Cidades nun clima cambiante

Casa do concello da Coruña CC-BY-SA Jaume Meneses

Se a humanidade non o remedia, non terá máis remedio que aprender a convivir co cambio climático. Adaptarse a un clima diferente, máis cálido e inestábel, para o que moitas cidades non están preparadas.

As zonas urbanas concentran a tres cuartas partes da poboación do continente e concentran a actividade económica. E serán tamén as que máis sufran os efectos do cambio climático.

Así o sinala un recente informe da Axencia Ambiental Europea (EEA), que tamén recolle propostas e medidas que poderían adoptar os diferentes gobernos para minimizar os impactos.

As cidades serán as que máis sufran o cambio climático.

O estudo sintetiza datos de investigacións anteriores que abranguen a máis de 500 cidades do continente, entre elas varias galegas. 

A Axencia sinala como principais retos o aumento de temperaturas e os problemas relacionados coa auga. Uns problemas que variarán de alcance en función da intensidade do cambio climático. 

Temperaturas máis altas, ondas de calor, menos choivas ou un nivel do mar máis alto son algúns dos retos aos que se terán que enfrontar as zonas urbanas. Algunhas cidades europeas xa comezan a ter en conta á hora de planficar o desenvolvemento urbano, algo que aínda non se fai en Galiza.

Algúns datos rechamantes son que A Coruña podería perder o 15% do seu casco urbano pola suba do nivel do mar, ou que até o 40% da cidade de Vigo podería inundarse se o nivel dos ríos aumenta un metro.

Amais, as urbes galegas teñen case a metade da superficie como "chan impermeábel", que non absorbe a auga da choiva e pode provocar dificultades se hai precipitacións torrenciais. 

Atrasar a toma de medidas fará que resulten máis caras no futuro.

Un das primeiras afirmacións do informe é que atrasar a acción sairá máis caro que facelo agora e probabelmente as medidas cheguen tarde como para minimizar os danos. 

O estudo recolle exemplos como os da cidade alemá de Stuttgart, que deseñou o seu planeamento urbanístico en función das correntes de aire que refrixeran a cidade.

Doutra banda, Copenhaguen,  xa está a buscar solucións para o seu sistema de sumidoiros ante o maior número de choivas torrenciais que saturan a infraestrutura actual.

 

Unha lexislatura perdida 

A nivel galego, na presente lexislatura foron tres anos perdidos na loita contra o cambio climático. O goberno de Núñez Feijóo estreouse paralizando o concurso eólico e negándose a aprobar o plan contra o que quecemento global global que deixara listo o bipartito.

A daquela consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, dirixida por Pachi Vázquez, pretendía actualizar o único documento aprobado até o momento contra o cambio climático, que viu a luz nos últimos momentos do goberno de Manuel Fraga

Feijóo anunciou a redacción dun novo Plan Marco Galego Contra o Cambio Climático 2010-2012 nun consello da Xunta en decembro de 2009. A consellería de Medio Ambiente databa daquela a súa aprobación para finais de 2010, pero se ben o plan xa rematou os trámites da avaliación ambiental, aínda non chegou ao Consello da Xunta. E a lexislatura xa rematou

Esta semana o ecoloxista Xosé Veiras adiantou no blog Un claro no bosque de Praza Pública que as emisións de gases de efecto invernadoiro en Galiza repuntaron en 2011 logo de varios descensos. Veiras acusou ao goberno galego de non ter política climática. "A Xunta fixo máis para aumentar as emisións que para reducilas", afirma.  

 

 

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.