Chegou o día. Este serán Galicia converterase nun escenario privilexiado para asistir a unha eclipse solar total, un espectáculo que non se producía no noso territorio dende o ano 1912 e que non se repetirá ata o 2180
Chegou o día. Este serán Galicia converterase nun escenario privilexiado para asistir a unha eclipse solar total, un espectáculo que non se producía no noso territorio dende o ano 1912 e que non se repetirá ata o 2180. Pouco antes das oito da tarde o Sol comezará a escurecerse, iniciando un proceso que levará primeiro á total ocultación do Astro Rei ao redor das oito e media e, despois, progresivamente á súa reaparición, finalizando a eclipse contra as nove e vinte, xa preto da hora do solpor, que terá lugar ás dez menos vinte.
O horario exacto varía para cada lugar e resulta importante consultalo -especialmente para o momento da totalidade- nas múltiples webs lanzadas polas institucións para esta xornada, coma a do Instituto Xeográfico Nacional (a máis completa) ou a da Xunta de Galicia. No seguinte mapa pódense consultar as horas de inicio, final e totalidade para cada concello (aínda que nun e noutro punto do mesmo termo municipal pode haber leves variacións).
O primeiro, a seguridade
Non se debe mirar ao sol directamente sen protección homologada e que só son seguros os anteollos de eclipse certificados. Mesmo cos anteollos homologados non se pode estar mirando continuamente para o Sol durante períodos maiores de 30 segundos
Dous aspectos son clave á hora de gozar con comodidade e seguridade da eclipse deste mércores. En primeiro lugar, débense coidar os ollos, unha recomendación repetida ata a saciedade por institucións, expertos e entidades especializadas.
Non se debe mirar ao sol directamente sen protección homologada e que só son seguros os anteollos de eclipse certificados (ISO 12312-2, marcado CE e marcas de confianza). Lémbrase, así mesmo, que mesmo cos anteollos homologados non se pode estar mirando continuamente para o Sol durante períodos maiores de 30 segundos. Non é necesario que haxa uns anteollos para cada persoa; unha familia pode ter uns anteollos ou dous e, deste xeito, írense alternando os membros desa familia para observar e descansar os ollos.
Explícase que "a retina non doe ao ser queimada polo sol e, polo tanto, as persoas non son conscientes de estaren sufrindo dano" e que "o efecto da queimadura sería análogo á mancha na visión que queda despois dunha foto con flash, pero no caso da queimadura solar esa mancha quedaría para sempre". Só hai un momento da eclipse en que é seguro mirar o Sol sen lentes: o da totalidade. De aí a importancia de saber o segundo exacto en que comeza e remata este estado.
O segundo, a planificación
A segunda cuestión de importancia é o lugar no que decidamos ver a eclipse. A primeira recomendación neste senso é planificar previamente a localización e viaxes. A segunda recomendación é non realizar desprazamentos innecesarios
A segunda cuestión de importancia é o lugar no que decidamos ver a eclipse. A primeira recomendación neste senso é planificar previamente a localización e desprazamentos. Hai infinidade de lugares en toda Galicia nos que se poderá gozar do fenómeno. A estratexia ideal consistía en comprobar previamente -ben no día espello do pasado mes de abril no que o Sol se atopaba no mesmo punto no que vai estar hoxe, ben nestes últimos días- se nun espazo determinado a eclipse ía ser visible. Tamén se crearon webs que informaban das zonas de sombra e dos obstáculos orográficos que poderían dificultar a observación.
A segunda recomendación é non realizar desprazamentos innecesarios, pois cómpre ter en conta de que as aglomeracións van ser importantes en certos lugares, o que pode dar lugar a atascos nas estradas, sobre todo ao remate do fenómeno. Na ampla franxa do territorio galego na que a eclipse será total -ao norte dunha liña que cruza o territorio en diagonal dende a Costa da Morte ata Valdeorras- o número de puntos de observación é infinito, polo que non é necesario desprazarse aos puntos de observación recomendados por algunhas institucións.
"Os puntos de observación recomendados poden dar a impresión de que só vas poder ver ben a eclipse se vas a eses lugares, cando a realidade é que moita xente vai poder velo mesmo dende a súa casa. Estes puntos non son mellores", destaca Óscar Blanco Varela, presidente da Agrupación Astronómica Ío da Coruña
Óscar Blanco Varela, presidente da Agrupación Astronómica Ío da Coruña e responsable do Observatorio Astronómico de Trevinca, destaca en conversa con Praza.gal que "os puntos de observación recomendados poden dar a impresión de que só vas poder ver ben a eclipse se vas a eses puntos, cando a realidade é que moita xente vai poder velo mesmo dende a súa casa. Estes puntos non son mellores, senón simplemente neles hai servizos de emerxencias e outros servizos para a cidadanía".
