Críticas na revista Science ao xiro de España cara á investigación "de mercado"

Manifestación de investigadores e investigadoras este venres en Madrid CC-BY-SA Materia

O Goberno de España ameaza con “esganar” a innovación do país ao reducir os fondos destinados a ciencia básica para dedicalos a investigación “dirixida ao mercado”. Así o denuncia unha tribuna de opinión publicada na prestixiosa revista Science na que tres científicos españois analizan o plan nacional que traza os obxectivos en I+D+i entre 2013-2016 e a estratexia até 2020 trazadas polo Goberno de Mariano Rajoy. O título do artigo, publicado un día antes de que a comunidade científica volvese manifestarse contra dos recortes en investigación, é alarmante: “Escuros nuboeiros sobrevoan a ciencia española”.

“Mellorar a I+D privada é benvido, pero redirixir fondos cara á investigación privada e aplicada, xunto cos grandes recortes no orzamento”, di a tribuna, “achega o risco de minar os esforzos por mellorar a investigación básica”

“Mellorar a I+D privada é benvido, pero redirixir fondos cara á investigación privada e aplicada, xunto cos grandes recortes no orzamento”, di a tribuna, “achega o risco de minar os esforzos por mellorar a investigación básica”. A carta está asinada por Luís Santamaría, presidente da Asociación para o Avance da Ciencia e a Tecnoloxía en España, Mario Díaz, investigador de IMEDEA e presidente do Comité Científico da Sociedade Española de Ornitoloxía SEO/Birdlife, e Fernando Valladares, presidente da Asociación Española de Ecoloxía Terrestre e investigador do Museo Nacional de Ciencias Naturais.


Miles de millóns sen gastar

O traballo lembra que, cada ano, gran parte dos orzamentos totais dedicados a investigación se dan en forma de créditos que ao final non se outorgan, deixando miles de millóns sen gastar

O traballo lembra que, cada ano, gran parte dos orzamentos totais dedicados a investigación se dan en forma de créditos que ao final non se outorgan, deixando miles de millóns sen gastar e reducindo considerablemente o verdadeiro gasto en investigación. En 2012 esa cantidade excedeu os 3.000 millóns, sinalan. Este ano, as sociedades científicas denunciaron que mesmo se deixan de gastar 100 millóns de euros en subvencións.

O traballo alerta de que España non está preparada para recolocar os fondos que antes se dedicaban a investigación básica a proxectos de ciencia aplicada “dirixida ao mercado”. Os autores resaltan que este país aínda non ten un tecido empresarial de alta tecnoloxía significativo e ten un “número pequeno” de empresas xurdidas da contorna da investigación, o que fixo difícil que o coñecemento xerado chegue ás empresas e xere beneficios. “As restricións financeiras e os recortes poden asfixiar as fráxiles sinerxías que hai entre o sector público e privado en lugar de fortalecer a competitividade e podar os elementos menos produtivos”, sinalan.

Os autores propoñen que o Goberno redistribúa os fondos de I+D de forma “máis equilibrada” e, en especial, faga un mellor seguimento do diñeiro público que se dedica á investigación para que estea máis ligado a lograr os resultados propostos, un problema que o Tribunal de Contas criticou duramente este ano. “Os políticos deberían aproveitar os recursos que se foron edificando na última década, xa que a innovación efectiva só pode chegar cando se sustenta na ciencia básica”, conclúen os asinantes.

Manifestación de investigadores e investigadoras este venres en Madrid CC-BY-SA Materia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.