Entre a ilusión, o descontento e a fascinación. Así viviu a eclipse total de sol A Coruña, un dos lugares máis concorridos en Europa para observar unha experiencia inesquecible pero que non foi completa por mor das nubes. Pouco antes de que o fenómeno se iniciase, nubeiros típicos das tardes de verán decidiron unirse á festa para estragar un chisco a contemplación. Non houbo coroa solar, nin aneis, nin cores cambiantes cando a lúa foi cubrindo o sol, pero si un anoitecer fugaz, repentino e inédito do que gozaron máis de 225.000 persoas nas rúas.
As nubes impediron unha experiencia completa: non houbo coroa solar, nin aneis nin cores cambiantes para as 225.000 persoas que ollaban o ceo nas rúas
Foi a cifra que deu o Concello sobre unha cidade que concentrou a xente, sobre todo, nos areais urbanos ao pé do paseo marítimo. Buscando unha visión ideal desde o Orzán e Riazor, convertidas en bancadas ateigadas, en balcóns de excepción para un momento único. Unha morea de xente que superou a que alí adoita gozar do San Xoán, nunha escena semellante no concorrido pero distante no ambiente.
"Isto é unha estafa", berrou un cativo mentres veciñanza e visitantes probaban unha e outra vez a pór os lentes especiais por se as nubes deixaban ver algo nos momentos previos ao eclipse total. Case nada. O gris invadiu o ceo mentres a só uns quilómetros, desde Santa Cruz ou desde Miño, as fotos recibidas plasmaban un horizonte ben diferente. Tamén cando a lúa cubriu o sol.
O balbordo de todas as horas previas tornouse en rumor e logo silencio, xa minutos antes do eclipse total. A cidade enmudeceu —o Concello prohibiu aos bares e barras da vía pública poñer música entre as 20:15 e as 20:45—, e milleiros de rostros insistían en uniformarse con lentes e mesmo caretas caseiras para os máis pequenos. Un baile de máscaras sen música nin baile. Coa ollada no ceo, a ilusión frustrada e un abraio xeral ás 20:27. "Que pasada".
A decepción nas praias tornouse en sorpresa, abraio e fascinación co anoitecer repentino, o arrefriar do aire e o voo efémero das gaivotas
A decepción nas praias por non observar en plenitude a interposición da lúa co sol virou en sorpresa, un coro coordinado de abraio e aplausos cando o día se fixo de noite nun momento. As luces da baía brillaron coma nunca e as gaivotas emprenderon unha viaxe efémera cara ao mar. Entre un aire arrefriado e a baixada das temperaturas. Houbo quen mesmo decidiu bañarse xusto nese momento, como agardando un feitizo.
Foi unha xornada especial nunha cidade ateigada e practicamente colapsada desde horas antes tras ser sinalada como un dos mellores lugares no mundo para observar a eclipse. Por ser o primeiro gran núcleo en presencialo na península ibérica ou pola súa orientación cara ao horizonte atlántico. Unha urbe chantada no mar, que permitía unha panorámica limpa e sen obstáculos en moitas zonas.
Case todo o paseo marítimo foi unha ringleira infinita de xente, o espazo máis ateigado dos varios que o Concello indicou como ideais para a observación nunha cidade cos hoteis completos desde hai semanas e restaurantes coas mesas reservadas desde o pasado ano. Pero a meteoroloxía é implacable.
Fascinación e mágoa
Ao tempo, mentres a lúa tapaba o sol, os xogadores do Deportivo e do Real Madrid quentaban no céspede de Riazor, a onde milleiros acudiron tamén presenciar o trofeo Teresa Herrera, un partido programado á mesma hora do acontecemento, na contorna onde máis xente se reuniu para observalo. Só o fútbol (moderno) podía atreverse a intentar eclipsar un eclipse total e seguir xirando coma se nada ocorrese arredor. Abofé que ocorreu.
A cidade escureceu, amenceu de novo, os seareiros entraron por fin en Riazor e milleiros máis emprenderon o camiño ás casas entre a fascinación e a pena de non ter gozado do espectáculo completo que si recibían nos seus móbiles. Desde Arzúa, Boimorto, Miño, Oleiros ou O Pino.
O cumio dunha semana na que a atracción do fenómeno astronómico encheu aínda máis as rúas, sobre todo as céntricas, onde un paseo pola rúa Real supón un curso acelerado de inglés e nocións básicas de francés, catalán, alemán ou ruso. Neste 12 de agosto, a mestura de acentos, idiomas e nacionalidades foi alén do centro, con barrios na contorna dos areais repletos de xente chegada de todas partes, preparando o lugar idóneo para ollar o ceo desde primeiras horas da tarde.
"Nin en San Xoán". A Coruña encheuse de xente chegada de todos lados para observar a eclipse
Había un truco para atopar grupos de coruñeses e galegos: buscar unha camiseta do Deportivo. Milleiros polas rúas que aproveitaron que o foco se puña na cidade para volver amosar orgullo de club, malia o conflito que enfronta unha parte da bancada coa directiva.
"Xente seguido para arriba e para abaixo, sen parar, todo o día", expresaba un dono dun local hostaleiro en María Pita. "Nin en San Xoán", engadía, canso dunha masificación que ten a súa parte positiva pero tamén molestias que expresa, sobre todo, a veciñanza traballadora. .
"Está aquilo que non se pode entrar: que se os cruceiros, que se a eclipse... Non podes moverte co coche, nin traballar", dicía xa á mañá un repartidor nun bar de de Labañou, a uns pasos dalgunhas das zonas máis escollidas para gozar do eclipse, entre o monte de San Pedro e as praias. "Está ben que veñan visitantes pero o resto teremos que podernos mover", insistía, reafirmando o fastío de quen sofre as aglomeracións nunha cidade pequena e cunha enorme densidade de poboación, multiplicada por moito este mércores.
Atascos e párkings completos
Xa daquela, contra a mediodía, había atascos nas peaxes da AP-9 dirección á Coruña ou Ferrol e na entrada da cidade, e a maioría dos aparcamentos lucían o cartel de completo. Horas despois, deixar o coche era misión imposible e o Concello cortou rúas e espazos onde a afluencia era masiva.
Malia todo, non houbo problemas destacables nunha xornada única que requiriu dun dispositivo especial desde ben cedo, con 400 persoas entre seguridade, policía, bombeiros, sanitarios e Protección Civil, con medidas específicas de limpeza e mobilidade. E con máis de 16.000 cruceiristas, entre tripulación e pasaxeiros, dos seis grandes barcos que elixiron o mesmo día para estar na cidade e inundaron as prazas e rúas máis céntricas antes de marchar ver a eclipse desde alta mar.
Foi un día único. Unha eclipse total que na Coruña non volverá ocorrer ata o ano 2180, porque os que chegan antes só serán visibles de xeito parcial na cidade. En Galicia, non había unha eclipse soltar total dende o ano 1912 e non se repetirá ata ese ano tampouco. De retirada, entre o abraio e a expectativa, había quen xa pensaba en viaxar dentro dun ano a algunha das localidades do sur da península que gozará doutra eclipse total. Por gozar, desta vez si, da experiencia completa. Se as nubes deixan.