Galicia entrou xa en 'déficit ecolóxico' este ano

Central térmica de Meirama © Praza Pública

Xosé Veiras publica en Un claro no bosque, o blog de ecoloxía social e biodiversidade de Praza, unha completa ánalise sobre o déficit ecolóxico de Galicia

Gastamos máis natureza da que temos. O consumo material e as emisións de CO2 (principal gas de invernadoiro) do noso país superan a capacidade da natureza para rexenerar os recursos renovábeis e asimilar a contaminación. Esgotamos o noso presuposto ecolóxico anual moito antes de que remate o ano, cubrindo o noso déficit ecolóxico á custa doutros países e das xeracións futuras. En 2012, a humanidade esgotou o seu presuposto ecolóxico o 22 de agosto. Mais se toda a humanidade consumise e contaminase como a poboación galega tería entrado en déficit ecolóxico catro meses antes, o 26 de abril.

Esgotamos o noso presuposto ecolóxico anual moito antes de que remate o ano, cubrindo o noso déficit ecolóxico á custa doutros países e das xeracións futuras

O Earth Overshoot Day ou Día da Débeda Ecolóxica (un concepto ideado polo think tank británico New Economics Foundation) axuda a entender cómo estamos a sobardar os límites ambientais, demandando máis recursos e servizos ambientais dos que o noso planeta pode rexenerar. Da mesma forma que un estado, unha empresa ou unha familia calcula a diferenza entre o diñeiro que ingresa e o que gasta, a rede mundial de investigación Global Footprint Network estima a diferenza entre a capacidade do planeta para fornecer recursos e servizos ambientais de forma sustentábel (a biocapacidade) e as demandas humanas (a pegada ecolóxica). Os cálculos da Global Footprint Network conclúen que, en apenas oito meses, o conxunto da humanidade esgotou o presuposto ecolóxico dispoñíbel para todo o ano.

Durante o resto do ano, cubriremos o déficit ecolóxico esgotando reservas de recursos e aumentando a concentración de dióxido de carbono (CO2) na atmosfera e, en consecuencia, agravando o quentamento global.

 

Translimitación ecolóxica

Continuarmos a consumir por riba das posibilidades ecolóxicas implicaría custos crecentes e levaría ao colapso nun prazo de décadas

O déficit ecolóxico do conxunto da humanidade, de non se corrixir, dificultará cada vez máis a estabilidade económica e o benestar social. Continuarmos a consumir por riba das posibilidades ecolóxicas implicaría custos crecentes e levaría ao colapso nun prazo de décadas. Desde os anos 70, a humanidade, por mor das demandas das clases sociais e os países máis favorecidos, sobardou os límites ambientais. A pesar de que 2.000 millóns de persoas viven en condicións materiais moi penosas, a pegada ecolóxica da humanidade (2,7 hectáreas/persoa) é xa 1,5 veces maior que a biocapacidade do planeta (1,8). A translimitación ecolóxica é un feito.

O déficit ecolóxico sería aínda moito maior se se xeralizase o ritmo de consumo dos países máis desenvolvidos. Por exemplo, se toda a humanidade vivise como a media da poboación galega o déficit ecolóxico duplicaríase. Serían precisos 3 planetas en lugar de 1,5. Os recursos renovábeis consumidos nun ano tardarían 3 anos en se rexenerar, en lugar de ano e medio.

 

A ignorada dependencia ecolóxica de Galicia

Se dependésemos só da nosa biocapacidade propia esgotaríamos o presuposto ecolóxico anual en 8 meses, o 30 de agosto

Galicia está entre o grupo de países que máis adebedan en termos ecolóxicos, pois o valor da súa pegada ecolóxica (6,64 hectáreas/persoa) é un 50% superior ao da biocapacidade do seu territorio (4,4). Xa que logo, se dependésemos só da nosa biocapacidade propia esgotaríamos o presuposto ecolóxico anual en 8 meses, o 30 de agosto. Sostemos a nosa economía e o noso estilo de vida grazas ás importacións de recursos e mais á apropiación de servizos ambientais en maior medida do que nos correspondería por poboación (concretamente da capacidade de absorción de CO2). Isto colócanos nunha posición insolidaria e, alén diso, moi vulnerábel. A nosa dependencia ecolóxica xera enormes riscos nun contexto de agravamento da deterioración ambiental global e de escaseza crecente duns recursos cada vez máis demandados, debido en grande medida ao rápido crecemento da poboación e do consumo medio por persoa dos países BRIICS (Brasil, Rusia, India, Indonesia, China e Sudáfrica).

A actual crise económica tende a ralentizar o crecemento da pegada ecolóxica a escala global e a reducila en países como Galicia

A actual crise económica tende a ralentizar o crecemento da pegada ecolóxica a escala global e a reducila en países como Galicia, aínda que de xeito insuficiente e á custa de grandes sacrificios sociais. Compriría camiñarmos cara a unha economía sustentábel e xusta que reducise o consumo e aumentase a biocapacidade propia de xeito sustentábel.

 

*Notas: Os datos mencionados no texto refíresen aos anos máis recentes para os que están dispoñíbeis. 2008 no caso dos de ámbito mundial (fonte: Global Footprint Network). E 2005 no que atinxe aos referidos a Galicia (fonte: La huella ecológica como elemento de valoración integrada de la sostenibilidad del desarrollo, estudo para o Ministerio de Medio Ambiente).

Central térmica de Meirama © Praza Pública
Déficit ecolóxico das grandes potencias económicas © Global Footprint Network

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.