O 12 de agosto viviremos un acontecemento histórico, unha eclipse solar total que poderá ser vista dende Galicia nunhas condicións case que inmellorables: no verán (con maiores opcións de ceos despexados), co sol caendo cara o oeste e co astro nunha posición máis elevada ca noutras zonas do Estado. Haberá que agardar 400 anos para gozar dunha oportunidade semellante.
As medidas buscan axudar a “vivir con seguridade un fenómeno que traerá desprazamentos masivos xa que é unha oportunidade única”
O pasado ano, nesta entrevista, Óscar Blanco Varela, presidente da Agrupación Astronómica Ío da Coruña e responsable do Observatorio Astronómico de Trevinca, na Veiga, debullou algunhas das características dun momento "único na vida" e apuntou xa algúns consellos para presencialo con seguridade. Hai uns días o Consello da Cultura Galega publicou un documento con recomendacións de expertos, dirixidas tanto ás administracións públicas como á cidadanía.
As medidas buscan axudar a “vivir con seguridade un fenómeno que traerá desprazamentos masivos xa que é unha oportunidade única”, segundo destacaron na súa presentación a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e o coordinador desa comisión de expertos que elaborou o documento, Jorge Mira. Entre as propostas máis básicas están por exemplo, non mirar ao sol sen anteollos homologados, evitar desprazamentos innecesarios e planificar as viaxes; e, para as administracións, prever retencións ou organizar puntos de observación seguros e accesibles con servizos e control de aforo.
Recomendacións para a cidadanía: a saúde ocular
Non se debe mirar ao sol directamente sen protección homologada e que só son seguros os anteollos de eclipse certificados. Cos anteollos non se pode estar mirando continuamente para o sol durante períodos maiores de 30 segundos. Sublíñase, así mesmo, evitar calquera outro método de observación directa
Con respecto á saúde ocular, o documento insiste en que non se debe mirar ao sol directamente sen protección homologada e que só son seguros os anteollos de eclipse certificados (ISO 12312-2, marcado CE e marcas de confianza).
Lémbrase, así mesmo, que cos anteollos non se pode estar mirando continuamente para o sol durante períodos maiores de 30 segundos. Non é necesario que haxa uns anteollos para cada persoa. Unha familia pode ter uns anteollos ou dous e, deste xeito, írense alternando os membros desa familia para observar e descansar os ollos
Explícase que "a retina non doe ao ser queimada polo sol e, polo tanto, as persoas non son conscientes de estaren sufrindo dano" e que "o efecto da queimadura sería análogo á mancha na visión que queda despois dunha foto con flash, pero no caso da queimadura solar esa mancha quedaría para sempre".
O vindeiro 30 de abril, arredor das 20:20 horas, poderá realizarse un ensaio das condicións nas que se producirá a eclipse, ao coincidir cunha posición solar semellante
Sublíñase, así mesmo, evitar calquera outro método de observación directa (caretas de soldador, cristais afumados, acumular anteollos de sol uns enriba doutros etc.), destacando que "ningún método caseiro é válido"
Ademais, o documento incide na importancia de transmitir á cidadanía unha mensaxe clara sobre o seu uso correcto, diferenciando o que hai que facer na fase de eclipse parcial (só se pode observar cos anteollos postos) e na fase de totalidade (obsérvase sen os anteollos). Tamén se propón promover métodos de observación indirecta, especialmente entre a poboación infantil, como a construción de cámaras escuras caseiras.
Escoller o punto de observación, limitar os desprazamentos
O 12 de agosto vai haber desprazamentos masivos en dirección ás áreas nas que a eclipse sexa total e, sobre todo, aos puntos de observación máis privilexiados e demandados. Neste senso, no que atinxe á elección do lugar no que presenciar a eclipse, apúntase que o vindeiro 30 de abril, arredor das 20:20 horas, poderá realizarse un ensaio das condicións nas que se producirá a eclipse, ao coincidir cunha posición solar semellante. Esta proba permitirá comprobar a idoneidade dos lugares de observación e anticipar posibles limitacións.
