Xa se sabe que se Internet non vai á montaña, a montaña terá que montar a súa rede. Algo así fixeron no Courel, onde grazas a unha iniciativa da Asociación Valongo de Luzara, varias ducias de veciños e veciñas acceden á banda larga por apenas corenta euros ao ano. Tratáse dunha rede libre, unha comunidade wireless que conecta entre si a usuarios de Teixeira e Praducelo (Samos) e a todos a unha rede troncal, que lles fornece a conexión, grazas a guifi.net, unha rede de telecomunicacións aberta e sen ánimo de lucro que conta xa con 17 mil nodos.
Mario Vila, presidente da Asociación Valongo, explica que o proxecto comezou hai uns anos "pola carencia que tiñamos na zona". "Atopamos unha solución relativamente sinxela: Había bastante xente que non podía conectarse e montaron unha rede libre", di
Mario Vila, presidente da Asociación Valongo, explica que o proxecto comezou hai uns anos "pola carencia que tiñamos na zona". "Atopamos unha solución relativamente sinxela: Había bastante xente que non podía conectarse e montaron unha rede libre; igual que hai software libre, unha rede libre", di. Nestas zonas non hai alternativa para conectarse a Internet, "Teixeira non ten nin cobertura de teléfono, hai que subir á estrada para ter cobertura", explica.
Vila explica que "a rede ten dúas estruturas: hai unha rede troncal, e despois hai unha serie de nodos, os usuarios, que se conectan aos supernodos. O que tes que facer é un esquelete". En realidade o que se crea é unha intranet conectada entre si por pequenas antenas; mediante este sistema de conexión cada usuario crea o seu tramo de interconexión coa rede, responsabilizándose dela. Polo tanto, a rede ten un crecemento vírico aumentando con cada usuario. A velocidade é variable, pois depende do número de usuarios que estean conectados nese momento. Así, que o ancho de banda é de 15 megas e hai dez usuarios, a velocidade para todos sería de 1,5; "se se necesita máis ancho de banda, ábrese outra", explica.
O sistema tamén foi ofrecido a moitos concellos rurais, acadando a incomprensión e a indiferenza dos alcaldes
Despois do éxito acadado en Teixeira, vén de abrir unha nova rede en Loseiro (Sarria), tamén cunha trintena de usuarios conectados, que pagan neste caso uns cinco euros ao mes, un prezo simbólico para manter o servizo, pois guifi.net non ten ánimo de lucro. Un sistema moito máis barato que os sistemas Wimax, salienta Vila, que tamén destaca que en moitos casos "se te dirixías a unha empresa para que contratar un servizo semellante, non cho ofrecían". O sistema tamén foi ofrecido a moitos concellos rurais, acadando a incomprensión e a indiferenza dos alcaldes. Dende SOS Courel engaden a este respecto que “degraciadamente, polo xeral, os políticos escapan sempre de proxectos e obras de baixo custo ou regaladas, onde non se moven os euros, non se pode enterrar o cazo”.
O primeiro que se debe facer é darse de alta en guifi.net e sinalar a localización exacta do usuario ou usuaria no mapa, para ir configurando a nova rede
A comunidade galicia.guifi.net ofrece toda a información necesaria para poñer en marcha o sistema. O primeiro que se debe facer é darse de alta en guifi.net e sinalar a localización exacta do usuario ou usuaria no mapa, para ir configurando a nova rede. Unha vez que hai un número mínimo de usuarios, a rede pode poñerse en marcha.