AMTEGA, punta de lanza da privatización de servizos da Xunta, segundo a CIG

Mar Pereira, directora da AMTEGA, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente de Vodafone España, Francisco Román, esta semana © Xunta

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) é unha entidade adscrita á Presidencia da Xunta e creada en 2010 para definir, desenvolver e executar a política do Goberno galego no eido das tecnoloxías da información e a comunicación, a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico. É un organismo público, polo tanto, creado co obxectivo de aglutinar estas competencias e servizos, con incidencia en todas as áreas do Goberno. Dende a súa creación foron moitas as voces, sobre todo dende o ámbito sindical, que denunciaban prácticas tendentes á privatización ou externalización de varias das súas actividades e competencias, e mesmo á facilitar o nomeamento, para postos técnicos, anteriormente ocupados por persoal da administración, de persoas procedentes do ámbito privado e da empresa.

Ao longo do pasado ano a CIG alertou en varias ocasións da intención amosada pola Xunta de incorporar este persoal directivo para estes postos, o que se concretou nunha proposta realizada o 28 de outubro na Comisión de Persoal, na que o Executivo creaba cinco postos de persoal directivo funcionario na AMTEGA, dos cales dous poderían ser ocupados por persoas da empresa privada. En concreto, tratábase dos postos de xerente e de director da Área da Sociedade Dixital. O director xeral de Función Pública prometeu na Mesa que só se nomearían funcionarios de carreira para estes postos.

A AMTEGA conta con persoal da empresa privada para realizar as funcións de dirección na Área de Sociedade Dixital, en substitución dunha funcionaria que ocupaba o posto até esa data

"Pola experiencia destes anos sabemos que a palabra do Partido Popular vale cero", dicía entón o sindicato. E, efectivamente, catro meses despois, a AMTEGA conta con persoal da empresa privada para realizar as funcións de dirección na Área de Sociedade Dixital, en substitución dunha funcionaria que ocupaba o posto até esa data. O sindicato denuncia que isto supón "un sobrecuste ás arcas públicas" ao cobrar esta persoa 6.000 euros anuais máis que un subdirector xeral, un funcionario da súa categoría coas retribucións máximas. Ademais, critica que se "importe" persoas "afíns", o que constitúe ademais "un insulto a estes compañeiros/as con sobrada e demostrada capacidade técnica para desenvolver estes postos".

A CIG tamén denuncia a contratación de forma externa na AMTEGA de "servizos externos e asistencias técnicas para realizar funcións propias dos empregados/as públicos". Por exemplo, un procedemento aberto para a realización de "estudos e informes no ámbito da Sociedade da Información", no que a Xunta gastará ao redor de 100 mil euros. Non é o único caso. Revisando a plataforma de contratación da Xunta, atopamos un bo número de convocatorias abertas ou resoltas da AMTEGA nas que os sindicatos amosaron as súas dúbidas.

Para a CIG, "esta é só a primeira pinga deste proceso"

O sindicato considera que a AMTEGA "afonda na súa intención de privatizar todos os seus servizos, entre os que inclúe o Observatorio da Sociedade da Información (OSIMGA) e o Centro Demostrador TIC para os que destina un total de 450.000 euros". Para a CIG, "esta é só a primeira pinga deste proceso" e rexeita "non só que se inunde a Administración de persoas da empresa privada, senón a mesma regulación da figura do persoal directivo e o proxecto de Lei de Emprego Público", que aseguran está "ditada segundo os mandatos da FAES".

Mar Pereira, directora da Amtega © Xunta
Logotipo de Amtega © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.