Alumear os chanzos da escaleira da vida

Dominio Público Praza Pública

Para buscar respostas moitas veces cómpre ollar cara dentro dun mesmo. Ás veces, descender até as profundidades é a única vía para solucionar cuestións como quen somos e de onde vimos.

A resposta a esas pregunta átópanse baixando unha longuísima escaleira, estreita e retorta sobre si mesma, agochada no interior de cada unha das células do corpo: o ADN. 

Os máis de 3.000 millóns de chanzos desta dupla hélice vanse alumeando aos poucos. Axuda que a súa estrutura sexa moi sinxela, pois está formada só por catro compoñentes: Adenina, Timina, Citosina e Guanina. ACTG. A clave química da vida.

As sucesivas combinación desta catro letras, sempre A con T e C con G, determinan desde a cor dos ollos até a predisposición a certas doenzas.

O ADN determina desde a cor dos ollos até a prepodisposción a certas doenzas

Desde a publicación do primeiro borrador do xenoma humano en 2002 sábese a posición de todas estas bases ao longo do ADN. Os científicos intentan agora "ler" ese código e entender para que serve cada parte.

Nalquel momento só se coñecía a función do 1,5% de todo o ADN, e o resto foi considerado "residual". Esta pequena porcentaxe decide a formación das proteínas. É o material xenético que dá as ordes á célula.

Hai unhas semanas produciuse un importante avance ao se publicar máis de 20 artigos de forma simultánea en varias revistas científicas que permiten asociar polo menos algunha función ao 80% do ADN.

Pasouse de coñecer a función do 1,5 do ADN a máis do 80%.

Isto implica que amais de saber quen dá as ordes, xa se coñecen os elementos que deciden o momento e a forma de transmitilas. Un descubrimento  que axudará a coñecer o funcionamento normal destes procesos e que pode alteralo.

Deste xeito, os investigadores comezan a asociar variacións nesas zonas do ADN con doenzas como as esclerose múltiple, lupus ou certos tipos de cancro.

Estes chanzos recén alumeadas pola ciencia tamén revelan a importancia do ambiente no que se desenvolven os organismos na forma en que o ADN codifica as ordes. Semella que non todo está determinado polos xenes.

Para poder obter estes resultados foron precisos dez anos de traballo. Nesta década, investigadores de diferentes centros levaron a cabo máis de 1600 experimentos con máis de 140 tipos de células. A información recollida ocupa uns 15 terabytes (TB) de información. 

Agora os científicos continuarán a traballar con máis tipos de células para seguir asociando as funcións do corpo ao ADN

Os resultados forman parte do proxecto da Enciclopedia dos Elementos do ADN (ENCODE Project) que busca coñecer todas as funcións do material xenético humano e rematar así de alumear a escaleira da vida. 

Recreación do ADN CC-BY-NC kamikaze gecko

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.