Son un triste clásico de cada época calorosa en Galicia, unha recorrente arma que guindar ao adversario político e, agora tamén, unha materia para analizar a "competencia no coñecemento e na interacción co mundo físico" dos alumnos de secundaria. A Consellería de Educación incluíu os incendios forestais na súa "avaliación de diagnóstico" do curso 2010-2011, a proba coa que mide diversos coñecementos do alumnado galego e que na súa última edición, correspondente ao curso 2010-2011, se realizou no cuarto curso de Educación Primaria (EP) e no segundo nivel da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO). Os resultados da avaliación recóllense nun informe presentado este luns polo conselleiro de Educación, Jesús Vázquez e o seu director xeral José Luis Lema, un documento que tamén inclúe exemplos dos cuestionarios que tiveron diante os estudantes. No que atinxe aos lumes, o departamento de Vázquez formula unha pregunta cando menos rechamante, dado que lles vén dicir aos rapaces e rapazas que son un fenómeno cunha única causa: o abandono do monte.
Para introducir o tema dos incendios forestais a Consellería achégalles ao alumnado unha breve explicación. "Son cada verán unha das caras menos amables dos espazos informativos. Ano tras ano, desde que a poboación emigrou ás cidades e o abandono se apropiou das vellas terras de labor, montes e aldeas, estanse a producir incendios, o que causa un grave impacto sobre os ecosistemas", detalla. A continuación, lanza unha pregunta: "Que relación ten o abandono das vellas terras de labor, montes e aldeas coa proliferación dos incendios forestais?", cuestiona. As opcións presentadas son catro: "non hai xente que apague os incendios", "non se limpa o monte", "as árbores medran demasiado" e "a auga non é accesible". Pero para un fenómeno tan poliédrico, a Xunta achega unha única resposta correcta, a ausencia de limpeza do monte.
Ningún dos exercicios de matemáticas foi realizado en galego
Para completar o exercicio, Educación amósalles unha gráfica aos estudantes sobre a "superficie forestal afectada por incendios en Galicia", que teñen que interpretar e reconstruír. Aínda que a proba se desenvolveu no curso 2010-2011, os datos amosados, recollidos do INE, só abranguen o período comprendido entre 2003 e 2007, isto é, os últimos anos do Goberno de Manuel Fraga e os primeiros do bipartito, incluíndo a intensísima vaga de lumes do verán de 2006.
Os exemplos de probas que inclúe o informe permite observar tamén a aplicación práctica do denominado decreto do plurilingüismo. Tanto no cuestionario de EP como no da ESO combínanse galego e castelán, se ben a lingua propia de Galicia fica excluída en ambos da análise da competencia matemática. Segundo se tira do documento, dos tres exercicios realizados, os alumnos de cuarto de Primaria só tiveron que realizar en galego o de "coñecemento e interacción co mundo físico", e en castelán os de competencia lingüística e matemáticas. Mentres, en segundo da ESO a lingua galega empregouse en lingua e coñecemento do medio.
O nivel económico, crucial nas competencias
Á marxe das cuestións formais, unha ollada ao informe presentado por Educación ofrece unha radiografía das competencias do alumnado especialmente significativa nunha época en que os recortes pairan sobre o ensino público. Entre as variables que inflúen na "adquisición de competencias básicas" Educación tivo en conta o índice socioeconómico e cultural (ISEC), un parámetro que atende, por exemplo, ao "traballo do pai", ao "traballo da nai" e aos "recursos materiais no fogar", ademais dos niveis de estudos dos titores do estudante, os número de libros en cada fogar ou os apoios familiares ao estudo. Os resultados non deixan lugar á dúbida, concluíndo que "a medida que aumenta o ISEC, tamén aumenta a puntuación obtida nas competencias".
No caso da Primaria, a "diferenza entre a puntuación media" entre o alumnado con ISEC baixo e o grupo máis alto é de 58 puntos na comunicación lingüística, 60 en matemáticas e 52 en coñecemento do medio. Se o período educativo analizado é a ESO, as diferenzas son maiores: en lingua pasan aos 65 puntos, en matemáticas chegan aos 71 e en coñecemento do medio, aos 62. Segundo o informe non só é crucial o ISEC dos estudantes, senón tamén o do entorno no que se atopan os centros educativos.