Alumnado de Boiro, San Sadurniño e Burela, gañadores do Concurso Galego de Robótica

Algúns dos alumnos e alumnas participantes no certame © Fundación Barrié

1.200 alumnos e alumnas de 32 centros de ensino de toda Galicia, acompañados de 64 mestres e mestras, participaron este luns na Coruña na sexta edición do Concurso Galego de Robótica, organizado pola Institución Galega de Ciencia (Igaciencia). O evento, que acolleu a Fundación Barrié, tivo como título este ano La magia de la robótica, e busca achegar a mocidade e a cidadanía en xeral, "ao mundo da robótica, facéndoo comprensible e salientando a súa importancia e as implicaciones no seu propio futuro".

Nesta ocasión, os gañadores nas tres categorías foron os alumnos e alumnas do IES Perdouro de Burela (no apartado de Bacharelato e FP), do IES A Cachada de Boiro (no grupo 2º a 4º de ESO) e do CPI de San Sadurniño (na de Primaria a 1º de ESO). O IES Ramón María Aller de Lalín, o IES Otero Pedrayo de Ourense, o IES San Tomé de Freixeiro de Vigo e o IES Francisco Asorey de Cambados foron finalistas nas distintas categorías. Durante varios días estes e estas estudantes tiveron que demostrar os seus coñecementos de robótica, superando unha serie de obstáculos e desafíos cuns robots predeterminados. Os centros gañadores e finalistas recibiron un premio en metálico (de 150, 100 e 50 euros), nun certame no que se valoraron entre outros aspectos o número de probas realizadas e a súa dificultade, a organización e funcionamento do equipo, e a presentación dos resultados do traballo realizado.

Ao tempo que se pretende que sintan a paixón pola aprendizaxe, os rapaces e rapazas participantes intégranse nun grupo no cal deben compartir obxectivos e realizar un traballo colaborativo para poder resolver os desafíos que se lles propón ao longo da experiencia. Dun xeito sinxelo e divertido o alumnado participante familiarizarase tanto cos robots como coa linguaxe da robótica. Non é necesario ter coñecementos en programación electrónica, pois a electrónica está integrada nun ladrillo intelixente e a programación realízase nun contorno visual sinxelo para que ata os máis pequenos poidan construír e deseñar os seus robots dando paso, despois da montaxe, á parte de programación.

Algúns dos alumnos e alumnas participantes no certame © Fundación Barrié
Algúns dos alumnos e alumnas participantes no certame © Fundación Barrié

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.