Kentaro, o lince 'galego' que morreu no Porto

En azul, o percorrido do lince Kentaro desde a súa solta en decembro de 2014 en Toledo ata que se lle perdeu a pista en marzo no Bierzo Dominio Público Iberlince

Un exemplar liberado en Toledo en decembro de 2014 aparece atropelado nunha autoestrada do norte de Portugal logo de pasar por Verín e Valdeorras nunha viaxe de 3.000 quilómetros

Kentaro naceu en 2013 nun centro de reprodución de Silves, no Algarve, e morreu hai uns días atropelado nunha estrada de Maia, ao norte do Porto. Polo camiño, a súa vida foi unha longa viaxe duns 3.000 quilómetros por media península ibérica, Galicia incluída, ata atopar o seu fin no norte de Portugal.

Kentaro formaba parte do programa Life-Iberlince para a reintrodución na natureza desta especie en grave perigo de extinción. Logo da súa solta en Toledo en decembro de 2014 equipado cun colar con GPS, o lince dirixiuse ao leste cara Cuenca, subiu logo ata o sur de La Rioja e desde alí encamiñouse cara o oeste, cruzando por Zamora ao norte de Portugal. Desde alí foi por onde entrou en Galicia en outubro do ano pasado, por Riós, ao leste de Verín, para saír logo duns poucos días polo sudoeste desa última localidade. Logo de volver pola zona de Bragança cara o leste e cruzar novamente a Zamora, desprazouse cara a beira sur do río Sil e puido volver entrar fugazmente en Galicia por Valdeorras a finais de xaneiro antes de que o seu colar deixase de transmitir datos o 5 de marzo no Bierzo, ao sur de Ponferrada. Non se volveu saber del ata que morreu no Porto.

Xunto con Kentaro, en Toledo soltárase tamén un irmán seu, Khan, pero a súa viaxe foi moi distinta. Volveu cara o sur de Portugal e asentouse nunha zona na que xa había outros exemplares. Os comportamentos de Khan e Kentaro, en todo caso, son excepcionais, xa que segundo os expertos o habitual é que os linces percorran varias ducias de quilómetros pero volvan sempre á mesma zona.

Kentaro na súa solta en Toledo en decembro de 2014 Dominio Público WWF

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.