As rías de Vigo e Ferrol presentan unha elevada contaminación por cobre

Vigo é a cidade con máis poboación estranxeira © Zona Franca de Vigo

As rías de Vigo e Ferrol e, algo menos, as zonas costeiras próximas aos porto de Marín e A Coruña presentan unha "alta" contaminación por cobre, segundo revela un estudo levado a cabo polo CSIC a través do Grupo de Bioxeoquímica Mariña do Instituto de Investigaciónes Mariñas. En xeral son as zonas portuarias e próximas a estaleiros as máis afectadas, poñendo de relevo o impacto da construción e fondeo de buques.

Os investigadores tamén detectaron nives de contaminación alta na parte interna sur da ría de Corcubión e nos portos pesqueiros das rías de Muxía, Camariñas, Corme e Laxe. Ademais, "inexperadamente", apreciaron tamén "unha severa contaminación en lugares alleos ao tráfico de buques como as baías de Rianxo e O Grove e no entorno de Noia", sinala Ricardo Prego. Os indicadores máis baixos rexistráronse nas rías do norte: Ortigueira, O Barqueiro e Viveiro.

Os efectos do cobre poden comezar a notarse nos seres vivos a partir de 34 miligramos por quilogramo de residuo seco, e estes efectos poden chegar a ser adversos cando superan os 270 miligramos. As mostras recollidas en Galicia chegan a superar os 480 mg. Os investigadores sinalan que “o cobre aplícase aos barcos na pintura dos seus cascos para evitar que se lle adhiran organismos, e dende aí difuúndese ao entorno mariño e finalmente ao sedimento".

"Estes datos pódense agora comparar cos obtidos noutras zonas portuarias de España e do resto do mundo. En xeral, o aumento nos contidos de cobre no sedimiento é algo común nas zonas con estaleiros ou un intenso tráfico marítimo. Por exemplo, o cobre no sedimento dos portos de Barcelona e Ceuta chega a alcanzar 530 e 865 mg, respectivamente", destaca Prego.

Bouzas-Teis (ría de Vigo), as partes media e interna da ría de Ferrol e os portos de Marín e A Coruña son as zonas máis contaminadas

Os científicos do CSIC recolleron ao redor de 400 mostras de sedimento. A investigación centrouse en 12 das 18 rías de Galicia: Viveiro, O Barqueiro, Ortigueira, Ferrol, A Coruña, Laxe, Camariñas, Corcubión, Muros, Arousa, Pontevedra e Vigo. Quedaron sen estudar as de Lires, Ares, Betanzos, Cedeira, Foz e Ribadeo, e o equipo ponse como obxectivo estender a investigación a estes espazos "se conseguimos financiamento" para completar o mapa das rías galegas. Os resultados da investigación veñen de ser divulgados no traballo Copper in Galician ria sediments: natural levels and harbour contaminationpublicado na revista Scientia Marina.

 

Xornadas sobre o Saneamento da Ría de Ferrol

Este mércores comezan a celebrarse unhas Xornadas sobre o Saneamento da Ría de Ferrol, que se desenvolverán todos os mércores até o 4 de decembro. Organizadas por ADEGA, SGHN, Verdegaia e a A.VV. “El Pilar”, terán como sedes o local da SGHN e o Ateneo Ferrolán. Entre outras persoas, intervirán Manuel Cao (patrón maior da cofradía da Coruña), Victoriano Urgorri (director da Estación Biolóxica da Graña), Guillermo Castro (cooperante de Esxeñeiros sen Fronterias), Manuel Souto (ADEGA) ou Joam Luis Ferreiro (SGHN)

Tamén se realizará un roteiro, o 16 de novembro, que percorrerá As Aceñas (desembocadura do río Freixeiro), A Gándara (desembocadura do río Inxerto), Caranza (desembocadura do río Tronco) e A Malata (desembocadura do río Sardiña e río Viladóniga).

As mostras tomáronse dende o barco 'Lura' © CSIC
Vigo é a cidade con máis poboación estranxeira © Zona Franca de Vigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.