Centros de ensino que innovan: Ares e Monfero dan exemplo

Alumnos e alumnas do CPI Virxe da Cela © https://cpivirxedacelasolidario.blogspot.com.es/

Hai centros de ensino que abren camiño, que aproveitan todas as posibilidades que permiten as novas tecnoloxías e as ferramentas da comunicación, que lles ofrecen aos seus alumnos e alumnas a opción de intervir, de decidir e de crear como parte da súa educación. Hai numerosos exemplos en toda Galicia, de colexios e institutos que levan a cabo un traballo espectacular. E, ademais, unha boa parte deles están na zona rural ou en localidades pequenas. Dous deles son o CPI Virxe da Cela de Monfero e o CPI As Mirandas de Ares.

O CPI Virxe da Cela de Monfero traballa en varias liñas de moito interese. Cómpre salientar a importancia que o centro de lle empresta aos proxectos solidarios, que mesmo contan cunha web de seu. Forma parte, por exemplo, da Rede Solidaria da Mocidade de Entreculturas, que leva anos organizando actividades con centros de ensino de todo o país. Tamén fan moita incidencia nas cuestións medioambrientais, destacando neste senso a publicación dunha serie de video-titoriais no que alumnos e alumnas ensinan algúns trucos para reciclar e reutilizar materiais. Os rapaces e rapazas fan uso das ferramentas comunicativas máis de moda, coma as formulas dos youtubers, para aprender e ensinar a outros fórmulas impaxinativas para coidar o medio ambiente.

Outra das súas grandes poboacións é o proceso de despoboamento do rural e o lanzamento de propostas para reverter esta situación, que tamén afecta a Monfero. Con este obxectivo, botaron a andar a Asociación Educativa Infantil e Xuvenil Soño Rural, que busca levar a cabo accións "na procura dun mundo rural vivo, valorado positivamente e cun crecemento sostible que nos permita vivir a todos dunha maneira digna". Unha das súas primeiras accións foi a de presentar unha moción de apoio ao mundo rural nos concellos de Irixoa e Monfero "con propostas para que os nosos políticos loiten pola recuperación e mellora da nosa contorna".

Recentemente lanzaron un novo proxecto, titulado "A vaquiña polo que vale", coa colaboración da Universidade da A Coruña e as ONGD Solidariedade Internacional e Cooperación Galega. Trátase dunha iniciativa interdisciplinar sobre a vaca e o leite no que os alumnos e alumnas de infantil e primaria coñecen máis cousas sobre esta industria, tan importante nos concellos de Monfero e Irixoa. Ao longo da iniciativa, os rapaces e rapazas coñeceron de primeira man a realidade do sector, as súas dificultades e posibilidades, escoitaron as explicacións dos gandeiros e debateron fórmulas para impulsar o traballo das explotacións leiteiras

Dende hai tres anos o CPI As Mirandas de Ares traballa en metodoloxías de aprendizaxe que inciden no traballo colaborativo e a participación do alumnado, un proxecto polo que o centro foi galardoado pola Consellaría de Educación hai uns meses. Dente o CPI destacan que "o traballo colaborativo, cooperativo e por proxectos é unha nova metodoloxía que consideramos favorece a aprendizaxe do alumnado". "A participación da familia tamén é moi importante e fundamental, o cal redunda nunha mellora da convivencia e o alumnado síntese o verdadeiro impulsor e protagonista da súa aprendizaxe", engaden.

Ademais, o alumnado de 2º e 4º de Primaria do CPI As Mirandas traballaron durante o último ano na creación dunha compañía de ópera, a través do proxecto LÓVA (La Ópera, Vehículo de Aprendizaje), un proxecto educativo interdisciplinar e innovador que foi elixido pola Unión Europea como proxecto educativo español de referencia para desenvolver a conciencia e a expresión cultural. Dito e feito, o pasado 2 de xuño os alumnas e alumnas estrearon en Mugardos a peza de teatro musical Un cambio inesperado, e repetiron a posta en escena os días 8 e 9 en Ares.

Outra iniciativa destacada foi a participación na terceira edición de “Matemáticas na Raia”, un concurso de resolución de problemas impulsado por AGAPEMA (Asociación Galega do Profesorado de Educación Matemática) e a APM (Asociación do Profesorado de Matemáticas de Portugal) dirixido ao alumnado de 3º da ESO de centros galegos e portugueses. Trátase dun concurso que fomenta o traballo colaborativo, pois os equipos son grupos-clase completos.

Ou, igualmente, a participación no proxecto Fálame da emigración, de Afundación, unha iniciativa de conversa interxeracional que  a entidade leva a cabo en 11 concellos, coa participación de 67 maiores, 11 centros de ensino e 461 mozos e mozas, maioritariamente de segundo e terceiro de ESO. O obxectivo é que "as persoas maiores lle transmitan á mocidade os coñecementos e experiencias adquiridos ao longo de toda a vida, ao tempo que se enriquecen do diálogo con xente nova e se favorece o entendemento mutuo". Búscase tamén que a comunidade educativa "incorpore novas modalidades de aprendizaxe, que aproveiten a experiencia das persoas maiores, fomenten o diálogo, a cooperación e o entendemento entre as distintas xeracións".

 

Ciencia e tecnoloxía en Praza.gal ofrecida por

Alumnos e alumnas do CPI Virxe da Cela © https://cpivirxedacelasolidario.blogspot.com.es/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.