás brigadas de investigación de incendios forestais.

Así, censuran tamén a nova Lei de Montes, aprobada "sen consenso social", e que segundo o colectivo vai permitir "o cultivo extensivo de especies foráneas, a reforestación de terras agrarias e a redución das distancias de seguridade que establecía a Lei anterior". "A sociedade está viva e que non imos permitir a destrución do noso país", aseguran.

Xa o pasado sábado, un comunicado conxunto de SLG (Sindicato Labrego Galego), AGA (Asociación Galega de Apicultura), Verdegaia e Plataforma para a Defensa das Fragas do Eume denunciaba "a inoperancia da Xunta para prever e extinguir os lumes forestais" que, nas súas palabras, estanse a converter "nunha auténtica praga que esquilma o medio ambiente forestal, produce grandes perdas económicas e pon en perigo a integridade física das persoas, cada vez con máis frecuencia". Incluso veciños afectados aseguraban o sábado a Praza que "o problema" é que o monte "está abandonado e non se pode botar a culpa aos propietarios cando a media de idade é de 75 anos".

De feito, o director do Instituto de Estudos do Territorio, Manuel Borobio, sinalou este luns o coñecemento da paisaxe e a elaboración de directrices e obxectivos de calidade como vías a través das cales se lograría, "sen dúbida ningunha", unha "mellor xestión" e un "menor abandono" do medio rural para que se poidan evitar "desastres" como o incendio do Barco.

Brigadistas de vacacións en plena época de incendios

Por outra banda, bombeiros forestais de Galicia expresaron, a través dun comunicado, que empresas encargadas de xestionar o dispositivo contraincendios en Galicia "envían aos seus traballadores de vacacións en pleno mes de agosto e cun alto risco de incendio forestal". "Membros das brigadas de reforzo de verán que loitan contra o lume en Galiza están estes días de vacacións", denuncian que esta é unha decisión tomada polas empresas Seaga, Tragsa e Natutencia, encargadas de xestionar as brigadas de reforzo contraincendios forestais para a campaña de verán, "por orde da Consellería do Medio Rural da Xunta".

Restos tras o incendio no cemitorio de Castelo, en Rubiá Dominio Público @Albisssima
Lume no incendio do Barco Dominio Público @isolasdelasolas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.