Es un argalleiro ou unha argalleira? Gústache fedellar en canto aparello atopas? Montalo, desmontalo, e volvelo construír? En Compostela estase organizando un evento que che pode interesar. Este sábado 17 Área Central acolle a primeira xuntanza de inventores e inventoras de Galicia, unha festa do movemento maker que busca poñer en valor os e as creadoras galegas.
A Compostela Mini Maker Faire ocupará durante todo o día as catro rúas principais deste centro comercial, con 70 expositores chegados de toda Galicia e doutras comunidades autónomas, que darán vida a unha programación composta de makers, talleres e mesas redondas. Haberá unha intensa programación de exhibidores e proxectos e produtos relacionados coa tecnoloxía robótica, impresión 3D, cortadoras láser, etc así como o máis innovador en artesanía, gastronomía e máis.
Os makers son os argalleiros e argalleiras de toda a vida, é dicir: persoas inquedas que gostan de utilizar o seu talento pensando en solucións a problemas cotiás e que disfrutan compartindo aquilo que saben facer, online ou en persoa, o que permite unha innovación moito máis áxil. Isto está a dar lugar ao que coñecemos hoxe en día como o Movemento Maker. Este movemento baséase na cultura do Do It Yourself ou Faino ti mesmo e a aplicación dos principios do software libre á fabricación. As ferramentas de fabricación dixital democratizáronse grazas ao desenvolvemento de espazos creativos compartidos (FabLabs, HackerSpaces, MakerSpaces e espazos de Coworking) e ao intercambio de coñecementos e información que se xera nestas comunidades de profesionais. Arduino, Impresoras 3D, Open Structures, Open Source Ecology son só algunhas das ferramentas que usan.
O movemento maker caracterízase polo tanto por compartir coñecemento e polo seu talante colaborativo. Na feira compostelá haberá de mañá e de tarde talleres en aberto para toda a familia, e un terceiro espazo onde ao longo do día se sucederán mesas redondas sobre tecnoloxía, innovación educativa, espazos colaborativos, gastronomía e makers coa presenza de referentes en cada un dos sectores. Haberá ademáis unha zona específica na que artistas urbanos realizarán intervencións sobre obras de artistas e artesáns de renome o que constituirá un espectáculo ao vivo.
Detrás desta iniciativa están Enrique Saavedra e Marcos Saavedra, Matilde Rodríguez e Chus Prol, impulsores respectivamente do Design Thinking, do movemento DoItYourself, e de economía colaborativa.Tamén se conta coa colaboración de moderadores para as mesas de debate: Marcus Fernández, Javier Mosquera, Chus Prol, Iñaki Quenerapú e Paula Cabaleiro.
A primeira edición dunha feira deste tipo, The original Maker Faire, foi realizada en San Mateo, California en 2015. O pasado ano chegou á súa novena edición, reunindo uns 1.100 participantes e máis de 130.000 asistentes. Ao redor de 120 comunidades locais organizan de forma independente as súas propias Mini Maker Faires en todo o mundo, un movemento ao que este ano se suma Compostela.