Estiven en Galicia e lembreime (aleatoriamente) de ti

Postal da Pontenova Dominio Público Praza Pública

Dende hai uns poucos días cada hora salta a Twitter unha postal dun lugar de Galicia. Xunto a paisaxes fermosas e lugares bucólicos pódense observar muros de ladrillo visto, leiras con peches imposibles ou casas sen rematar. En síntese, a "Galicia real". O responsable desas instantáneas  é o bot @postaisgalegas, un perfil desta rede social que funciona de xeito aleatorio e automático e por tras do que está o desenvolvedor Berto Yáñez, que tamén é pai da criatura @unsaudo, a través dal cal un robótico Xosé Ramón Gayoso saúda un lugar do país cada 15 minutos, e que hai 10 anos foi un dos culpables do célebre Gerador automático de poesia galega contemporánea.

Desta volta Berto Yáñez retoma unha idea á que xa lle viña dando voltas dende os tempos dos desaparecidos Aduaneiros sem fronteiras: "facer unnha postal realista de Galicia, que en vez de mostrar a típica paisaxe estilo Turgalicia", das que "tamén temos moitas", amosase "a imaxe máis habitual de Galicia para min", isto é, por exemplo, "unha estrada estreita e mal asfaltada discorrendo entre montes de eucaliptos a cada lado". E "cando vin que Google ampliara moito a cobertura de Google Street View en Galicia, a idea volveume á cabeza".

Meu dito, meu feito. Tratouse de "coller puntos aleatorios da xeografía galega e amosar a imaxe do Street View", e "o resultado é que, como era de esperar, hai máis estradas mal asfaltadas entre montes de eucaliptos que paisaxes senlleiras", un país máis real que "para moitos de nós tamén é senlleiro".

"Como era de esperar, o resultado é que hai máis estradas mal asfaltadas entre montes de eucaliptos que paisaxes senlleiras"

Aínda que para as persoas máis profanas na materia este trebello pida ser lindeiro coa intelixencia artificial, Berto Yáñez desmitifica a cuestión: non é tal "nin remotamente". De feito, "o proceso é bastante simple", alén de que "obviamente, haxa que ter coñecementos da algunha linguaxe de programación e mirar documentación e mirar a documentación das ferramentas necesarias". "Pero nin hai que ter coñecementos avanzados e a documentación é bastante accesible". Quen se anime, mesmo pode seguir o ronsel do propio Berto: "sempre poño o código fonte dispoñible para quen queira usalo ou dicirme como melloralo".

Berto Yáñez destaca que estes bots tamén poden ter aplicacións "serias" e "útiles", aínda que se "dean máis ao cachondeo"

Despois de varias experiencias con bots netamente lúdicos (@unsaudo, pero tamén @unhavella ou @galegosilustres), Besrto Yáñez asegura estar, "en serio, tentando facer un bot serio", aínda que polo momento "non saíu". "O próximo que estou preparando é, polo menos, algo útil, pero aínda non sei se polo camiño me vou dispersar e acabarei facendo outra cousa". Así e todo, resalta que esta tecnoloxía si pode dar lugar a utilidades prácticas: "sería sinxelo", por exemplo, "facer un bot ao que lle preguntes que tempo vai facer mañá en calquera sitio e che conteste ou te avise cando vai chover, que te avise cando saia algunha noticia dun tema que che interese ou publique fotos de arquivos online que nunca visitarías". Aínda que "o formato bot de Twitter se dá máis ao cachondeo que á utilidade", advirte.

 

Unha das 'postais galegas', de Ortigueira Dominio Público Praza Pública
Postal da Pontenova Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.