A través da cátedra interuniversitaria entre a UDC e a UVigo que codirixe, traballa para promover vocacións tecnolóxicas, rompendo estereotipos de xénero para que nenas e nenos poidan decidir o seu futuro profesional con información veraz e obxectiva
Dende o 2012 o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) entrega todos os anos o Premio Ada Byron, un galardón que busca dar visibilidade ás mulleres que en Galicia son protagonistas no campo da tecnoloxía e a informática e que leva o nome da primeira programadora da historia. Nesta ocasión a gañadora é Virginia Mato (A Coruña, 1982), doutora en Informática pola UDC, profesora na Facultade de Informática desta mesma universidade e co-directora da Cátedra ALDABA-WIB da UDC e UVigo para impulsar iniciativas que contribúan a dar visibilidade ás mulleres no mundo das TIC.
Naceu na Coruña pero creceu en Padrón, retornando á cidade herculina para se converter en enxeñeira informática (2007) e doutora en Informática (2011) pola UDC. O perfil investigador de Virginia Mato destaca especialmente no ámbito do procesado de imaxe médica, un labor que iniciou no Centro IMEDIR (Centro de Informática Médica e Diagnóstico Radiolóxico) da UDC en 2006. A súa carreira levouna a formar parte do Laboratorio de Imaxe Médica da Fundación CIEN e do Laboratorio de Análise de Imaxe Médica e Biometría da Universidad Rey Juan Carlos. Virginia Mato recollerá o galardón na XVIII NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia, que se celebrará o 12 de xuño.
Enxeñeira, doutora e profesora na Facultade de Informática da UDC, o perfil investigador de Virginia Mato destaca especialmente no ámbito do procesado de imaxe médica
A través da cátedra interuniversitaria entre a UDC e a UVigo que codirixe, traballa para promover vocacións tecnolóxicas, rompendo estereotipos de xénero para que nenas e nenos poidan decidir o seu futuro profesional con información veraz e obxectiva. Organiza todos os veráns un campamento tecnolóxico para nenas, premios ao talento ou un programa que busca achegar exemplos reais de mulleres profesionais do sector TIC aos centros educativos.
“Non se trata dunha solución rápida, senón dunha carreira de fondo. Creo que se está a producir un cambio progresivo, xa que a percepción da tecnoloxía está evolucionando e a sociedade comeza a entender que o talento non ten xénero. Hai un interese real nas xeracións mozas e nas súas familias, pero debemos ser realistas. Requírese tempo, non basta con espertar a curiosidade hoxe. O desafío é que o interese se manteña e madure ata o momento en que as mozas deban elixir o seu futuro profesional. Non é un cambio instantáneo, pero os avances que observamos fan que sexa optimista”, destaca.
Nos últimos cinco anos a matriculación feminina en primeiro curso en Informática oscilou entre o 12% e o 19%. Esta baixa representación feminina ten, segundo Virginia Mato, implicacións graves no mercado laboral: perda de talento e competitividade
Nos últimos anos a Cátedra ALDABA-WIB impulsou proxectos como o Barómetro de brecha de xénero BBG-TIC, un estudo pioneiro para medir e analizar a brecha de xénero nos estudos tecnolóxicos en Galicia, achegando datos esenciais para a toma de decisións institucionais. Os datos recollidos polo barómetro expresan que nos últimos cinco anos a matriculación feminina en primeiro curso en Informática oscilou entre o 12% e o 19%, este último dato acandado no curso 2023/2024, converténdose na maior matriculación feminina desde que se implantou o grao.
“A brecha de xénero nas TIC é un fenómeno complexo que non responde a unha única causa, senón á combinación de factores culturais, sociais e educativos que converxen en que a profesión de enxeñeiro ou enxeñeira informática sigue sendo, a día de hoxe, unha gran descoñecida, rodeada de estereotipos e percepcións afastadas da realidade.
"A miúdo, percíbese como unha disciplina puramente técnica, ignorando o seu profundo impacto social e a súa capacidade para mellorar a vida das persoas. Esta falta de referentes reais e próximos fai que moitas nenas non se proxecten neste campo, ao non atopar unha conexión entre a tecnoloxía e o seu desexo de contribuír á sociedade”, engade.
"A falta de referentes reais e próximos fai que moitas nenas non se proxecten neste campo, ao non atopar unha conexión entre a tecnoloxía e o seu desexo de contribuír á sociedade”, destaca
Esta baixa representación feminina ten, segundo Virginia Mato, implicacións graves no mercado laboral: perda de talento e competitividade. “Cando as mulleres non participamos nas carreiras TIC, o sector perde unha pluralidade de perspectivas esencial que empobrece a calidade da innovación. Unha tecnoloxía avanzada nace de equipos diversos e representativos. Tamén se perpetúan os sesgos na tecnoloxía ao non responder ás necesidades de toda a sociedade", alerta. E, engade, prodúcese tamén "unha brecha de oportunidades laborais e económicas, xa que as mulleres quedan desprazadas dun mercado laboral con alta demanda e excelentes proxeccións”.
Gañadoras
- 2012: Luz Castro Pena
- 2013: Susana Ladra
- 2014: Bertha Guijarro Berdiñas
- 2015: Eva Dafonte Pérez
- 2016: Nieves Rodríguez Brisaboa
- 2017: María José Talavera
- 2018: Miriam Pena Villanueva
- 2019: Mónica Fernández Bugallo
- 2020: Sabela Ramos Garea
- 2021: Ana Freire
- 2022: Karina Gibert compartido con Nuria Castell
- 2023: Verónica Bolón
- 2024: Cristina Vázquez
- 2025: Josefina Alonso
- 2026: Virginia Mato