Galicia TIC deita a súa ollada sobre a potencialidade dos países emerxentes

Imaxe dunha edición anterior de Galicia TIC © 2mares.com

O encontro de profesionais e empresas de novas tecnoloxías Galicia TIC celebrará o vindeiro 24 de outubro en Compostela a súa undécima edición. Ao igual que outros anos, este foro quere servir de plataforma de debate sobre as mellores solucións ofrecidas para a competitividade das empresas galegas e para o servizo do sector público. Nesta edición, Galicia TIC quere dirixir a súa ollada ao ámbito internacional, en especial cara a países emerxentes, como oportunidade para o desenvolvemento tecnolóxico en produtos e servizos baseados en TIC e de negocio para as empresas do sector en Galicia.

O encontro conta nesta ocasión co coñecemento de expertos e empresas xa fortemente internacionalizadas, que demanden tecnoloxías que teñan un gran potencial de desenvolvemento para as empresas que participen

Para iso, o encontro conta nesta ocasión co coñecemento de expertos e empresas xa fortemente internacionalizadas, que demanden tecnoloxías que teñan un gran potencial de desenvolvemento para as empresas que participen. Pola tribuna de Galicia TIC nas súas 10 edicións desde 2003, pasaron prestixiosos expertos conferenciantes internacionais de distintos ámbitos das TIC, así como profesionais de empresas que ofertan ao mercado TIC produtos de gran innovación e impacto, tanto en software como en hardware e comunicacións.

A xornada conta cun rico programa de conferencias e relatorios. Jose Luis Angoso (director I+D+i de INDRA) ofrecerá unha conferencia sobre "Las TIC como factor de Innovación". Igor Soto Guerricaechevarría (Iberica Urban Development Manager de PHILIPS IBERICA) falará sobre "Gestión Inteligente de la Iluminación como germen para una Smart City". Virginia Miguez Martín (directora de Administración Pública de Intel Corporation Iberia) presentará un relatorio titulado "Hacia un mundo de movilidad y Cloud". Juan Blanco (director de desenvolvemento de negocio de CISCO SYSTEMS) centrarase en "Internet of Things (IoT): ¿La nueva revolución industrial?". Beatriz Vega (desenvolvemento de Negocio de ORACLE) falará de "Big Data como proyecto de valor para su negocio". E Elisa Martín Garijo (directora de I+D+i de IBM) pechará a xornada tratando a "Innovación tecnológica para un mundo abierto".

Haberá tamén varias mesas de debate, sobre internacionalización (coa participación de representantes de Confirmsign, Imaxin, Primate e Ipoki, Plexus, Teimas, Intergal e do Centro Tecnológico GRADIANT) e outra centrada especificamente na internacionalización das TIC galegas, coa presenza de Carlos Suárez (EDISA), José Outón (SIVSA), Fernando Vázquez (IMATIA), Alejandro Daniel (SEIDOR) e Armando Villanueva (RED PEXGA). Outra das mesas de debate analizará os "novos retos na e-Administración", coa intervención de Fernando Vazquez (IMATIA), Alex Totras (ORACLE), Amancio Varela (Seputación de Pontevedra) e  Mª José Garcia Sexto (AMTEGA).

Imaxe dunha edición anterior de Galicia TIC © 2mares.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.