Educación subiu un 22% o gasto en libros de texto en tres anos sen gratuidade

O conselleiro de Educación, nunha visita recente a un colexio © Xunta

A "gratuidade solidaria" cada vez é máis cara. Apenas tres días despois de que a Consellería de Educación se vise obrigada a ampliar as partidas económicas das súas subvencións parciais para libros de texto ao non ser "suficiente o importe asignado" no curso 2011-2012 "para atender os compromisos adquiridos" o departamento que dirixe Jesús Vázquez vén de iniciar os trámites para o curso vindeiro. E o gasto non deixa de subir. Nomeadamente, no terceiro curso escolar co novo sistema en marcha, que será ademais o primeiro no que o anterior modelo de préstamo estea practicamente extinguido, as arcas públicas galegas destinarán ata un 22% máis a libros de texto que no último ano en que todo o alumnado de centros públicos e concertados tiña manuais de balde.

Nos últimos orzamentos do Goberno bipartito, que foron tamén os últimos cunha partida para a "gratuidade dos libros de texto", a Consellería de Educación reservaba para esta fin un montante de 14,4 millóns de euros. Tras un primeiro ano de transición no pasado curso os custos comezaron a dispararse. Non en van, tras reservar inicialmente 9,06 millóns para 2011 e 150.000 para 2012 o gasto real superou notablemente as previsións, chegando aos 12,2 millóns de euros. Nos Orzamentos Xerais para este ano Educación xa sumou máis fondos a este programa , chegando a 15,09 millóns de euros dos que apenas 50.000 pertencen ao antigo programa de préstamo, que aínda subsiste nalgúns niveis educativos.

No último ano de préstamo o bipartito gastou 14,4 millóns, a convocatoria para o curso que vén chega aos 17,6

Eses 15,09 millóns de euros xa superaban os 14,4 que gastou o bipartito no último curso con gratuidade universal, sendo xa, polo tanto, máis gravoso para a Consellería subvencionar parte dos libros que prestalos todos -segundo datos da propia Xunta, reciben axudas "sete de cada dez escolares", moitas de cuxas familias teñen que engadir cartos do seu peto para poder adquirir todos os manuais-. Pero este venres Educación convocaba formalmente as axudas para o vindeiro curso e amosaba un novo incremento de gasto. Desta volta o importe destinado ás subvencións será de 17,02 millóns de euros para 2012 e 600.000 para 2013 ou, o que é o mesmo, máis de 3 millóns de euros superior ao último programa de préstamo. "Se for o caso, poderanse ampliar os importes antes citados conforme o previsto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia", evidencia a propia orde de convocatoria.

Sobre esta base a Administración autonómica terá como criterio básico a renda familiar dispoñible no ano 2010 para distribuír unhas axudas que van dende os 90 euros para familiar monoparentais con renda per cápita de entre 6.000 e 9.000 euros e fillos ou fillas en Educación Primaria ata os 180 que recibe o alumnado de ESO se na súa familia non entran máis de 5.400 euros per cápita. Malia á evidente diferenza entre estas achegas parciais e a gratuidade total na propia exposición de motivos da convocatoria a Consellería xustifica a "revisión" do programa de préstamo" na necesidade de "adaptalo á realidade social" para "beneficiar as familias con menos recursos". Ademais, e aínda gastando máis que prestando os libros, Educación asegura que a súa convocatoria vai " en consonancia coa política de austeridade do Goberno da Xunta de Galicia".

Fonte: Xunta de Galicia CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.