A asociación ecoloxista ADEGA denunciou este mércores que dende o outono o lume queimou ao redor de 16 mil hectáreas nos espazos protexidos do interior, en sete Lugares de Importancia Comunitaria (LICs) da Rede Natura sur-oriental: Baixa Limia-Xurés, Macizo Central, Pena Trevinca, Pena Maseira, Ancares-Courel, Canóns do Sil e Pena Veidosa), sen contar as 750 que destruíron a pasada semana nas Fragas do Eume. Para ADEGA, a repercusión social e mediática do incendio das Fragas do Eume eclipsou o enorme impacto que o lume causou neses outros espazos protexidos.
A asociación salienta que na vaga de lumes de 2006 a afección á totalidade da Rede Natura galega non chegou ás dúas mil hectáreas
A asociación denuncia que a Xunta "que agora proclama ter un plan para rexenerar as Fragas (750 hectáreas queimadas), non fixo ren para recuperar as 15.839 de valioso patrimonio natural arrasadas en menos de 6 meses" e fixo fincapé en que na vaga de lumes de 2006 a afección á totalidade da Rede Natura galega non chegou ás dúas mil hectáreas. ADEGA critica "a falla de atención ao medio rural de montaña, a ausenza dunha politica forestal coerente, de investimentos e de propostas para uns espazos interiores cunhas potencialidades enormes" así como "o esquecemento das obrigas legais de conservación deste patrimonio natural".
ADEGA denuncia que o obxectivo é "facer desaparecer das portadas ese mundo rural que para o ex-conselleiro Juárez non ten futuro"
Así mesmo, a organización critica que nas comunicacións públicas que a Xunta fai do impacto dos lumes só informa dos que superan as 20 hectáreas e que ademais non fai referencia a que os incendios afectan a zonas de grande importancia natural, limitándose a situar os focos nun concello ou noutro. ADEGA conclúe que "a Xunta está máis preocupada por minimizar a dimensión do problema dos lumes e o seu impacto na nosa biodiversidade, empregando todo tipo de estratexias" e denuncia que o obxectivo é "facer desaparecer das portadas ese mundo rural que para o ex-conselleiro Juárez "non ten futuro", e só aparentar que se fai algo cando o fume chega ás rúas de Ferrol ou A Coruña e xa non se pode agochar".