Google sabe (e lembra) onde estás

Exemplos de localizacións rexistradas por Google en rúas de Lugo e Santiago CC-BY-SA Praza Pública

Hai pouco máis dunha década, mentres o Mundial de fútbol se estaba a xogar entre Corea do Sur e o Xapón, entre as curiosidades que chegaban daqueles países eran os avances tecnolóxicos que lles permitían aos seareiros, por exemplo, ter imaxes en cor dos xogadores nos seus teléfonos móbiles. O que daquela eran modernos terminais semellarían hoxe reliquias tecnolóxicas ao seren comparados cos trebellos que moitas persoas manexan de maneira cotiá. Entre as prestacións que ofrecen na actualidade moitos destes equipamentos móbiles están os vinculados ás aplicacións de mapas que, como a popular Google Maps, serve para localizar lugares concretos e trazar rutas, pero que tamén lle permite ao xigante tecnolóxico rexistrar e lembrar a posición das persoas que a utilizan sempre que estas llo permitan.

Aínda que moitos usuarios e usuarias de Google e do seu sistema operativo para móbiles, Android, descoñecen que a empresa está rexistrando os movementos dos seus dispositivo poden comprobar que isto acontece accedendo á páxina de consulta do historial de localizacións co seu nome e contrasinal. Aí atoparán plasmados sobre o mapa e organizados por días e horas os movementos que realizaron en compaña do seu teléfono móbil, tableta ou ordenador con gran detalle, xa que non só especifica a cidade, vila ou barrio, senón a rúa ou lugar concreto. Pero, para que fai isto Google? E, sobre todo, é unha ameaza para a privacidade?

Quen responde a estas preguntas é Iago Varela, editor de Mallandroid, o espazo galego de referencia sobre Android e outros produtos de Google. "O rexistro de localizacións é algo que o usuario pode aceptar ou non durante o proceso de configuración inicial do seu terminal ou en calquera momento a través dos menús de axustes" e faino ademais "nunha pantalla específica e non agochada nunha longa listaxe de termos de uso", polo que "a cuestión da privacidade" fica, neste caso, "nas nosas propias mans". E, que función ten ademais de refrescarnos a memoria a respecto dos lugares polos que andamos? Os datos, sinala Varela, sérvenlle a Google para, por exemplo, "precidir onde imos ir, avisándonos para que chegemos a tempo, detectar onde deixamos aparcado o coche ou achegarnos resultados de busca determinantes nos nosos arredores".

"É algo que o usuario pode aceptar ou non", polo que "a cuestión da privacidade fica nas nosas mans", di o editor de Mallandroid

Unha vez recompilados, os datos de localización pasan "do noso smartphone á nube de Google, onde son replicados en diferentes servidores da empresa repartidos por todo o mundo, de xeito semellante ao resto de datos que manexa Google, como o correo de Gmail". O seu obxectivo úlitmo é alimentar un dos produtos estrela da compañía, Google Now, que para o editor de Mallandroid é "un dos mellores asistentes que existen" porque "actúa intelixentemente" e é quen, por exemplo, de "detectar os nosos eventos para avisarnos da hora á que debemos saír da casa para chegar a tempo" ou "amosarnos os cinemas máis próximos cos horarios cando buscamos información unha película en carteleira". "Un smartphone coa localización desactivada perde moitas posibilidades", di.

Os datos almacénanse en servidores de todo o mundo e utilízanse para ofrecer servizos personalizados

Iago Varela explica, así e todo, que estas vantaxes tecnolóxicas non están exentas de "problemas" cando "se dan casos como os recentes da NSA, con espionaxes por parte de entidades gobernamentais". "Porén -abonda- se nos quixésemos tomar o tema da privacidade tan en serio como deberíamos, veríamonos obrigados a renunciar á meirande parte dos servizos e aplicacións que usamos a diario en Internet". "Persoalmente -afirma- prefiro compartir ese anaco da miña privacidade con Google a cambio deses servizos extras". Con todo, abonda con desconectar eses servizos de ubicación no teléfono móbil ou na páxina de Google Location para que se "deixe de rexistrar" unha ubicación que en determinadas ocasións pode ser errónea e chegar, por mor das "triangulacións das redes de telefonía móbil", a rexistrar lugares nos que non estivemos, algo que non adoita acontecer cando entran en xogo os satélites GPS.

Páxina de inicio da instalación de Google Now nun móbil CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.