As claves da compra de Whatsapp por parte de Facebook

As apps de Facebook e Whatsapp, máis xuntas ca nunca CC-BY-SA Diario Turing

A través dun informe da Comisión de Valores estadounidense e unha posterior nota de prensa coñeciamos na noite do 19 de febreiro o novo gran bombazo: Facebook compra Whatsapp. Nin sequera houbera rumores previos como sucede nestes casos. O propio Mark Zuckerberg, director xeral de Facebook, recoñece que empezaron a chegar a un acordo de compra fai tan só trece días. Esta compra será definitiva o 19 de agosto cando a Comisión norteamericana a aprobe, algo que nestes casos non é máis que un trámite (no caso de que non se aprobase, Facebook tería que pagar 1.000 millóns a Whatsapp en concepto de indemnización).

E que pasa agora?

- A empresa por tras de Whatsapp cesa a súa actividade por completo e Whatsapp forma parte total de Facebook.

- O director xeral e un dos fundadores de Whatsapp, Jan Koum, intégrase no consello de administración de Facebook.

- Whatsapp afirma que o modelo de subscrición de pago anual seguirá vixente (mesmo Mark Zuckerberg afirmou que a publicidade non é a maneira de facer rendible estes servizos)

Os usuarios e usuarias non notaremos nada, ou iso din. Todo seguirá como até agora aínda que as nosas conversas, fotos, vídeos, localizacións... pasarán a ser propiedade de Facebook, que seguro tarde ou cedo fusilará Facebook Messenger e integrará Whatsapp como o seu sistema de mensaxaría. Adeus case seguro tamén a iso de ter un e-mail @facebook.com, un sistema que nunca funcionou. Que teñamos Whatsapp tamén no computador vai ser cuestión de tempo, da mesma maneira que as marcas poderían entrar en Whatsapp, por que non?

Segundo Whatsapp, os seus usuarios e usuarias non van notar "nada"

Preguntados polas motivacións desta compra, en Facebook téñeno claro: "Ninguén na historia fixo o que Whatsapp. -afirma Mark Zuckerberg nunha entrevista telefónica con varios medios estadounidenses recollida polo WSJ- Ter 450 millóns de usuarios en cinco anos". O director financeiro de Facebook, David Ebersman, tamén destaca como factor crave nesta compra que "o 70% dos usuarios de Whatsapp úsano diariamente". Pola súa banda Jan Koum, cofundador e CEO de Whatsapp, ademais de "estar moi emocionado" e estar ante "un momento incrible para min e o resto do equipo", afirma que o servizo continuará de forma "autónoma e independente" a Facebook. "As ganancias non van ser o noso obxectivo senón o crecemento". A este ritmo, Zuckerberg prognostica que o obxectivo está no mil millóns de usuarios.

Resulta curioso descubrir que o outro fundador de Whatsapp, Brian Acton, non fose seleccionado para traballar nin en Facebook nin en Twitter hai algúns anos. O destino fai que agora si vaia traballar en Facebook, pero coa conta corrente moito máis chea que se en 2009 o seleccionasen.


Se nos fixamos na compra de Instagram e a promesa de que o servizo se mantería igual na súa esencia, non hai moito que temer desta compra; non é falso que Instagram mantivo a súa esencia, e de momento non hai nin rastro de publicidade, por moitos cantos de serea que se ouzan.

Telegram preséntase como unha opción moi a ter en conta como alternativa

Se non usas Facebook e queres seguir sen darlle a túa información a Mark Zuckerberg (hai que pescudar como evitar que todo o teu pasado en Whatsapp non sexa envorcado nos servidores de Facebook para cruzar os nosos datos) é o momento de que outras alternativas de mensaxaría instantánea dean un paso adiante e se ofrezan como unha alternativa real, algo que non sucedeu coas que xurdiron de Instagram, nin sequera Flickr chegou a tempo. A excesiva estratexia publicitaria de LINE non o fan o mellor amigo neste momento. Heml.is mantense en desenvolvemento perpetuo. Telegram preséntase como unha opción moi a ter en conta. Unha cousa é segura, Telegram é en parte código aberto e, sobre todo, non ten finalidade de lucro.

Tras a compra de Skype por parte de Microsoft e agora esta de Whatsapp por parte de Facebook queda moi claro que, ademais de que o negocio somos nós -os usuarios, os contidos que xeramos e con quen os compartimos- a mensaxería instantánea é o presente e onde está o negocio (de momento).

As apps de Facebook e Whatsapp, máis xuntas ca nunca CC-BY-SA Diario Turing

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.