O dominio galego na Rede xa está aquí. A Icann, a corporación que goberna as direccións da Internet, vén de asinar o contrato de creación do dominio .gal, tal e como anuncia a Asociación Puntogal, que asinou xa o documento coa Icann que "significa a culminación de sete anos de traballo nos que toda a sociedade galega se uniu para conseguir un distintivo de máximo nivel na Internet". Así, e tal e como destacan, desde o pasado venres o .gal "xa non é unha candidatura, senón o operador dun rexistro da Internet".
O dominio .gal deixa de ser unha candidatura para ser un operador dun rexistro da Internet
Os seguintes pasos para a Asociación Puntogal consisten nunha serie de probas técnicas obrigatorias antes da apertura do rexistro de direccións. Grazas a este contrato asinado, os dominios .gal "poderán comezar a rexistrarse a comezos de 2014". O colectivo a prol do dominio galego detallará en breve cada unha das fases nas que estará dividido este proceso ata que, dentro de poucos meses, se poida navegar xa por enderezos plenamente galegos.
O documento publicado na web da Icann aclara que o .gal "nace para servir a comunidade lingüística e cultural galega". O contrato establece que este grupo está formado por aqueles que "usen -ou se comprometan a usar- o galego nas súas comunicacións en liña, ou promovan os diferentes aspectos da cultura galega na rede ou dirixan especificamente as súas comunicacións e servizos a esta comunidade".
Os novos dominios poderán comezar a rexistrarse a comezos de 2014
Este dominio é o primeiro de Internet aprobado para un grupo lingüístico e cultural dende a aprobación do .cat en 2005, o que supon, para a asociación, "un fito histórico que achegará beneficios económicos, culturais e simbólicos ao país". Segundo Puntogal, que as webs poidan identificarse como galegas "contribuirá a aumentar o prestixio da sociedade galega, da súa cultura e do seu idioma, aumentando a autoestima entre os propios falantes e o interese polo noso idioma entre a comunidade internacional. Os portais web mellorarán a súa posición nos buscadores e o seu tráfico aumentará".
Tamén destacan as vantaxes no ámbito económico, xa que o diñeiro que hoxe marcha do país ao rexistrar outros dominios "quedará en Galicia, xerando coñecemento e riqueza". O contrato asinado co Icann establece que Puntogal é unha organización sen ánimo de lucro, que "reinvestirá todos os beneficios en fomentar o galego nas novas tecnoloxías".
"É un fito histórico que achegará beneficios económicos, culturais e simbólicos ao país"
Puntogal agradece "o alento sostido das principais entidades e instucións galegas en todo este tempo así como o apoio constante da administración autonómica e os premios recibidos nas últimas semanas". Pero ademais, quere destacar que todo este apoio e recoñecemento "non tería sido suficiente" para lograr o obxectivo "de non contar co respaldado de toda a sociedade, que se uniu para lograr situar a súa lingua na primeira liña da Internet". "O dominio é voso", rematan.
Agora haberá un periodo transitorio de entre 6 e 9 meses que servirá para fixar o prezo definitivo dos dominios e para establecer as reservas de nomes. Certas institucións públicas e entidades culturais terán dereito neste tempo a reservar o seu dominio antes de que calquera outro poida adquirilo e o mesmo pasará con determinadas marcas comerciais e empresas con marca rexistrada. Unha vez que se supere esta fase, ao redor de marzo, a convocatoria abrirase a todos e todas e calquera persoas poderá rexistrar o seu dominio punto gal. Os responsables da asociación calculan que ao longo de 2014 se rexistrarán cando menos entre oito e nove mil dominios. Nos seus primeiros cinco anos de existencia, o dominio .cat superou as 50 mil páxinas e converteuse nunha marca de país para todas as iniciativas, entidades e corporacións catalás.