As clases impartiranse en español en Cataluña con tal de que un só alumno o solicite

Manifestación a prol da escola en catalán © Somescola

O Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña (TSJC) vén de ditaminar que as clases se impartan en castelán sempre que un só alumno así o solicite. As aulas serán en español para todos os estudantes, aínda que só unha familia o reclame, e non de forma individualizada para o rapaz que o pide, tal e como se facía ata o de agora no ensino catalán.

As clases serán tamén en español aínda que só un dos alumnos así o solicite

O auto, con dato do 6 de marzo, aclara como se debe garantir o dereito dunha familia que solicita a escolarización nas dúas linguas oficiais de forma equitativa. O ditame é claro: "O sistema debe adaptarse a toda a clase da que forma parte ese alumno; o acordado afecta o alumno xuntamente cos seus compañeiros".  Para o TSJC, non é dabondo coa atención individualizada que ofrece a Generalitat aínda que mantén, no entanto, que será a administración autonómica a que determine a proporción de equilibrio entre as dúas linguas.

Tanto o Tribunal Constitucional, coa súa sentenza contra o Estatut, como posteriormente o Supremo emitiron sentenzas nas que se consideraba que o español tamén debería ser lingua vehicular no ensino de Cataluña, pero o TSJC avalou posteriormente o sistema de inmersión lingüística aínda que ordenaba que se atendesen as peticións das familias que solicitaron a escolarización en castelán.

O novo auto rexeita a atención individualizada, a alternativa da Generalitat ás escasas peticións de escolarización en castelán

Para dar cumprimento a estas decisións xudiciais, a Generalitat ofrecía unha atención individualizada aos escasos alumnos que solicitaban a clase en español. O recurso dunha familia a este sistema é o que fai que o TSJC ditamine agora que o ensino bilingüe debe ser "xuntamente cos compañeiros" e non de forma individualizada.

Xa que logo, a petición dun só alumno afectará a todos os membros dun aula, aínda que os pais do resto dos rapaces non opten por modificar o actual modelo lingüístico. "O dereito fundamental da educación, no seu aspecto lingüístico, non garante ningún dereito de opción a recibir a ensinanza exclusivamente nunha soa das linguas oficiais", senón que é "a administración educativa a que organiza e establece a prestación deste dereito", aclara o TSJC.

En canto á forma de artellar esta nova situación, o Tribunal Superior de Cataluña mantén que é competencia da Generalitat e cita setenzas do mesmo ribunal nas que se afirma que a "determinación desta proporción e a súa posta en práctica corresponde ao Goberno catalán", que o fará "atendendo á realidade sociolingüística do centro".

O TSJC non pon en cuesitón a inmersión lingüística e deixa en mans da Generalitat a aplicación dunha proporción "axeitada do castelán"

O auto, malia todo, non pon en cuestión o modelo de inmersión lingüística. "Aquí non se discute a bondade ou non do sistema lingüístioc catalán para asegurar o pleno (ou sfuciente) coñecemento das dúas linguas oficiais por parte dos escolareas ao termo das diferentes etapas do ensino non universitario, senón a presenza e proporción axeitada do castelán como lingua vehicular desa einsanza, en tanto que lingua oficial".

A conselleira de Ensino da Generalitat, Irene Rigau, destacaba a pasada semana que neste curso, tan só 17 familias solicitaran que o castelán fose lingua vehicular nos centros dos seus fillos, fronte ás 106 reclamacións que se fixeran no curso anterior.

Manifestación a prol da escola en catalán © Somescola

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.