Investigar nun sistema coxo

Recipientes de laboratorio CC-BY-NC-SA tk-link

Laboratorios baleiros, teses sen rematar, liñas de investigación interrompidas. Os recortes en investigación e desenvolvemento (I+D) nos orzamentos públicos golpean duramente unha actividade que comezaba a despegar nos anos previos á crise

Porén, o sistema de innovación galego e español sempre estivo coxo. O alicerce básico foi o sistema público, fronte a un financiamento privado moi por debaixo da media europea. Non por casualidade, entre os países con menor inversión en I+D están Grecia, Portugal ou o Estado Español. 

Entre os países con menor inversión en I+D están Grecia, Portugal ou España.

No ano 2010, o Estado Español investiu un 1,39% do seu PIB en innovación e desenvolvemento, por debaixo da media do 2% Unión Europea, e moi lonxe do 3,87% de Finlandia, segundo os datos de Eurostat. Galiza só destinou a I+D máis do 1% do PIB en 2007 e 2008, antes da crise e durante o goberno do Bipartito, segundo o IGE

Desde que ese ano 2010 comezaron os drásticos recortes, a innovación perdeu un 34% do orzamento, segundo os datos do blog Investigación Digna, e a Xunta de Galicia leva 2 anos sen convocar axudas á investigación. Pola contra, Francia, Alemaña ou a Comisión Europea aumentaron as partidas para I+D

A investigación perdeu un 34% do orzamento desde o ano 2010.

Unha das causas desta falla de inversión privada en innovación é o propio tecido produtivo do país. Aínda que é posíbel innovar en calquera sector, unha parte importante das empresas galegas están centradas en actividades menos intensivas en coñecemento, apunta Carmela Sánchez Carreira, profesora do grupo de investigación Innovación, Cambio Estrutural e Desenvolvemento da USC. "A investigación no comercio ou na hostalería é unha actividade menor", destaca. 

Carreira tamén sinala o reducido tamaño das empresas, que poden dedicar menos recursos á esta actividade, e falla de apoio das entidades financeiras que existían no país. "non souberon valorar proxectos con certo risco, aos que non se lles podían aplicar os criterios bancarios tradicionais

As entidades financeiras galegas non apoiaron a investigación.

Para esta investigadora o problema non é que se formen demasiadas persoas, como sinalou a secretaria de estado de Investigación na revista Nature, senón que o tecido produtivo obrígaos a rematar no sistema público de innovación

 

Retórica sen obxectivo 

Sánchez Carreira destaca a falla dunha estratexia coherente por parte das administración neste eido. No canto de centrarse nun número reducido de actividades nas que o país puidese destacar, optouse por repartir os escasos recursos entre todos os sectores

Amais, as axudas eran pouco coñecidas e requerían longos trámites para poder acceder a elas, polo que finalmente as empresas que optaron a elas eran aquelas que con ou sen axudas ían destinar parte da súa actividade a I+D. 

Segundo estudos realizados polos grupo de investigación ao que pertence Carreira, poucas empresas que recibiron axudas para comezar a innovar mantiveron a actividade unha vez rematadas as subvencións

A retórica do cambio de modelo produtivo desapareceu coa crise.

Para esta investigadora antes da crise os políticos falaban moito de innovación sen saber realmente a que se refería, e o cambio de modelo produtivo reduciuse ao discurso e non ás accións. "E así estamos", remarca. 

Cos actuais recortes nos orzamentos públicos as consecuencias faranse notar a curto e a longo prazo. O máis inmediato será a interrupción da carreira investigadora de científicos novos en formación e a perda de recursos humanos que probabelmente marcharán do país. 

A longo prazo, perderanse os investimentos feitos até o momento, porque as liñas de investigación requiren tempo para consolidarse, e de paralas agora, tardarán anos en se recuperar. E como resultados dos cartos investidos quedarán edificios e laboratorios baleiros que ninguén empregará. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.