Desta vai: Galicia inicia a carreira polo .gal

Stand da iniciativa no Culturgal © Asociación Puntogal

A Cidade da Cultura acolle este martes a presentación oficial da candidatura galega para acadar un dominio de internet de noso. Seguindo o ronsel aberto por Catalunya, que en 2005 acadou o .cat, a Asociación puntoGAL completou todos os trámites económicos, técnicos e administrativos e antes de remitir a candidatura á ICANN, organiza unha presentación e unha mesa redonda. O acto será inaugurada pola directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, e nel participarán representantes da Fundació Puntcat, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, o Consello da Cultura de Galicia, EGANET, Asociación Galega de Editores e Código Cero.

O dominio .gal é o dominio de primeiro nivel proposto para a lingua e cultura galegas e dende 2006 vén sendo promovido pola Asociación Puntogal, apoiada por máis dun cento de entidades e por máis de doce mil persoas. A aprobación do dominio depende da ICANN (Internet Corporation for Assigned Names and Numbers), que de xeito periódico abre convocatorias para a incorporación de novos dominios. Hai sete anos aprobou un grupo deles (eu, asia, travel, jobs, mobi e cat), e dende entón mantivo pechada a billa. Os procesos son longos e custosos (tamén economicamente, pois só o prezo da matrícula para o exame é de 185 mil dólares), os requisitos esixentes (a ICANN demanda un apoio unánime no caso dun dominio dunha comunidade, coma o .gal) e ademais a resposta adoita adiarse (os prazos cos que se contan atrasarían a resposta da ICANN até o segundo semestre de 2013).

O reto é importante e os beneficios que tería para Galicia serían moitos, para todos, dende a cultura ás empresas pasando por calquera usuario de Internet. Nos seus primeiros cinco anos de existencia, o dominio .cat superou as 50 mil páxinas e converteuse nunha marca de país para todas as iniciativas, entidades e corporacións catalás. Como destacan na Asociación Puntogal, "contar cun dominio propio situará o galego no máximo nivel entre as linguas no DNS, o que repercutirá no seu prestixio internacional. Para os efectos prácticos, atopar e ordenar información en galego resultará moito máis doado, por exemplo para os grandes buscadores".

A apertura desta convocatoria adiouse en varias ocasións, pero neste tempo Puntogal puido preparar a candidatura, acandando o apoio de entidades culturais, universidades, partidos políticos, centros galegos no exterior e empresas. Este apoio unánime é o que lles fai estar confiados no éxito da iniciativa, aínda que dúas de cada tres candidaturas son rexeitadas. Falamos con Camilo Regueiro, vicepresidente da Asociación Puntogal.

Que probabilidades hai?

Hai moitas probabilidades, porque cubrimos todos os requisitos que establece o regulamento. Non está asegurado ao 100%, pero estamos falando dunhas probabilidades moi altas. A xente que nos está asesorando formou parte do proceso do puntcat e é xente que está moi metida en todos os temas da ICANN.

A aprobación do.cat hai case unha década favorece as nosas posibilidades?

Puntcat entrou na anterior apertura do proceso, en 2003. Agora o proceso aberto é moi potente, por iso tardou tantos anos en abrirse. Os dominios culturais e lingüísticos están moi ben considerados en todo o mundo. Durante estes últimos anos fixemos un labor moi intenso de visibilizar diante da ICANN a importancia dos dominios comunitarios.

"Esforzámonos moito en facerlles ver a colectivos de todo tipo en Galicia que termos un dominio era moi importante para todos os sectores da sociedade galega, para a visibilidade de Galicia, para a lingua e a cultura, para as empresas, para o desenvolvemento das novas tecnoloxías"

En que centrou o seu traballo a Asociación Puntogal nestes últimos anos?

Esforzámonos moito en facerlles ver a colectivos de todo tipo en Galicia que termos un dominio era moi importante para todos os sectores da sociedade galega, para a visibilidade de Galicia, para a lingua e a cultura, para as empresas, para o desenvolvemento das novas tecnoloxías. E era moi importante contar co apoio de toda a sociedade, que non houbese unha parte da sociedade que estivese en contra do proceso. A ICANN esixe que cando unha comunidade pide un dominio, esa petición teña o apoio completo desa comunidade. E iso conseguiuse: cóntase co apoio de todas as entidades do país, houbo un apoio total por parte do anterior goberno da Xunta e tamén do novo goberno da Xunta. A iniciativa conta tamén co apoio dos tres grupos políticos representados no parlamento.

"É fundamental que nós poidamos xestionar o noso propio dominio; cando ti adquires un .com, un .es ou un .org, parte dos cartos van para fóra; co .gal eses cartos quedarían aquí"

Que importancia tería que Galicia contase cun dominio de primeiro nivel?

Ten unha importancia simbólica, dende logo, visibilízanos como comunidade e colectividade, interna e externamente. Tamén ten vantaxes técnicas, que van dende o posicionamento e a recuperación de resultados en buscadores até o software. E é fundamental que nós poidamos xestionar o noso propio dominio; cando ti adquires un .com, un .es, ou un .org, parte dos cartos van para fóra; co .gal eses cartos quedarían aquí. Iso vai ser xestionado por unha entidade sen ánimo de lucro que vai ter como obxectivo reinvestir eses cartos no ámbito das novas tecnoloxías e no ámbito da cultura e da lingua galega.

Unha vez que se presenta a candidatura a sorte está botada ou é importante que nos medios e nas redes sociais se visibilice o apoio de Galicia á iniciativa?

Ese tipo de apoio é importante. Cando a ICANN estude a candidatura e necesiten datos a maiores, un deles pode referirse a que grao de apoio ten na candidatura e que activismo hai para conseguilo.

Camilo Regueiro, vicepresidente de PuntoGAL, no 28º encontro internacional da ICANN en Lisboa © Asociación Puntogal
Asemblea fundacional de Puntogal: Lois Rodríguez, Marcus Fernández, Camilo Regueiro e Manuel González © Asociación Puntogal
Reunión da directiva de PuntoGal co Presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo © Asociación Puntogal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.