CCOO denuncia que o Goberno quere traspasar aos institutos o profesorado das escolas de idiomas

Escola Oficial de Idiomas de Vigo © Praza Pública

A Federación do Ensino de CCOO advertiu este martes que recorrerá ante os tribunais o real decreto, arestora aínda en proxecto, remitido polo Ministerio de Educación ao Consello Escolar do Estado, que, segundo denuncia, "permitirá o paso do profesorado das escolas oficiais de idiomas (EOI) sen ningún tipo de limitación aos institutos de secundaria". Para o sindicato, esta norma "posibilitará que funcionarios duns corpos docentes impartan docencia noutras ensinanzas distintas das asignadas con carácter xeral ao seu corpo, pero sempre como excepción e con xustificacións máis ou menos precisas. "Ademais, o profesorado destas ensinanzas poderá ser desprazado e destinado aos institutos, sen ningunha razón extraordinaria ou limitación", denuncia.

"O borrador tramitouse sen negociarse na Mesa Sectorial de Educación"

CCOO censura tamén que o borrador se tramitase "sen ser negociado na Mesa Sectorial de Educación, aínda que afecta as condicións laborais do profesorado". "É certo que ata o de agora o sistema permitía que funcionarios docentes duns corpos puidesen exercer a súa función noutros niveis educativos, pero sempre de forma razoada e en situacións excepcionais", recordan.

CCOO acusa as "autoridades da Comunidade de Madrid de presionar ao Ministerio para emprender a reforma"

Comisións denuncia que "este asuno" veuse formulando polas "autoridades da Comunidade de Madrid", que segundo aseguran, "fixeron presión no Ministerio de Educación para emprender esta reforma". "A súa idea é que as administracións atendan ou financien só as ensinanzas básicas, de xeito que as restantes, como as de idiomas, se verían privadas de financiamento e expostas ao mercado. O obxectivo parece claro: desviar o profesorado das EOI aos institutos e, a seguir, facer desaparecer ou enmagrecer ao máximo as actuais escolas oficiais de idiomas. O Ministerio parece concordar con esa pretensión".

Para o sindicato, esta medida afondará no "atraso no ensino das linguas estranxeiras". "De feito, somos un dos países en que a cidadanía coñece menos as linguas doutros e os nosos alumnos ocupan os últimos postos das clasificacións en idiomas. As escolas oficiais de idiomas e os seus profesionais son elementos fundamentais na mellora do coñecemento doutras linguas. Formaron miles e miles de españois e españolas de todas as idades e son un referente formativo en toda Europa", lembran.

Escola Oficial de Idiomas de Vigo © Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.