Aínda estamos a tempo de salvar as costas?

A costa, entre Baiona e A Guarda CC-BY-NC-SA Carlos de Vega

"O actual modelo de urbanización está tendo de igual maneira consecuencias perniciosas para a calidade de vida dos cidadáns -dos que son expresión nidia as dificultades de acceso á vivenda, o incremento da mobilidade e o aumento dos custos dos servizos- e pode comportar efectos preocupantes para o mesmo equilibrio do sistema financeiro e a actividade económica, tal como advertiron en reiteradas ocasións as autoridades fiscais e monetarias. Ademais, a práctica do urbanismo deveu demasiado a cotío sinónimo de opacidade, de mala política e aínda de corrupción". Así comezaba o manifesto Por unha nova cultura do territorio, que en 2006 difundiron e apoiaron os colexios profesionais de xeógrafos e arquitectos de España.

Non é que estivesen descubrindo a pólvora. Eran moitas as voces que alertaban dos efectos, non só medioambientais, que o modelo produtivo e de ocupación do territorio estaba xerando na economía española. Pero eran moitas máis as que calaban ou miraban para outro lado, nun país cuxa economía medraba con forza, que se cría superpotencia, no que o desemprego estaba contido grazas ao impulso efémero da construción e no que as entidades financeiras, convertidas en enormes inmobiliarias, batían records de beneficios. Porén, aos autores deste e doutros textos, ben lles puido quedar a impresión de sufrir a maldición de Casandra, capaz de predicir as desgrazas, pero condenada a non poder evitalas.

Aquel texto, hai seis anos, engadía que "é imprescindible que a sociedade española tome conciencia de que o desgoberno do territorio carrexaría longos períodos de onerosos custos ambientais, económicos e sociais"

Aquel texto, hai seis anos, engadía que "é imprescindible que a sociedade española tome conciencia de que, de persistir, o mal uso e desgoberno do territorio carrexaría, tras dunha curta etapa de grandes beneficios privados, longos períodos de onerosos custos ambientais, económicos e sociais". O texto reclamaba que "o pulo dos valores de sustentabilidade ambiental, eficiencia económica e equidade social require dunha nova cultura do territorio" e demandaba que "o planeamento municipal debe ter como principal obxectivo facilitar o acceso á vivenda, o goce dos servizos e a preservación do ambiente", lembrando que "un territorio ben xestionado constitúe un activo económico de primeira orde".

 

A polémica modificación da Lei de Costas

Agora, a partir dese primeiro, vén de lanzarse un novo texto, titulado Manifesto pola preservación e xestión dos espazos costeirose impulsado por Salvador Antón (catedrático de Análise Xeográfica Rexional), Josep-Maria Gili (profesor do Institut de Ciències del Mar), Javier Martín-Vide (presidente da Asociación de Xeógrafos Españois), Ángel Menéndez Rexach (catedrático de Dereito Administrativo), Joan Subirats (catedrático de Ciencia Política) ou Florencio Zoido (director do Centro de Estudos Paisaxe e Territorio da Universidade de Sevilla).

Reclaman que a crise sexa unha oportunidade para "repensar, de maneira prudente e sosegada, o uso do solo, a xestión da agua, a preservación da paisaxe, a provisión de infraestructuras e, en concreto, a ordenación dos espazos litorais"

O texto comeza lembrando que as prácticas especulativas xa denunciadas deixaron unha "secuelas ambientais, urbanísticas, paisaxísticas e sociales" que pesarán "durante décadas sobre a sociedade española". E reclaman que a crise sexa unha oportunidade para "repensar, de maneira prudente e sosegada, o uso do solo, a xestión da agua, a preservación da paisaxe, a provisión de infraestructuras e, en concreto, a ordenación dos espazos litorais". É máis ou menos o que xa fixeran hai tres anos os mesmos promotores do primeiro manifiesto, que en 2009 lanzaron un novo texto, títulado Territorio, urbanismo e crise, no que sinalaban que así como da crisis de 1929 xurdiran as políticas keynesianas e con elas o Estado do Benestar, da presente debía resultar o compromiso por un planeta máis solidario e sustentable.

O Manifesto pola preservación e xestión dos espazos costeiros nace ao fío do anuncio do goberno de que vai modificar a Lei de Costas de 1988, que a pesar das súas moitas eivas até agora veu protexendo moitos puntos do litoral. O texto afirma que a modificación legal "produciría unha significativa perda en termos económicos e de calidade ambiental para residentes e visitantes", defende que "a privatización da costa é unha perda colectiva" e lembra que a importancia da "calidade do litoral como factor de competitividade económica".

O Manifesto pola preservación e xestión dos espazos costeiros nace ao fío do anuncio do goberno de que vai modificar a Lei de Costas de 1988

O texto denuncia, por exemplo, o anuncio do Goberno de fomentar "a desafectación de espazos do dominio público que xa non requiren unha protección especial por teren perdido as súas características naturais” (medida 50 das 66 presentadas polo ministro de Agricultura e Medio Ambiente no Congreso), e considera que con esta medida se podería estar fomentando a degradación dos espazos costeiros para a súa privatización.

O manifesto considera que as modificacións apuntadas polo Goberno supoñen unha involución normativa e lembra a "indeclinable responsabilidade do Estado na preservación da Costa", como tamén demanda a Unión Europea e esíxelle que manteña "os compromisos internacionais suscritos por España, coma o recente Protocolo relativo á xestión integrada das zonas costeiras". Así mesmo, lembra que o Parlamento Europeo aprobou unha resolución de posición común que afirma que “o desenvolvemento sostible debe poñerse en primeiro termo en todos os procesos e políticas da UE” e que pide a aplicación do “recoñecemento do principio de non regresión no contexto da protección do medio ambiente e dos dereitos fundamentais“.

O tempo dirá se dentro de seis anos miramos cara atrás e admiramos a clarividencia do que se dicía en 2012 sobre os efectos desta ou doutras políticas que supoñen unha menor protección do entorno natural e que parecen recuncar nos erros do pasado. Se cadra aínda estamos a tempo de evitar novos erros.

As dunas de Corrubedo CC-BY-NC-SA Ana Asuero

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.