O mellor lugar para ver a eclipse (a pregunta do millón) "depende de factores moi persoais", sinala. "Se ti simplemente queres velo, hai infinidade de lugares para facelo. Outra cousa é que queiras facer unha foto especial nun lugar determinado ou que queiras vivir a eclipse nunha contorna determinada", di. Blanco conclúe que "é importante que a xente non se desprace en vehículos ese día, se é posible". "Se ti vives en zona de totalidade e podes ir andando ao lugar onde queres observar a eclipse, faino", engade.
Terceiro, aglomeracións e atascos
Aínda que moita xente vai ver a eclipse na súa casa ou moi preto dela, sen necesidade de realizar desprazamentos, é seguro que haberá aglomeracións en puntos concretos e, consecuentemente, saturación de tráfico e atascos
Aínda que moita xente vai ver a eclipse na súa casa ou moi preto dela, sen necesidade de realizar desprazamentos, é seguro que haberá aglomeracións en puntos concretos e, consecuentemente, saturación de tráfico e atascos. Nun documento de recomendacións publicado hai uns meses por unha comisión de expertos lanzada polo Consello da Cultura, destácase que "o aumento do tráfico comezará o día 11 de agosto e seguirá o día 13 e apúntase a que será especialmente importante na AP-9 dende o sur de Galicia e dende Portugal en dirección ao norte".
Igualmente, advírtese da posible saturación das redes de telefonía móbil e da necesidade de garantir o funcionamento dos servizos públicos.
A primeira recomendación, neste caso, é a da "paciencia", ser consciente de que estes atascos puntuais poden existir, ben na entrada e saída dos puntos de observación, ben nas peaxes da autoestrada, e estar preparado para eles. É mellor diferir o regreso, facéndoo máis progresivo.
A primeira recomendación, neste caso, é a da "paciencia", ser consciente de que estes atascos puntuais poden existir, ben na entrada e saída dos puntos de observación, ben nas peaxes da autoestrada, e estar preparado para eles. É mellor diferir o regreso, facéndoo máis progresivo.
"Convén viaxar con aprovisionamento: combustible, bebidas, móbiles cargados e algo de comida. Debe preverse a saturación dos servizos no camiño ata o destino", destaca a comisión do Concello da Cultura, que tamén apunta unha idea para quen poida diferir o regreso, estendendo a estadía no lugar de observación para ver de noite a choiva de meteoros (estrelas fugaces) das Perseidas, cuxo máximo de actividade será precisamente ese día.
E, cuarto, sobre todo gozar dun momento único na vida
O máis importante, con todo, é gozar do momento, dun fenómeno irrepetible e, como destaca Óscar Blanco, "non se parece a nada, non a podes comparar con nada máis". "Eu penso que paga a pena desprazarse á zona de totalidade", sinala, pois "a diferenza entre unha eclipse total e unha parcial a nivel visual e a nivel das emocións que provoca é enorme, non ten nada que ver". Aínda que pareza que entre ver unha eclipse cunha ocultación do 90% e outra do 100% non hai diferenza, si que a hai. "E moita", di o astrónomo, "mesmo entre o 99% e o 100% a diferenza é moi grande".
O máis importante, con todo, é gozar do momento, dun fenómeno irrepetible e, como destaca Óscar Blanco, "non se parece a nada, non a podes comparar con nada máis", sobre todo se se está na zona de totalidade
No momento da totalidade a temperatura descende de forma abrupta, os animais modifican o seu comportamento e unha luz sobrenatural enche a paisaxe. De igual xeito, no momento en que a eclipse remata, a natureza volve á vida de golpe, os paxaron emprenden o voo ou comezan a chiar. Unha crónica xornalística de El Correo Gallego (xornal radicado nese momento en Ferrol) describía así a eclipse que se viviu en Galicia en 1905: "A la hora de la totalidad, arreció el frío y la natruralez quedó envuelta en densa oscuridad, ofreciendo tristísimo e imponente aspecto. Callaron las aves. Al día había sucedido la noche", engadindo que co remate da totalidade "comenzó a renacer el día y con él la alegría en la Naturaleza y en los espíritus (...) En el arbolado del Arsenal saludaron el amanecer las aves con sus trinos dulcísimos, lanzándose en raudo vuelo las golondrinas".
E onde verá Óscar Blanco a eclipse, tendo en conta que estamos ante un experto que presenciu nove eclipse solares totais ao longo de todo o planeta? "Vereino nalgún punto da costa de Oleiros, onde vivo. Vai haber moita xente e non sería o lugar ao que iría se viñese de fóra, pero poño por diante o factor emocional, a posibilidade de presencialo coa familia e vendo A Coruña de fondo", sinala.