Armesto: "Optamos por centrarnos na defensa do talento e en protexer o dereito de acceso"

Reitorado da UDC Dominio Público UDC

O Claustro da Universidade da Coruña reuniuse esta martes en sesión ordinaria para debater e aprobar o informe de xestión do reitor, Xosé Luís Armesto, correspondente ao ano 2012. Na súa intervención o reitor saliantou o descenso experimentado polo orzamento da UDC no pasado ano, do que culpou ao "recorte dos fondos do Plan de Financiamento do Sistema Universitario Galego e das achegas para apoio ao estudantado e á investigación", e sinalou que a situación o obrigou a centrar a atención "no alumnado" e "na cualificación e mantemento do persoal": "A nosa prioridade son as persoas e, xa que logo, a nosa preocupación pasa, en primeiro lugar, por enfrontar o impacto das medidas das Administracións públicas que lle afectan á igualdade de oportunidades para acceder aos estudos universitarios", dixo.

"A nosa prioridade son as persoas e, xa que logo, a nosa preocupación pasa, en primeiro lugar, por enfrontar o impacto das medidas das Administracións públicas que lle afectan á igualdade de oportunidades para acceder aos estudos universitarios"

Lembrou tamén que "nunha declaración en defensa da Universidade pública, o Claustro opúxose por unanimidade á suba do custo das matrículas universitarias" e que "a Xunta de Galicia foi sensible ás demandas da comunidade universitaria e optou por conxelar o prezo da primeira matrícula". Tamén sañientou que se convocaron "58 prazas de profesorado doutor permanente ou con compromiso de estabilidade" pero que "a progresión na mellora cualitativa do noso cadro de persoal docente e investigador estase vendo atrancada xa por novas disposicións estatais e autonómicas. Disposicións que merman seriamente a capacidade das universidades para exercer a súa autonomía".

Dastacou igualmente que a captación de recursos para investigación "experimentou un importante repunte (2,6 millóns), logo da brusca caída de 2011 ocasionada pola non convocatoria dos plans competitivos autonómicos e pola diminución de contratos e convenios coas Administracións públicas e coas empresas" e que "un 40% dos mestrados teñen carácter interuniversitario", pero "aínda son poucos os vencellados a universidades de fóra do Estado".

No debate posterior algúns dos claustrais preguntou pola situación das demandas residencias universitarias na Coruña e en Ferrol. Armesto dixo que no caso da Coruña a proposta da Consellería dunha concesión administrativa privada "non parecía a mellor solución" porque a idea era que fose unha residencia pública e, no caso de Ferrol, destacou o grao de colaboración do Concello de Ferrol co que se traballaba para a cesión dun edificio no centro da cidade: “Confío en que neste mes de maio poidamos acceder ao edificio e poder ofertalo o próximo curso como residencia universitaria”, manifestou.

Reitorado da UDC Dominio Público UDC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.