Estefanía Mosquera Castro, licenciada en Filoloxía Galega, presenta o seu libro Lingua galega e novos soportes comunicativos: a linguaxe SMS o vindeiro 25 de xullo no marco do Festigal. O libro é produto da súa tese na Universidade da Coruña. É tamén investigadora e estivo contratada para o proxecto de investigación Glosario crítico da poesía medieval galego-portuguesa. I.Cantigas de amor e cantigas de amigo entre o 2010 e 2011.
Acabas de publicar o teu libro. É boa época para os escritores/as galegos?
Estamos nunha época complexa en moitos sentidos e, como é obvio, o ámbito editorial tamén se está a ver afectado, sobre todo no contexto social e político en que nos achamos, onde a pesar da calidade literaria de moitos e moitas autores e autoras, seguimos sendo unha literatura minorizada en moitos aspectos. Mais coa tecnoloxía as dificultades para publicar redúcense de forma considerábel e as obras poden ser editadas, cando menos, en formato dixital. No meu caso tiven a sorte de contar tamén coa publicación en papel, e fiquei moi contenta co trato recibido pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega.
Como xorde a idea do teu libro e tese Didáctica da lingua e novos soportes comunicativos: a linguaxe SMS?
Pois xorde como resultado das investigacións para a miña tese de doutoramento Lingua e novos soportes comunicativos no que analizo as características lingüísticas destes novos códigos que se utilizan na rede e trato de eliminar os falsos preconceptos que existen ao seu redor e de analizar a súa proxección social. Neste sentido, un dos ámbitos en que máis temores existen a este respecto é no do ensino, pois considérase que se trata de deturpacións lingüísticas que van acabar coa lingua estándar e que farán que o alumnado non asimile correctamente a variedade normativa. Así, con este traballo queríamos demostrar que as SMS, as redes sociais ou os chats e tamén as súas linguaxes conforman novos xéneros textuais, ao igual que a carta, e que por tanto son perfectamente válidos para traballarmos lingua e tamén literatura. De feito, este tipo de actividades achegan as aulas á rúa e a aprendizaxe formal á informal e deste modo o alumnado pode ver que as aulas de lingua tamén reflicte o que se fai coa lingua fóra delas.
"É un libro experimentado, non fica só nunha simple especulación teórica, senón que nos avalan os resultados"
Cómo esperas que sexa o resultado?
Para falarmos de resultados é un pouco cedo, mais en principio as perspectivas parecen moi boas. Esperemos que para os próximos cursos, o profesorado aproveite algunha das potencialidades destes novos soportes e incorpore as actividades que se propoñen nas súas aulas.
Preséntalo o vindeiro 25 en Compostela, cómo o definirías de cara aos teus lectores e lectoras?
É un libro diferente ás aproximacións didácticas que teñen aparecido ata o de agora e que explora novos roteiros de experimentación lingüística. Por tanto, a súa lectura supón un punto de partida para novas achegas e un alegato para estarmos ao día das innovacións e para as incorporarmos ás aulas. Ademais é un libro experimentado e, polo tanto, non fica só nunha simple especulación teórica, senón que nos avalan os resultados.
"O uso das SMS non ten consecuencias negativas na adquisición de competencias comunicativas e lingüísticas, mais que ao contrario, serviu para motivar o alumnado na aprendizaxe e no uso da lingua galega"
Entre os experimentos atópase a experiencia nun centro de secundaria. Cales foron os resultados?
Sí, na primeira parte facemos unha reflexión teórica sobre a linguaxe SMS e sobre as súas implicacións na lingua e no ensino e tamén realizamos unha proposta de actividades que se poden levar a cabo nas aulas utilizando estes códigos. Non obstante, é na segunda parte onde se describe a nosa experiencia nas aulas de lingua no centro de secundaria no que foi posíbel levarmos á practica esa proposta. Os resultados foron máis que favorables e como se describe no libro, non só permitiron verificar que o uso das SMS non ten consecuencias negativas na adquisición de competencias comunicativas e lingüísticas, mais que ao contrario, serviu para motivar o alumnado na aprendizaxe e no uso da lingua galega.
Moitos dos cambios danse por economía lingüística. O límite está no entendemento entre as partes?
Os cambios lingüísticos producironse nun primeiro momento por aforrar caracteres e gañar tempo na redacción das mensaxes. Na actualidade, este sistema persiste nas aplicacións sen este tipo de limitacións, o que indica que aínda é util porque se adapta ás necesidades comunicativas do soporte dixital, onde prima a inmediatez e a creatividade. Inténtase ser creativo e existe unha intención deliberada pola incorrección, mais as persoas usuarias saben que o límite está no entendemento. Non ten sentido pagar por unha SMS que rompe tantas regras lingüísticas que deixa de ser intelixíbel.
"Inténtase ser creativo e existe unha intención deliberada pola incorrección, mais as persoas usuarias saben que o límite está no entendemento"
Apenas existen dicionarios da linguaxe SMS, está entre os teus plans de futuro?
Pois... existe algun exemplo en galego pero na maioria dos casos a listaxe de palabras é bastante reducida e non garante que unha persoa non iniciada sexa quen de descifrar a mensaxe. Actualmente estamos traballando na elaboracion dun normalizador de linguaxe sms que permita traducir a linguaxe sms a lingua estandar coa maior fidelidade posibel, pois isto favorecerá tamén o acceso e a recuperación da información que na web esta redixida con este sistema de escrita e a onde os sistemas de procesamento de linguaxe natural non chegan. Mais aínda estamos no camiño para conseguilo, xa que é un camiño complexo.
Como ve unha investigadora a situación da investigación en Galicia?
A situación da investigación en Galicia é moi precaria, de xeito similar ao que acontece no resto de España. Cada vez son menos as bolsas e os contratos de investigación e os que aínda se convocan teñen uns criterios moi exixentes e nin sempre é posíbel acceder a elas, sobre todo no ámbito das humanidades, como é o meu caso.
"Nos últimos tempos foron moitos os pasos atrás que deu o galego, que do punto de vista legal está cada vez máis desprotexido"
Dende o 2012 es bolseira FPU, como está a situación do profesorado universitario?
Pois non estamos a vivir os mellores tempos nese sentido. A educación devalúase e o profesorado, non só o universitario, ten que asumir cada vez unha maior carga docente e un maior número de alumnos e alumnas, polo que a posibilidade de optar a unha praza é cada vez máis complexo. E perante a case inevitábel implantación da LOMCE, agora máis que nunca cómpre reivindicarmos o ensino público e de calidade.
Como ves a situación do galego?
Nos últimos tempos foron moitos os pasos atrás que deu o galego, que do punto de vista legal está cada vez máis desprotexido. Pensemos, só por poñer un caso, no Decreto de Plurilingüismo ou na situación da nosa lingua na nova lei educativa que o PP pretende instalar nos próximos cursos. Con todo, hai moitas persoas e institucións moi comprometidas coa lingua e esperemos que co esforzo de todos eles se poida inverter esta situación e que ao galego, como dicía Cunqueiro, lle esperen aínda mil primaveras mais.