Cañete ten razón? Non pasa nada por comer un iogur caducado?

O ministro de Agricultura, Miguel Arias Cañete Dominio Público Praza Pública

Máis tarde ou máis cedo, case todo caduca. Só algúns alimentos cunha porcentaxe moi baixa de humidade (menor ao 15%), coma os cereais ou o mel, son practicamente eternos se se conservan nun lugar fresco, seco e escuro. Non é o caso do iogur, que ten unha porcentaxe de humidade superior ao 85% e permitiría o crecemento de microbios potencialmente tóxicos. Así pois, cada vez que o ministro de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, Miguel Arias Cañete, se abalanza sobre un iogur caducado está a asumir un risco. Iso si, bastante pequeno.

Se un iogur mantén no seu sitio a tapa e se se conservou desde a súa fabricación á temperatura e nas condicións adecuadas, pode consumirse sen risco moito tempo despois da data de caducidade que aparece nos envases

Se un iogur mantén no seu sitio a tapa e se se conservou desde a súa fabricación á temperatura e nas condicións adecuadas, pode consumirse sen risco moito tempo despois da data de caducidade que aparece nos envases. Aos poucos, a súa acidez incrementarase, e esa calidade, que pode facer menos apetitoso o produto, tamén o converte nun lugar menos acolledor para os microrganismos perigosos.

Máis aló do chiste, o ministro facía referencia á necesidade de tomar medidas para evitar o desperdicio de alimentos, unha preocupación que comparte coa Unión Europea. A principios do ano pasado, o Parlamento Europeo propuxo cambiar a normativa sobre a data de caducidade na etiquetaxe dos alimentos para clarificar o seu período de vida útil. Segundo este organismo, esta e outras medidas axudarían a reducir un desperdicio anual na UE de case 90 millóns de toneladas de produtos que se poden consumir.

Non é o mesmo a data de consumo preferente e a data de caducidade

Entre outras medidas, trataríase de educar o público sobre a diferenza entre a data de caducidade e a data de consumo preferente. No caso do iogur, por exemplo, é posible que a un fabricante non lle interese vender iogures que teñan un nivel de acidez maior do fixado para que o sabor sexa ideal. Ese tempo máximo para que o produto se manteña nos limiares de acidez aceptables fixaría a data de consumo preferente, pero aínda quedaría moito tempo para que o iogur caducase e se convertese nun risco para a saúde. En moitos casos, para evitar posibles problemas legais ou de imaxe para o produto, os fabricantes imprimen como data de caducidade o que en realidade é a data de consumo preferente.

O ministro de Agricultura, Miguel Arias Cañete Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.