E o día fíxose noite nun minuto: así foi a eclipse total en Galicia

Eclipse no concello de Miño CC-BY-SA Praza.gal / Cedida

As nubes estragaron boa parte da experiencia en moitos lugares, mesmo algúns como A Coruña, que foran sinalados como puntos de referencia

Galicia viviu un fenómeno astronómico que será lembrado durante máis dun século, aínda que non todas as zonas que podían gozar da eclipse total poderán contar a mesma experiencia

O día fíxose noite de súpeto, si, durante algo máis dun minuto en boa parte do país, pero as nubes estragaron boa parte da experiencia en moitos lugares, incluído algúns, como a cidade da Coruña, que foran sinalados como zonas de referencia pola súa situación e condicións para ollar como a lúa cubría o sol. 

Eclipse en Ponte Carreira, O Pino CC-BY-SA Praza Pública

Trens cheos, retencións e moito tráfico nas estradas que se dirixían do sur ao norte, con atascos nas peaxes da AP-9 e diversos accidentes leves pola cantidade de coches que peregrinaron cara a zonas onde se agardaba a mellor das experiencias, esa media Galicia que puido gozar dun eclipse total fronte a outra media que só puido velo parcial a máis do 99%. 

Pero a climatoloxía complicou a cousa en moitos lugares. Nesa franxa de totalidade, pero na costa que vai desde Malpica ata a cidade da Coruña, así como na parte máis ao leste da Mariña, fíxose de noite durante minuto e medio pero non houbo coroa solar, nin perlas de Baily, nin cores cambiantes arredor do sol no momento no que a lúa se interpuxo no seu camiño

Eclipse na parroquia de Andabao, en Boimorto CC-BY-SA R. Taboada

Baixada de temperatura

As nubes impediron unha experiencia completa en moitas localidades, como na Coruña, onde os datos oficiais falan de 225.000 persoas nas rúas, praias ou no paseo marítimo que quedaron coas ganas de máis. Gozaron da indescritible sensación dun anoitecer breve e repentino, do recoller dos paxaros ou do arrefrío da temperatura, pero non de todo o espectáculo que si brillou de pleno en moitos outros puntos de Galicia. 

Noutros puntos, a experiencia foi completa. "E foi impresionante", resumían algúns dos que a gozaron, antes de encetar o camiño de volta á casa, que volveu provocar en moitos lugares retencións e denso tráfico cara ao sur do país, especialmente na AP-9 á altura da peaxe de Sigüeiro, na A-54 Lugo-Santiago ou en varias estradas nacionais arredor da capital galega.

Espectación pola eclipse no monte de Ancos, Neda CC-BY-SA Praza Pública

Máis alá das incomodidades, os testemuños coinciden no inverosímil dun fenómeno único, que muda o ambiente, a paisaxe, a temperatura ou as luces. Unha xornada irrepetible. Abofé. Non haberá outro eclipse total en Galicia ata o ano 2180. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.