Brigadistas insisten en denunciar a "atomización e descoordinación" do dispositivo da Xunta

Lume no incendio do Barco Dominio Público @isolasdelasolas

A Asociación Profesional de Persoal de Traballadores Prevención e Defensa contra Incendios Forestais da Xunta (Apropiga) censurou a política antiincendios do Goberno galego e nun comunicado amosa o seu "rexeitamento e preocupación ante o desenvolvemento do plan de defensa contra incendios forestais de Galicia 2012"

Segundo a asociación, o lume forestal do Barco, que afectou a unhas 1.600 hectáreas, serviu de test para avaliar o novo modelo de prevención e extinción de incendios posto en marcha pola Consellería de Medio Rural neste ano. Para os traballadores, a conclusión é clara e asegura que se cumpren "as expectativas negativas que agoirabamos ao comezo da campaña de alto risco".

"O dispositivo é atomizado que denunciamos pola súa precariedade, fragmentación e descoordinación"

Apropiga recoñece que os medios desprazados ao incendio en Valdeorras "foron elevados, sen dúbida", pero advirte tamén de que iso foi posible debido a que "non existían alarmas noutros distritos forestais" das que se houbese que ocupar. "Non queremos pensar que ocorrería se a situación fose outra porque os recortes provocan que os medios sexan inferiores e, polo tanto, que as hectáreas ardidas fosen moitas máis", aseguran. Ademais, felicitan aos traballadores que participaron na extinción de incendios polo seu gran traballo e "a pesar de que Medio Rural se empeñe en impor un sistema fragmentado que provoca que a coordinación entre todos os medios presentes sexa unha quimera". "É un dispositivo atomizado nunhas propocións nunca vistas en Galicia e que levamos denunciando desde hai meses desde Apropiga pola súa precariedade, fragmentación e descoordinación", sentencian. "A última semana de incendios dános a razón", aseguran.

Os traballadores denuncian no comunicado que as contratacións de brigadas terrestres, aquelas que forman parte do dispositivo xunto aos medios propios da Xunta, realízanse por dúas empresas públicas: Tragsa e Seaga, o que "supón un enorme gasto  porque supón triplicar o custo do dispositivo e non unha mellora da coordinación". "Todo isto, á conta dos traballadores desas empresas, xa que os procesos de selección foron totalmente diferentes e arbitrarios, ou da precarización das súas condicións de traballo porque cada empresa define as diferentes condicións laborais dos seus traballadores e, desde logo, estas son malas", di o comunicado.

Denuncian que o PP non cumprise a súa promesa de "realizar todas as contratacións a través da consellería"

"De realizárense todas as contratacións a través da propia consellería, tal e como prometeu o PP en campaña electoral, todas as duplicidades que se dan en equipos, bases, persoal directivo e de xestión ou vehículos evitaríanse e os procesos de selección do persoal e as condicións laborais serían homoxéneas", lembran.

Así, denuncian que as cifras que se facilitan sobre os medios achegados pola empresa Tragsa son "unha farsa e un exercicio de propaganda". "Esiximos á administración galega máis rigor", contan, tras destacar que os datos que "sitúan en 10,1 millóns de euros para a contratación de 275 brigadas durante 3 meses son inasumibles xa que, unha sinxela operación, establece que cada traballador lle custa á Xunta de Galicia 3000 euros".

"As contratacións a través de Seaga e de Tragsa do dispositivo terrestre que reforza os medios da consellería van en contra do demandado mando único e da necesaria coordinación nos medios de extición de incendios", denuncian, tras recordar que levan tempo "solicitando este mando único". Así, denuncian que "non hai contacto entre este persoal e o propio da Xunta, polo que cada un dispón as súas quendas de traballo, as súas vacacións, os seus días libres, condicións laborais e salarios", o que provoca que, "en pleno mes de agosto haxa brigadas enteiras destas empresas de vacacións".

Por iso, piden á Xunta que "tome medidas contra estas empresas por este feito incomprensible" e que se lle apliquen a estes traballadores "as mesmas condicións laborais e salariais que aos da propia consellería". "Non é comprensible que por igual traballo non exista un igual trato laboral e salarial". "O obxectivo é a unificación do dispositivo nun único servizo público e non a súa privatización e atomización".

A CIG vén de presentar unha denuncia ante a Fiscalía contra Medio Rural por presunta prevaricación na contratación das brigadas helitransportadas

Xa por último, denuncian a contratación das brigadas helitransportadas das que, segundo eles, "se expulsou, literalmente, os traballadores do Spdcif o pasado mes de xuño para que a UTE de Natutecnia e Inaer se fixese cargo da contratación do persoal". "Non houbo concurso público ningún e pode haber un delito de prevaricación ao darse un contrato a dedo e sen publicidade", aseguran sobre un caso que xa foi denunciado pola CIG ante a Xustiza. De feito, a central nacionalista presentou este martes unha denuncia ante a Fiscalía contra a conselleira de Medio Rural por presunta prevaricación nestes contratos da campaña antiincendios.

Brigadistas denuncian que o contrato a dedo non require saber galego, o que dificultou as comunicacións no incendio do Barco

Respecto ao incendio do Barco, ademais, aseguran que "se constataron deficiencias nas comunicacións cos medios aéreos destas empresas". Así, aseguran que o contrato concedido "a dedo e sen publicidade" á empresa Inaer para fornecer os helicópteros e as brigadas das bases helitransportadas "non pide o coñecemento da lingua galega como requisito".

"Durante a extinción do incendio do Barco constatáronse deficiencias nas comunicacións cos medios aéreos destas empresas", afirma a través dun comunicado de prensa esta asociación profesional.  En concreto, os brigadistas da Xunta sinalan un "elemento diferenciador" do contrato, "a pesar da escasa información facilitada" respecto diso. "Sabemos que non se pide o coñecemento da lingua galega como requisito de contratación. Esta é unha cláusula feita a medida da concesionaria para que poida traer a traballadores da súa propia filial castelá Eural", aseveran.

O lume, ao carón das casas na Veiga de Cascallar CC-BY-NC Concha Fernández
Lume no incendio do Barco Dominio Público @isolasdelasolas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.