Ei-ichi Negishi defende en Compostela a catálise do CO2 para combater o efecto invernadoiro

Ei-ichi Negishi © USC

Ei-ichi Negishi visita estes días Compostela para participar no Programa ConCiencia, organizado pola USC e o Consorcio de Santiago. O padriño de Negishi nesta visita é o profesor da USC Ricardo Riguera. O acto central do seu programa en Galicia será este xoves 26 coa conferencia pública titulada Catálise para un mundo próspero e sostible, que terá lugar ás 20.00 horas na Cidade da Cultura.

O científico xaponés, afincado nos Estados Unidos, obtivo o Premio Nóbel de Química en 2010 por conseguir acoplamentos cruzados catalizados por paladio en síntese orgánica, o que permitiu o establecemento dunha nova arquitectura molecular, máis complexa. 

Ei-ichi Negishi aposta por reciclar o CO2, concretamente por reducir o nivel de oxidación do carbono

Neste senso, Ei-ichi Negishi aposta por reciclar o CO2, concretamente por reducir o nivel de oxidación do carbono. Esta é na súa opinión un dos principais retos ao que se enfronta a Química, segundo explicou nun encontro cos medios de comunicación este mércores 25 na Reitoría da USC. A súa proposta é unha sorte de fotosíntese de xeito catalizado, que ademais posúe a particularidade de ser algo alcanzable porque “os principios para aproveitar o CO2 son coñecidos”. Por contra, o seu inconveniente é económico, polo que o esforzo da ciencia neste eido debe centrarse en atopar formas máis baratas de facelo, e “a catálise é unha peza fundamental no proceso”.

Ei-ichi Negishi © USC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.