A primeira recomendación dos expertos é "planificar" con antelación o punto de observación e a viaxe cara a el e, ao tempo, "evitar desprazamentos innecesarios"
O vindeiro 12 de agosto viviremos un momento único na vida. Ao redor das sete e media da tarde a Lúa comezará a ocultar o Sol ata completar una eclipse total ao redor das oito e media. O fenómeno rematará ao redor das nove e vinte, un chisco antes do solpor. Será a primeira eclipse solar total visible en Galicia dende as de 1905 e 1912 e no noso territorio non se poderá ver outra ata o 2180 (e esta, ademais, será en novembro e só se verá nunha franxa moi pequena do país). Unha oportunidade que non se repetirá, a eclipse das nosas vidas.
Estas semanas previas son unha oportunidade para aprender cousas sobre a eclipse e os movementos dos corpos celestes, tamén de facer preparativos (por exemplo, de conseguir lentes homologados) e de informarse sobre a forma segura de asistir á eclipse, seguindo as recomendacións para evitar sobre todo danos oculares. E, ademais, é o tempo de decidir en que lugar veremos o fenómeno.
Dende hai meses administracións e institucións científicas veñen informando sobre as condicións nas que a eclipse se verá en cada lugar. Nas webs oficiais, coma a do Instituto Xeográfico Nacional, pódense consultar as horas de inicio e remate da eclipse para cada punto, tamén o momento e duración da totalidade e o ángulo que terá o Sol nese momento, con datos sobre se o terreo permitirá o impedirá (pola presenza dunha elevación) contemplar a eclipse.
A eclipse poderá ver en múltiples localización ao longo da área de totalidade, polo que non é necesario desprazarse a uns poucos puntos concretos. Porén, moitos concellos están a habilitar espazos dotados de servizos para a poboación
Tamén a Xunta puxo en marcha a súa web, con información xeral para cada concello, coma a que se amosa neste mapa interactivo. Outras insititucións, coma o Concello da Coruña (unha das cidades de todo o Estado nas que mellor se verá a eclipse) lanzaron aplicacións que sitúan sobre o rueiro coruñés os "puntos con potencialidade para a observación" da eclipse, amosando cunha imaxe a visión que se terá do Sol nese lugar, ofrecendo outros datos como "zonas de estacionamento para turismos e autocaravanas" e mais aparcadoiros público
A Xunta non establece "puntos recomendados", pero a petición de varios concellos emitiu informes de emerxencias ou medioambientais sobre 85 puntos no territorio galego
E onde é mellor ver a eclipse? Esa é a pregunta do millón nestas semanas previas. A primeira recomendación dos expertos é "planificar" con antelación o punto de observación e a viaxe cara a el e, ao tempo, "evitar desprazamentos innecesarios". Por unha banda, lémbrase que estamos ante un momento "único na vida", polo que "paga a pena" tentar velo dende unha das zonas de totalidade (en Galicia, toda a provincia de Lugo, o norte da provincia da Coruña ou a comarca de Valdeorras). Pero, ao tempo, lémbrase que nesta área haberá infinidade de puntos nos que se poderá gozar do fenómeno á perfección. É dicir, non será necesario dirixirse a puntos sinalados especificamente pola beleza da contorna.
E é que no 12 de agosto se esperan aglomeracións de vehículos que se dirixan cara ao norte de Galicia, tanto nas horas previas coma nas posteriores ao fenómeno. A comisión de expertos posta en marcha polo Consello da Cultura recomenda, para a poboación que xa se atope próxima a un bo lugar para observar a eclipse, "evitar os desprazamentos", sobre todo se estes se realizan en coche, para evitar os inevitables atascos. E para as persoas que si teñan que desprazarse, a recomendación é planificar "con bastante antelación a súa viaxe". De igual xeito, o delegado do Goberno central en Galicia, Pedro Blanco, subliña que “é fundamental dirixirse con tempo e planificación".
Puntos de observación sinalados polas administracións
Se o punto de observación está situado en terreos forestais, o acceso, circulación e permanencia estará permitido sempre que o índice de risco diario de incendio forestal non sexa moi alto ou extremo
Existen unha serie de puntos de observación sinalados polas administracións. Cómpre subliñar que non se trata dos lugares nos que mellor se verá a eclipse nin os máis cómodos para facelo, pois na área de totalidade o fenómeno poderá ser visto dende múltiples localizacións, probablemente sen tanta saturación. Porén, dende o Goberno central instouse a establecer algúns puntos de observación dotados de servizos para a poboación. Seguindo esa recomendación, algúns concellos remitiron á Xunta algúns puntos para que a administración autonómica emitira os correspondentes informes (de emerxencias, de Medio Ambiente en caso de tratarse de espazos protexidos...).
