Galicia, pioneira na xeración de enerxía coas correntes mariñas

Outra imaxe do 'Proyecto Magallanes' © Magallanes Renovables

Co gallo da celebración, este mércores, do día mundial da eficiencia enerxética, a revista Dínamo Técnica entrega este xoves en Vigo os Premios Galicia de Energía, nun acto que contará coa colaboración do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais e que se celebrará no Auditorio do Concello. Os galardóns, fallados o pasado 16 de decembro, recoñecen as mellores actuacións relacionadas coa enerxía, aforro e eficiencia enerxética e enerxías renovables realizadas durante o pasado ano en Galicia.

"As correntes mariñas caracterízanse polo seu gran potencial e previsibilidade, o que as converte nunha das fontes de enerxía renovable con mellores e máis prometedoras expectativas de futuro"

O premio ao mellor proxecto emprendedor recoñeceu o Proyecto Magallanes, desenvolvido en Redondela por Magallanes Renovables, e que está traballando de forma pioneira nunha plataforma flotante capaz de xerar electricidade a partir das correntes mariñas. O equipo comezou a traballar no ano 2007 e dende o entón o proxecto foi crecendo, até ser recoñecido polo Centro Europeo de Enerxías Mariñas (EMEC) como o primeiro proxecto español de correntes mariñas. Ademais, no proxecto colaboraron grupos de investigación tanto da universidade da Coruña coma da de Vigo. Os seus promotores destacan que "as correntes mariñas caracterízanse polo seu gran potencial e previsibilidade, o que as converte nunha das fontes de enerxía renovable con mellores e máis prometedoras expectativas de futuro".

Sinalan que o impacto medioambiental é "mínimo", pois "non producen contaminación visual, polución ou ruído, xa que os seus rotores son lentos"

Tamén sinalan que o impacto medioambiental é "mínimo", pois "non producen contaminación visual, polución ou ruído, xa que os seus rotores son lentos". Engaden que a densidade da auga é "850 veces maior que a do aire", polo que "a potencia por unidade de área varrida é superior nun factor de 6,8 a 23 á que se obtería nunha aeroturbina", o que implica "un tamaño moito menor de toda a estrutura" e polo tanto un menor custe.

Tras tres anos de estudos e probas en laboratorio, modelizaxe e axustes informáticos, terminouse a definición do deseño conceptual que cumpre coas características desexadas, tanto hidrodinámicas, de solidez e custes de produción. Ao longo do período de estudo tamén se fixo un estudo de recurso e condicións ambientais nos posibles lugares de explotación, en colaboración coa Universidade de Cádiz. Na actualidade xa traballan cun prototipo a escala 1:10 e esperan seguir realizando probas para o desenvolvemento completo da tecnoloxía e a produción en serie destes xeradores que, engaden, teñen un doado proceso de montaxe e un fácil transporte, e poden ser utilizados mesmo a gran profundidade.

Os restantes galardóns son os seguintes:

  • Premio ao mellor comunicador en materia enerxética: Santiago Riveiro Calviño. El Correo Gallego.
  • Premio á mellor actuación de sensibilización e difusión en materia enerxética: Xornadas Galegas de Enerxías Renovables. Organizadas polo Concello de Vigo, FAIMEVI e ICOIIG.
  • Premio ao mellor proxecto de enerxías renovables: Sistema de compensación de potencia reactiva en parques eólicos. Electrotécnica Industrial y Naval S.L. (Elinsa).
  • Premio ao mellor proxecto de eficiencia enerxética: Compra online de enerxía eléctrica para clientes industriais. Gerencia Energética S.L.
O Proyecto Magallanes, desenvolvido en Redondela © Magallanes Renovables
Outra imaxe do 'Proyecto Magallanes' © Magallanes Renovables

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.