Investigadores galegos e cataláns desenvolven un sistema para predicir mareas vermellas

Batea na Ría de Arousa © Mexillón de Galicia

Un consorcio público-privado de I+D desenvolverá un sistema para ofrecer ao sector acuícola un método de alerta temperá en tempo real de proliferación de algas nocivas, popularmente coñecidas como mareas vermellas. O sistema persegue reducir as perdas que estas producen en até un 50% por batea. O obxectivo principal do programa é o de crear un sistema que prediga as mareas con polo menos unha semana de antelación, permitindo á industria produtora anticiparse e atenuar así as grandes perdas económicas que nos últimos anos afectaron á competitividade do sector.

O sistema está pensado para o mercado da produción acuícola mariña en xeral, prestando especial atención ao sector do mexillón

O sistema está pensado para o mercado da produción acuícola mariña en xeral, prestando especial atención ao sector do mexillón. O Consello Regulador Mexillón de Galicia estimou en 40 millóns de euros as perdas ocasionadas pola última marea vermella (finais de 2010), mentres que a Asociación Galega de Depuradores de Moluscos (AGADE) cifrou o descenso das vendas nun 50%, cunhas perdas por batea (das 3.200 que hai que Galicia) de 12.500 euros.

Cun orzamento de 1,2 millóns de euros e baixo o nome de Purga de mar (expresión utilizada pola xente do mar para referirse ás mareas vermellas),  no programa que agora se pon en marcha traballarán investigadores galegos e cataláns, coa colaboración dalgunhas empresas do sector. Así, baixo a dirección de EcoHydros e coordinados polo Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), en Purga de mar participan tamén Enviromar, especializada en tecnoloxía aplicada ao sector da acuicultura; o grupo Linamar, empresa comercializadora de molusco fresco; a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas e Peixes de Mariscos - Centro Técnico Nacional de Conservación de Produtos da Pesca (Anfaco-Cecopesca); o Instituto de Investigación e Tecnoloxía Agroalimentarias da Generalitat de Cataluña (IRTA) e o Laboratorio de Teledetección do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo

Os métodos analíticos e de control que existen na actualidade garanten a protección do consumidor, pero non permiten que o produtor poida anticiparse con medidas como a detección temperá

Os métodos analíticos e de control que existen na actualidade garanten a protección do consumidor, pero non permiten que o produtor poida anticiparse con medidas como a detección temperá, detoxificación e depuración, que é o que se persegue con Purga de mar. Para abordar esta problemática, o consorcio Purga de mar combinará tecnoloxías punteiras e de última xeración nos ámbitos da monitorización remota, redes de sensores sen cables, sistemas GIS-Web e Intelixencia Artificial

Estas tecnoloxías permitiranlle ao produtor coñecer en profundidade o fenómeno das mareas vermellas, predicilo con polo menos unha semana de antelación e ter acceso remoto, en tempo real, vía Internet 

Estas tecnoloxías permitiranlle ao produtor coñecer en profundidade o fenómeno das mareas vermellas, predicilo con polo menos unha semana de antelación e ter acceso remoto, en tempo real, vía Internet. Ademais, para facilitar o seu posterior uso, trátase dun sistema de fácil instalación, xestión e mantemento, ademais de escalable a outras contornas xeográficas e a proliferacións de distintas especies nocivas.

Batea na Ría de Arousa © Mexillón de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.