Para a poboación que xa se atope próxima a un bo lugar para observar a eclipse a recomendación é evitar os desprazamentos, sobre todo se estes se realizan en coche, para evitar os inevitables atascos. Para as persoas que si teñan que desprazarse, a recomendación é planificar "con bastante antelación a súa viaxe"
Para a poboación que xa se atope próxima a un bo lugar para observar a eclipse a recomendación é evitar os desprazamentos, sobre todo se estes se realizan en coche, para evitar os inevitables atascos. Para as persoas que si teñan que desprazarse, a recomendación é planificar "con bastante antelación a súa viaxe". "Convén viaxar con aprovisionamento: combustible, bebidas, móbiles cargados e algo de comida. Debe preverse a saturación dos servizos no camiño ata o destino", destácase. Para evitar o atasco ao remate da eclipse, na noite do día 12, recoméndase "estender a estadía no lugar de observación para ver de noite a choiva de meteoros (estrelas fugaces) das Perseidas, cuxo máximo de actividade será precisamente ese día".
O aumento do tráfico comezará o día 11 de agosto e seguirá o día 13 e apúntase a que será especialmente importante na AP-9 dende o sur de Galicia e dende Portugal en dirección ao norte.
Recomendación para as administracións: organización das aglomeracións
Recoméndase a identificación de puntos de observación preferentes. Estes puntos teñen que ter identificada a súa capacidade, unha accesibilidade óptima, unha visibilidade testada e servizos mínimos para aglomeracións de xente, así como a vixilancia debida e servizos de emerxencias
Recoméndase a identificación de puntos de observación preferentes, que deberían ser as referencias fundamentais para a cidadanía. Estes puntos teñen que ter identificada a súa capacidade, unha accesibilidade óptima, unha visibilidade testada e servizos mínimos para aglomeracións de xente, así como a vixilancia debida e servizos de emerxencias. Do mesmo xeito, deberán identificarse aquelas zonas que hai que evitar, por mor da súa importancia ecolóxica ou por supoñeren un perigo.
Recoméndase nomear un responsable local para coordinar cada evento organizado pola Administración. Tamén se suxire a formación de persoal local (Protección Civil, asociacións veciñais/culturais, bibliotecas, centros educativos e organizadores de eventos...). Sería recomendable que nos puntos de referencia recomendados polas administracións houbese algún sistema ou persoa que por megafonía informase de cando quitar os anteollos e cando poñelos.
Faise tamén unha recomendación aos concellos de apagar o alumeamento público e de carteis publicitarios luminosos durante a eclipse.
Igualmente, advírtese da posible saturación das redes de telefonía móbil e da necesidade de garantir o funcionamento dos servizos públicos.
O informe subliña, finalmente, a importancia de ofrecer información clara, rigorosa e coordinada, baseada en criterios científicos, co apoio dos medios e das canles institucionais, para garantir que a cidadanía coñeza como observar a eclipse con seguridade. Para iso proponse o sitio web trioeclipses.es como punto de referencia fundamental.
Igualmente, advírtese da posible saturación das redes de telefonía móbil e da necesidade de garantir o funcionamento dos servizos públicos
O informe, elaborado por Jorge Mira (Departamento de Física Aplicada da USC) en colaboración con X. Dositeo Veiga Alonso (Ceos Galegos e AstroVigo), é o resultado da xuntanza dun grupo de traballo no que participaron Alexandre Dubra (Colexio Oficial de Ópticos Optometristas de Galicia), Ramón Iglesias Marzoa (Clube Compostelán Vega de Astronomía), Igor Piñeiro (Asociación Astronómica Sirio), Óscar Blanco (Agrupación Astronómica Coruñesa Ío), Ana Ulla (Departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo e Fundación Ciencia, Ceo e Cultura), Begoña Nicolás (Área de Astronomía e Astrofísica da USC), Marcos Pérez Maldonado (Director dos Museos Científicos Coruñeses), Borja Tosar (Planetario da Coruña) e Juan Taboada (Coordinador de Meteogalicia).