Unha mostra virtual sobre 'Muller e Videoxogos' reivindica o papel das creadoras galegas e internacionais nesta industria cultural

O videoxogo 'River Raid' foi deseñado e programado en 1982 por Carol Shaw © MUVI

Máis do 40% dos usuarios de videoxogos son mulleres, pero seguen a ser clara minoría na industria

O Museo do Videoxogo de Galicia (MUVI), situado en Cangas, vén de poñer en marcha a exposición virtual 'Mulleres detrás dos Videoxogos', que fai un percorrido polo papel das creadoras durante as últimas catro décadas nesta industria cultural, destacando importantes nomes a nivel internacional e tamén a nivel galego. A mostra, que amplía a iniciada o pasado ano, complementa o Seminario Internacional 'Mulleres e Videoxogos, a ambos lados da pantalla' organizado pola Universidade da Coruña e que comeza este mércores.

Dende o Museo do Videoxogo, destácase que "o videoxogo continúa a ser a día de hoxe un terreo estraño para as mulleres", no que atinxe ao seu papel dentro desta industria, a pesar de que as estatísticas amosan que máis do corenta por cento dos usuarios son mulleres.

Instalacións do Museo do Videoxogo de Cangas © MUVI

"Por desgraza a percepción do público xeral segue priorizando a atención en nomes masculinos de directores ou executivos máis famosos", destacan dende o MUVI

O MUVI subliña que aínda que dende os anos 80 "o papel da muller dentro do medio foi o dun traballo constante e estivo presente desde o inicio", dende as primeiras obras dixitais, "por desgraza a percepción do público xeral segue priorizando a atención en nomes masculinos de directores ou executivos máis famosos". "Son ben coñecidos creadores como Ralph Baer, John Carmak, Hideo Kojima, Shigeru Miyamoto ou Jordan Mechner, pero a sociedade ten grandes dificultades á hora de identificar a importantes e influíntes mulleres que xogaron e están a xogar papeis tan destacados coma os dos seus colegas masculinos", explican.

"A historia dos videoxogos non deixa lugar a dúbidas: as mulleres están aí dende o principio", subliñan

"A historia dos videoxogos non deixa lugar a dúbidas: as mulleres están aí dende o principio", subliñan. A mostra permite descubrir e analizar a obra de moitas das máis importantes creadoras das últimas cinco décadas, "fomentando deste xeito a comprensión e alcance do seu legado". Dende as pioneiras (Rieko Kodama, Jane McGonigal, Carol Shaw...) ata autoras máis recentes (Brie Code, Yoko Shimomura, Rihanna Pratchett, Amy Hennig...) e sen esquecer o talento galego (Mirella Díez, Tatiana Delgado, Sara Álvarez...)

A visita virtual inclúe instalacións expositivas con videoconsolas e videoxogos representativos das biografías de cada unha das mulleres abordadas na mostra

A visita virtual inclúe instalacións expositivas distribuídas en puntos de referencia, con videoconsolas e videoxogos representativos das biografías de cada unha das mulleres abordadas na mostra. Navegando pola exposición virtual en 360 graos, as persoas visitantes terán a posibilidade de gozar cunha experiencia profunda, con información audiovisual e enlaces externos que invitan aos curiosos a profundizar e perderse noutros lugares interesantes da mesma temática. 

Seminario Internacional "Mulleres e videoxogos"

As xornadas internacionais "Mulleres e videoxogos" celébranse dende o día 29 de setembro ata o 20 de outubro 

A Facultade de Ciencias de Comunicación da UDC organiza a terceira edición destas xornadas internacionais "Mulleres e videoxogos", que este ano se celebrarán predominantemente de forma virtual, dende o día 29 de setembro ata o 20 de outubro. 

O seminario está impulsado pola Facultade de Comunicación coa colaboración da asociación internacional Women in Games (WIGJ), o Centro de Estudos de Xénero e Feministas (CEXEF), a Asociación Asociación Española de Videojuegos | AEVI, a Fundación Museo do Videoxogo de Galicia o Campus Innova e o Instituto de las Mujeres. 

A xaponesa Rieko Kodama produciu xogos como 'Skies of Arcadia' © MUVI

O programa combina relatorios e faladoiros virtuais, abertos á participación do público, con outro tipo de contidos en vídeo e obradoiros, ademais da exposición virtual sobre mulleres na industria dos videoxogos.

O programa combina relatorios e faladoiros virtuais, abertos á participación do público, con outro tipo de contidos en vídeo e obradoiros, ademais da exposición virtual sobre mulleres na industria dos videoxogos

A inauguración do Seminario tivo lugar este mércores, 29 de setembro, cos relatorios de Elena Beltrán, Coordinadora de Comunicación da Asociación Española de Videoxogos-AEVI, e Anne-Sophie Mongeau, deseñadora de son senior en Hazelight Studios. As actividades continuarán o vindeiro 4 de outubro cunha video-charla de Bárbara Domínguez (Tech Art Director e cofundadora de Muquo Games). E o 6 de outubro coa conferencia “El género de los videoxogos desde el arte feminista” a cargo de Remedios Zafra, escritora e científica titular do CSIC.

O seminario pecharase cunha conversa sobre “Gamers e streamers dende Galicia para o mundo” 

O 13 de outubro a Facultade de Ciencias da Comunicación acollerá dous obradoiros de deseño e arte para videoxogos a cargo de Cristina García Aradas, Xefa de deseño de niveis en Gato Estudio, e Lizartonne, Concept artista, ilustrador e produtor. Para finalizar, o mércores 20 de outubro terá lugar, ás 12:30 horas, o conversatorio: “Gamers e streamers dende Galicia para o mundo” no que participarán Samku e Mariña (anhiram_).

Cartel das xornadas sobre 'Mulleres e Videoxogos' organizadas pola UDC © UDC

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.