Be Brilliant, Be Beautiful

CC-BY-SA Praza Pública

Cianuro nas mazás, o blog de ciencia de Praza Pública, publica unha reflexión sobre a presenza e relevancia das mulleres na ciencia. Tira de exemplos históricos e tamén de iniciativas recentes para solventar unha anomalía aínda non resolta.

Hedwig Eva Maria Kiesler (de nome artístico Hedy Lamarr) foi unha enxeñeira de telecomunicacións, inventora e tamén actriz. Animada pola súa aversión aos nazis, foi co-autora dun sistema secreto de modulación en frecuencia con espectro expandido para que o control remoto dos mísiles non puidese ser intervido (Patente US 2,292,387). No ano 2010, Ruth Barthon publica unha biografía chamada A muller mais bonita do mundo que contén un capítulo titulado A pouco feminina ocupación de inventor. O título profunda no nocivo tópico de que beleza e cerebro non poden ir xuntos, e que este se trata dun caso excepcional. Mesmo se visitades a páxina da fundación que leva o seu nome veredes unha portada cun enorme Be brilliant, be beautiful… que tampouco parece ningun achado marabilloso para a igualdade.

James Watson andaba tolo por botarlle un ollo ás fotografías de Raios X de Rosalind Franklin, que suxerían a estructura de doble hélice do ADN. Pero tamén criticaba o seu aspecto: “ Nunca houbo un lapis de labios para contrastar co seu pelo liso negro…”, dicía no seu libro A dobre hélice. Watson era un de tantos científicos que cría que era imposible ser muller á vez que bo científico. Pero mesmo moito tempo despois, unha biógrafa que critica as actitudes de Watson (Brenda Maddox) publicou un libro sobre Rosalind Franklin que titulou A escura dama do DNA. Non se resistiu a tirar do tópico. Jocelyn Bell foi quen descubriu os púlsares en 1967. Como estudiante de doctorado, cada mañá, quitaba o seu anel de prometida antes de entrar no laboratorio para “coidar a súa reputación coma científica”.

Todas estas historias apuntan cara unha mesma idea. O machismo está presente na ciencia e, aínda hoxendía, as mulleres atópanse con moitos atrancos no camiño cara a igualdade nesta profesión

Todas estas historias apuntan cara unha mesma idea. O machismo está presente na ciencia e, aínda hoxendía, as mulleres atópanse con moitos atrancos no camiño cara a igualdade nesta profesión. Polo tanto, faise moi necesaria a autrocrítica. Pero xa vos anuncio que iso no mundo dos científicos tampouco é especialmente fácil. Qué esperabades!

Por iso gustoume tanto o monográfico que se dedica á muller na ciencia na revista Nature deste pasado mes de marzo. O propio semanario, no seu editorial, fai autocrítica e comprométese a incrementar o número de mulleres que revisan artículos para seren publicados na propia revista. Actualmente a porcentaxe é de tan só un 19%. Inclúe unha extensa análise das múltiples causas da desigualdade, e entre elas atópase a literatura de divulgación, que como amosan as anécdotas anteriores segue a crear un estereotipo da muller científica pouco feminino, fóra de convencionalismos, en contra do mundo. Tende xeralmente a resaltar aspectos pouco relacionados coa ciencia mesma.

Introdúcese tamén un interesante debate acerca de se o sistema de cuotas é o mais axeitado, posto que tende a sobrecargar ás poucas mulleres que ocupan postos de alta responsabilidade na ciencia, con moreas de reunións e comisións as que teñen que asistir obrigadas pola devandita cuota. Aparecen tamén unha manchea de historias persoais de diversas científicas

Téñense feitos moitos avances no eido da igualdade na ciencia. E xa non vivimos aqueles tempos nos que, por exemplo, Rosalind Franklin rodeada da forte presenza masculina de Watson e Crick estivo a piques de desaparecer da historia da ciencia. Hoxendía a situación é distinta pero non ideal. Mentras que nas facultades o número de estudiantes de doutorado homes e mulleres tende a igualarse, os postos a niveles altos seguen a estar practicamente ocupados por homes na súa totalidade.

Hoxendía a situación é distinta pero non ideal. Mentras que nas facultades o número de estudiantes de doutorado homes e mulleres tende a igualarse, os postos a niveles altos seguen a estar practicamente ocupados por homes na súa totalidade

En calquera caso, sí parece claro que non estamos para desperdiciarmos a metade do talento dispoñible para seguirmos avanzando. Necesítanse ademais outro tipo de miradas naqueles que teñen que dirixir algo na nosa sociedade para desatascar este mundo en crise en que vivimos. Estaremos dispostos a facelo?

 

  • Para saberes máis:

- [1] ‘Women in Science’, Nature. March 2013.
- [2] Ruth Barton. ‘Hedy Lammar: The most beatiful woman in film’, The University Press of Kentucky. 2010.
- [3] James D. Watson.’The Double Helix. The Discover of the DNA Structure’. Penguin Readers. 2001
- [4] Brenda Maddox. ‘Rosalind Franklin: The Dark Lady of DNA’. Harper Collins Publishers. 2002

Hedy Lamarr. Enxeñeira, inventora e actriz © http://ciencia.prazapublica.com/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.