A Xustiza volve cuestionar a política lingüística da que segue a presumir a Xunta

Manifestación a prol do ensino en galego CC-BY-SA Merixo

Unha nova sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) volve darlle un tirón de orellas á Xunta pola súa política lingüística. Logo de estimar parcialmente o recurso da Mesa, Queremos Galego e CIG-Ensino, e máis tarde o da Real Academia Galega, desta vez o ditame dá tamén parcialmente a razón ao recurso interposto polo sindicato STEG e, ao igual que nos outros casos, decide anular os artigos 5.2 e 12.3 da norma ao consideralos contrarios a dereito.

A sentenza anula, como nos outros ditames, os artigos claves do decreto e declara ilegal a consulta ás familias

Así, declara ilegal o feito de que a lingua materna predominante do alumnado sexa determinada polo centro educativo de acordo co resultado dunha pregunta que se efectuará aos pais, así como a posibilidade de que os alumnos empreguen na aula un idioma diferente ao da materia que se imparte.

Xa que logo, e mentres Feijóo segue a presumir de "equilibrio lingüístico" e ausencia de conflito arredor do idioma en Galicia, a Xustiza volve recordarlle que o cerne da súa política lingüística, aquel co que intentou contentar os sectores máis extremistas da dereita, non é legal.

O STEG ve na sentenza o triunfo "do sentido común" porque anula "o fundamento da norma e da mentira"

A sentenza, case idéntica á emitida tras o recurso da RAG, incide na responsabilidade da Administración á hora de determinar a lingua do ensino e descarta a posibilidade de que os rapaces decidan o idioma a utilizar na clase, independentemente da materia que se imparta. O STEG celebra a sentenza, que considera "un triunfo do sentido común, un triunfo da comunidade educativa e de todas as organizacións que sumamos esforzos en defensa do ben común da nosa lingua". "Un triunfo na medida que, ao igual que nas outras sentenzas, vai ao fundamento desta norma e ao fundamento da mentira na que se baseou: a liberdade da escolla das familas e alumnado", recorda o sindicato.

Para a central, é "de sentido común" determinar "que a educación das nenas e nenos compete á Consellaría de Educación e non ás familias", malia insistir en que os pais "teñen un papel fundamental na educación das crianzas", o que non significa que se poida "condenar un neno á ignorancia, sexa dunha lingua ou ben doutra cuestión curricular".

"Queda agora claro que é obriga da administración traballar pola normalización da nosa lingua", insite o STEG, que cre tamén que é "un triunfo do sentido común a escolla do alumnado do uso da lingua en contra de todo criterio pedagóxico". "Para aprender unha lingua é preciso o seu uso polo que nin esta nin outras destrezas poden quedar á decisión do alumnado menoscabando a autoridade pedagóxica do profesorado e da cinecia lingüística", di.

Ademais, STEG rexeita "de plano" a interpretación que fai da sentenza a Consellería ao cofundir o cuantitativo co cualitativo. "A sentenza declara ilegais elementos esenciais do decreto e non se pode interpretar polo número de artigos que elimina senón pola importancia dos eliminados ao ser os elementos esenciais da política linguicida do goberno galego", asegura, tras aclarar que "é mentira" que non se declare ilegal a consulta.

O sindicato pide a "derrogación inmediata" do decreto e esixe a dimisión do conselleiro Jesús Vázquez

O STEG esixe "a derrogación inmediata do decreto" e a apertura "dun proceso de diálogo real con toda a comunidade educativa e o resto da sociedade para recoñecerlle ao galego o espazo que lle corresponde na educación". "Esiximos, asemade, a dimisión do conselleiro de Educación, Jesús Vázquez que, tendo escoitado estes mesmos argumentos agora ratificados polo TSXG de prácticamente todos os colectivos cos que se entrevistou antes da aprobación do decreto, escolleu recoller as demandas e os argumentos dun colectivo absolutamente minoritario como Galicia Bilingüe", finaliza.

Jesús Vázquez, nunha comisión do Parlamento © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.