Galicia reduce a fenda dixital, cando menos nas cidades

Os galegos de menos de 45 anos usan máis a rede que a media española © Osimga

Galicia reduce a súa fenda dixital, achégase á súa converxencia cos indicadores estatais de uso de Internet e dispoñibilidade de equipamentos no fogar, pero segue por detrás da media española, segundo os datos publicados este luns pola Sociedade da Información e da Modernización de Galicia (OSIMGA).

Con todo, se se analizan os datos polo miúdo, advírtese que tamén no interior de Galicia hai unha fenda, tanto en función do hábitat (urbano-rural) coma por grupos de idade. As urbes galegas amosan cifras de acceso e uso de Internet semellantes á media española, pero as zonas rurais seguen lonxe da converxencia. O mesmo pasa por idades: os galegos menores de 44 anos conéctanse á rede máis que no resto do Estado, pero por riba desa idade o uso de Internet é moi inferior en Galicia.

O 58,3% dos fogares dispón de conexión a Internet, mentres que a media española está no 63,9%

O 58,3% dos fogares dispón de conexión a Internet, mentres que a media española está no 63,9%. O ritmo de crecemento galego duplica ao estatal, pois en Galicia a contratación de Internet medrou 9,4 puntos mentres que o incremento da media estatal foi de 4,8 puntos. Iso significa que a fenda dixital con España se reduce en 4,6 puntos, pois en 2010 o acceso á rede en Galicia era do 48,8%, fronte a unha media estatal do 59,1% dos fogares. Un 60,3% da poboación galega utilizou Internet nos últimos tres meses, 6,7 puntos máis que a principios do ano 2010.

Tamén na banda larga se reducen as diferenzas, aínda que Galicia segue lonxe das medias estatal e europea

Iso si, o dato de contratación da conexión a Internet elévase nas grandes cidades ata o 67,9%, case 10 puntos por riba da media galega e converxendo xa coa media estatal (a só 2 décimas). Mentres, nos 199 concellos rurais de menos de 5.000 habitantes a porcentaxe descende até o 43,3%.

Tamén na banda larga se reducen as diferenzas, aínda que Galicia segue lonxe das medias estatal e europea. O 55,9% dos fogares galegos conéctase a Internet mediante banda larga, un 20,2% máis que en 2010, cun ritmo de crecemento que duplica ao da media estatal, o que permitiu reducir a fenda dixital entre Galicia e España en 4,9 puntos. En España a cifra de fogares con banda larga chega ao 61,9% e na UE é xa do 68%.

Os galegos e galegas de 16 a 44 empegan máis Internet que a media estatal neses grupos de idade

Os galegos e galegas de 16 a 44 empregan máis Internet que a media estatal neses grupos de idade, de feito, os menores de 35 anos, cunha porcentaxe de usuarios da rede superior ao 90%, superan en máis de dous puntos a media española. Porén, de 45 anos en adiante, a porcentaxe de usuarios de Internet en Galicia é moi inferior á media do Estado, con entre 7 e 9 puntos de diferenza. Chama a atención, por exemplo, que entre os galegos que teñen entre 45 e 54 anos a porcentaxe de usuarios da rede sexa só do 55,8%, mentres que a media do Estado é do 65,1%.

Finalmente, o 16,4% da poboación galega merco a través de Internet nos últimos tres meses. As compras a través da rede incrementáronse un 13,9% no período 2010-2011 fronte ao 8,6% da media estatal, o que volve a reflectir un maior ritmo de crecemento galego e unha tendencia cara a converxencia.

Galicia achégase á converxencia coa media estatal © Osimga

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.