Concienciadas: como se fai a ciencia?

Javier Balea e Iria Veiga, na segunda entrega de Concienciadas CC-BY-NC-SA Praza Pública

Que é a ciencia? Todo o que é "científico" é certo? Estas preguntas teñen respostas e conflúen nun único método: o método científico

Que é a ciencia? O que está nos libros? O que din unhas persoas con bata branca? En termos lingüísticos, a ciencia é o "conxunto dos sistemas de coñecemento con obxecto e métodos de estudo determinados e baseados en leis obxectivas que se poden verificar".

Pero, como se fai a ciencia? Todo o que é "científico" é certo? Daquela, como é posible que afirmacións que noutrora eran científicas agora xa non o sexan? Todas estas preguntas teñen respostas que conflúen nun único método. O método científico. É o que nos explican Iria Veiga e Javier Balea na segunda entrega de Concienciadas.

En Concienciadas a audiencia de Praza.gal atopa pílulas audiovisuais con explicacións sobre conceptos científicos, achegas á explicación que a ciencia nos ofrece para múltiples elementos da nosa vida cotiá e testemuñas de persoas que traballan no mundo da investigación.

Como xa avanzaran Iria Veiga e Javier Balea tras a estrea da primeira entrega da sección, Concienciadas aposta por incrementar o material audiovisual en galego sobre temas científicos. Ademais, ao ser un proxecto que se integra nun xornal xeneralista", subliñan, "pode axudar a comprender que os temas dos que imos falar forman parte da cultura, porque a ciencia tamén o é", conclúen.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.