MeteoGalicia e AEMET coinciden en prognosticar nubes no litoral norte a última hora desta tarde, tras unha xornada de calor
Finalmente as nubes poderían condicionar a visibilidade da eclipse total de sol da tarde deste mércores en parte da súa franxa de totalidade ao seu paso sobre Galicia, que abarca a metade nordeste do país. Así coinciden en prognosticalo para a costa norte tanto MeteoGalicia como a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), ao tempo que a Xunta ten activada unha alerta laranxa por calor no interior de Pontevedra, a montaña de Ourense e Valdeorras e existe un risco extremo, alto ou moi alto de incendios na metade sueste do país.
Segundo MeteoGalicia, a partir de media tarde comezarán a entrar nubes baixas polo norte, sen precipitacións, que afectarán especialmente ao litoral de Lugo e Bergantiños e que mesmo aparecerían tamén nas montañas do leste.
Similar previsión fai AEMET, concentrando a maior probabilidade de nubes, de tipo baixo, contra o leste da costa lucense.
Antes da hora da eclipse, cando comezarán a baixar as temperaturas, o prognóstico en toda Galicia é dun día de calor, ata o punto de que a Xunta ten activa unha alerta laranxa por altas temperaturas no interior de Pontevedra, a montaña de Ourense e Valdeorras.
Moitas persoas desprazaranse a montes para observar a eclipse, con risco alto ou moi alto de incendios na metade sueste do país
Estas circunstancias fan que o Índice de Risco Diario de Icendio (IRDI) sexa outro elemento a ter en conta nesta xornada na que moitas persoas se desprazarán a diversos montes para contemplar a eclipse. O risco para este mércores é moi alto en toda a provincia de Ourense, con algúns concellos mesmo con risco extremo. No resto de Galicia hai risco alto agás o norte e oeste da Coruña e o norte de Lugo, onde o risco é moderado.