As TIC en Galicia seguen sendo cousa de homes

LaconNetwork celebrado na Coruña © laconnetwork.com

As tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) seguen sendo unha materia pendente para a igualdade de xénero. E non só nos postos directivos, un nivel que segue masculinizado en case todas as profesións, senón no número de mulleres empregadas ou na proporción das que deciden estudar unha carreira tecnolóxica. Así, segundo datos que publicou esta fin de semana o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), case dous de cada tres persoas empregadas nas empresas TIC de Galicia son homes (62,5%). A porcentaxe de mulleres, 37,5%, a pesar de superar a media europea (36%) segue moi lonxe do desexable.

A porcentaxe de mulleres, 37,5%, a pesar de superar a media europea (36%) segue moi lonxe do desexable

A realidade é moito peor no que respecta aos postos directivos: a porcentaxe de empresas que conta con mulleres na súa dirección é de só o 18%. E tamén nas funcións especificamente relacionadas coa tecnoloxía: só o 17,6% das mulleres que traballan no sector desenvolve funcións TIC, fronte ao 46,4% dos homes. Atopamos tamén fendas de xénero nas actividades de I+D+i, pois do total do persoal dedicado a tarefas relacionadas coa investigación, o desenvolvemento e a innovación, un 80,8% son homes e o restante 19,2% son mulleres. O único dato positivo atopámolo nas empresas de telecomunicacións, nas que as mulleres representan o 46,4% do total de traballadores.

Tan só o 19,2% das persoas que traballan nas TIC ten unha xefa muller, fronte ao 45,2% das que traballan noutros sectores

Por desgracia, Galicia presenta neste ámbito uns indicadores moi semellantes aos do conxunto da UE. Tan só o 19,2% das persoas que traballan nas TIC ten unha xefa muller, fronte ao 45,2% das que traballan noutros sectores. A presenza das mulleres no sector TIC en Europa presenta un balance dispar, sendo os países do Sur e do Este do continente os que amosan os mellores datos neste sentido, cun 35,6% e un 34,3% respectivamente. Nos países do Oeste e do Norte, a participación feminina no sector tecnolóxico sitúase baixo o 30%.

Dende a Comisión Europea propóñense varias recomendacións para reverter esta situación: construír unha imaxe renovada do sector entre as mulleres e a sociedade en xeral, empoderar ás mulleres no sector e aumentar o número de mulleres empresarias no sector das TIC.

 

Dende a universidade

O problema vén da base. No curso 2010-2011 dos 309 titulados en carreiras tecnolóxicas das tres universidades galegas, so 66 eran mulleres, é dicir que representan pouco máis dun 20% dos titulados nestes estudos

O problema vén da base. No curso 2010-2011 dos 309 titulados en carreiras tecnolóxicas das tres universidades galegas, so 66 eran mulleres, é dicir que representan pouco máis dun 20% dos titulados nestes estudos. O pasado ano, a asociación de empresas galegas dedicadas a Internet e ás novas tecnoloxías (EGANET) destacaba no artigo Muller, galega e informática que "nun Estado que avanza en igualdade, no que de maneira progresiva a muller se incorpora aos ámbitos laborais máis masculinizados, no campo da informática non só non avanza, senón que retrocede. Décadas de democracia e de presenza das mulleres na Universidade non lle puxeron couto á súa infrarrepresentación en determinados estudos, especialmente nas enxeñarías, se ben é certo que ningunha delas rexistra ese proceso de masculinización, nin tan acusado, como a informática".

EGANET salientaba que na última década "a presenza feminina na formación superior en Informática reduciuse na nosa comunidade en máis de cinco puntos, de roldar o 24% a supor pouco máis do 18%, e se cabe máis rechamantes son os datos de novas matriculacións, diminuíndo a porcentaxe tamén do 24% a un escaso 16%" e lembraba que esta situación se repite en toda España e noutros países.

O texto concluía que "non implicar as mulleres no desenvolvemento tecnolóxico significa perda de ideas, porque se deixa á marxe a perspectiva da metade da poboación, e perda de posibilidades de inserción laboral"

O texto concluía que "non implicar as mulleres no desenvolvemento tecnolóxico significa perda de ideas, porque se deixa á marxe a perspectiva da metade da poboación, e perda de posibilidades de inserción laboral" e reclamaba melloras no ensino da informática tamén no ensino medio, facendo esta disciplina máis atractiva para todos os alumnos e alumnas: "a informática non debe quedar relegada ao ensino indiferente de linguas de programación, a códigos, porque todo ese código serve para algo, e de feito xa serviu para mudar a vida da xente, para mellorala".

LaconNetwork celebrado na Coruña © laconnetwork.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.