No mapa anterior recóllense os preto de 85 puntos sobre os que o Goberno galego realizou informes a petición dos concellos. A maior parte deste puntos pasan a estar integrados na planificación nacional da Secretaría de Estado de Seguridade, que se incrementarán ao longo destes días tras ser analizados.
A Consellaría de Presidencia subliña que non se trata "de puntos de observación oficiais nin determinados pola Xunta" e que a decisión final sobre habilitalos ou non corresponde a cada concello. A Xunta si estableceu unha limitación na Praia das Catedrais, en Ribadeo, onde non se poderá acceder o día 12, para evitar aglomeracións coma as que se produciron nos últimos días.
Ademais, dende a Delegación do Goberno central en Galicia establecéronse 29 puntos dende onde non estará permitido ver a eclipse por motivos de seguridade ou accesibilidade. 8 deles están na provincia da Coruña, dende a Torre de Hércules e as Furnas de Oleiros ao Pedrido (Bergondo), pasando pola Berberecheira e praia de Carnota ou o Miradoiro de Cabana. En Lugo son 17, destacando o Fuciño do Porco (O Vicedo), os Cantís de Papel, Punta da Mansa e Faro Roncadoiro (Xove), a Esplanada do Parque dos Condes (Monforte), o Castelo de Castro de Ouro (Alfoz) e varios puntos en Barreiros (A Anguieira, Monte Comado, Monte Corneria, Monte Penabor ou Santo Estevo do Ermo).
En Pontevedra hai tres, destacando a Fervenza do Toxa (Silleda) e o Monte da Guía. E en Ourense só un, a pista de montaña do miradoiro de San Martín (A Rúa).
Nos casos de concentración de 10.000 ou máis persoas asistentes en espazos non delimitados ou de 5.000 en zonas delimitadas requírese un Plan de autoprotección. Ademais, debe constituírse un Posto de Mando Avanzado (PMA). Así mesmo, nas concentracións en espazos naturais que conten con algunha figura de protección deberase cumprir a normativa da Consellería de Medio Ambiente sobre a regulación de usos e actividades permitidas nese espazo.
Finalmente, se o punto de observación está situado en terreos forestais, o acceso, circulación e permanencia en todos os puntos de observación situados en terreos forestais dos concellos declarados Zonas de Alto Risco (ZAR), estará permitido sempre que o índice de risco diario de incendio forestal non sexa moi alto ou extremo.
Reforzo dos autobuses o 12 de agosto
Habilitaranse conexións especiais de autobús desde Vigo cara A Coruña e Ferrol cun novo servizo de saída en cada ruta e unha volta ás 23 horas en ambos casos
Atendendo aos numerosos desprazamentos que se esperan para o 12 de agosto en dirección ás zonas nas que se poderá ver a eclipse total (o norte e leste de Galicia), a Xunta anunciou a pasada semana o reforzo para a esa xornada do transporte público por estrada "co obxectivo de ofrecer unha alternativa ao vehículo particular nunha xornada na que se prevé un volume elevado de desprazamentos na comunidade".
Así, por exemplo, habilitaranse conexións especiais de autobús desde Vigo cara A Coruña e Ferrol cun novo servizo de saída en cada ruta e unha volta ás 23 horas en ambos casos. Estas conexións súmanse aos servizos regulares que xa conectan cada día estes lugares e que permiten chegar antes do comezo da eclipse. Tamén se reforzarán as liñas entre Lugo e Ribadeo e entre Ribadeo e Foz con servizos especiais pola tarde e regresos nocturnos.
Tamén se reforzarán as liñas entre Lugo e Ribadeo e entre Ribadeo e Foz con servizos especiais pola tarde e regresos nocturnos
Entre Vigo e Ferrol, habilitarase un servizo especial desde a cidade viguesa ás 12.35 horas con chegada prevista á urbe ferrolá ás 15,30 horas. Este enlace contará con paradas tamén na estación de autobuses de Pontevedra, na intermodal de Santiago, en Pontedeume, en Fene e, xa na cidade de Ferrol, na Avenida das Pías e no barrio do Pilar.
Entre Vigo e A Coruña, habilitarase un reforzo desde a cidade viguesa ás 14.00 que chegará á urbe coruñesa ás 16.15 horas. Neste caso as paradas intermedias serán na estación de autobuses de Pontevedra, na estación intermodal de Santiago e na Avenida Alfonso Molina da Coruña.